A mediados de outubro a Xunta Electoral da Coruña ordenou ao Goberno retirar varias campañas de anuncios que estaba a publicar nos medios de comunicación. Respondendo á denuncia dun particular, a autoridade electoral concluíu que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo estaba a "infrinxir a prohibición" marcada na lei por desenvolver en período electoral campañas que supuñan "a expresión publicitaria de actuacións políticas" que quebrantaban o "principio de neutralidade" que todo goberno debe respectar dende que se convocan unhas eleccións, neste caso as xerais do 10 de novembro, ata que se celebran. A Xunta non podía facer campaña en precampaña.
No texto, aprobado horas antes do inicio da campaña do 10N, a Xunta preséntase como "modelo de centralidade política" e carga contra o "desafío permanente e desleal do independentismo" que, di, fai necesario formular estas "demandas" ao vindeiro Goberno de España
Apenas dez días despois desa decisión da Xunta Electoral e a apenas doce horas do inicio formal da campaña do 10N -acurtada a oito días en virtude da reforma aprobada en 2016 para supostos de repetición electoral coma esta-, o Consello da Xunta tivo sobre a mesa da súa reunión semanal apenas sete asuntos dos que só catro foron acordos executivos en sentido estrito. Os tres restantes foron informes; un deles, un inédito documento -a Xunta nunca divulgara un semellante- con "demandas ao próximo do Goberno de España" que cadra, en contido e forma, co groso do argumentario que o propio Feijóo e outros cargos do PP veñen desenvolvendo dende hai semanas contra o Executivo de Pedro Sánchez e o PSOE.
Este documento, de dezaoito páxinas, está introducido por un texto de cinco parágrafos no que, a modo de exposición de motivos, a Xunta desprega a xustificación política do informe. Tras meses nos que diversos grupos -como En Común, o BNG ou o propio PSOE- falaron da necesidade de incorporar unha "axenda galega" á política do Estado, a Xunta fala agora da Axenda Galicia porque "Galicia é hoxe un modelo de centralidade política" cunha "dobre faciana" de "lealdade" a "todas as institucións do Estado" e "esixencia de todo aquilo que en xustiza precisa a cidadanía galega.
É neste punto no que a Xunta incorpora outro dos aspectos clave do argumentario do PP nos últimos meses: Cataluña. "A Autonomía (sic) galega non está contra o Estado como lamentablemente se ve noutras partes de España", proclama o informe. "É e séntese parte fundamental do Estado", agrega. As peticións son formuladas agora, xustifica, porque "a política española sofre unha situación de bloqueo que está afectando a decisións fundamentais para o correcto funcionamento do Estado das Autonomías".
O documento combina cuestións pendentes dende hai lustros ou mesmo décadas con outras conxunturais e, sobre todo, obras como o AVE a Madrid, ao que Feijóo se volve aferrar como arma electoral na recta final das obras
Segundo a Xunta, existe o "risco" de que nas eleccións do 10N "a atención se desvíe de asuntos que afectan á vida da xente" para "centrarse noutros de menor relevancia". E ademais, considera, dado o "desafío permanente e desleal do independentismo" o Goberno central "entrante" pode "descoidar a xestión das cuestións galegas". Por estes e outros motivos, "con determinación, coa Constitución e o Estatuto de Autonomía como respaldo", o documento "apela" a que "o próximo goberno lle dea resposta" a esta serie de asuntos que dependen "da boa xestión".
No que atinxe aos contidos concretos, o informe combina cuestións pendentes dende hai lustros ou mesmo décadas -dende o "reto demográfico" ao sistema de financiamento autonómico caducado en 2014 pasando polos fondos estatais da lei de dependencia, nunca satisfeitos dende a súa aprobación- con outras conxunturais, como o Brexit. E, sobre todo, obras a comezar polo AVE a Madrid, ao que o presidente galego se volveu aferrar como arma de campaña mentres as obras entran na súa recta final. Tras dar por imposible a pasada semana o prazo de 2020, que fixara o Goberno de Rajoy, o informe feito público agora pide que "a venda de billetes" desa liña de alta velocidade ferroviaria estea "á disposición antes do próximo Xacobeo 2021". No horizonte, ademais do 10N, están xa as eleccións galegas de 2020.