Este xaneiro cúmprese o oitavo aniversario da Lei de Dependencia. Un texto que debería pór o último alicerce do Estado do Benestar: a diversidade funcional. Pero a combinación da crise económica, as esixencias sobre o déficit e os recortes podárona até non deixarlle case nin tan sequera agromar. Nada máis chegar ao Goberno, o PP lexislou á baixa os dereitos dos dependentes. Xa o avisara Mariano Rajoy sendo aínda candidato: "Non é viable", asegurara sobre a dependencia. Mantivo a súa promesa.
A crise, as esixencias do déficit e os recortes podaron a lei da dependencia ata non deixala nin agromar
A mingua de atendidos en Galicia é practicamente constante dende marzo de 2013, cando o sistema chegou ao que, polo momento, foi o seu teito, con case 39.800 persoas atendidas. Dende aquel momento o recorte medio na atención foi de case sete persoas ao día.
Tomando como referencia os últimos datos do Imserso, do pasado 30 de novembro, é posible coñecer que en Galicia a cifra total de mulleres e homes dependentes con atención pública baixou, pasando de 38.898 no mesmo mes de 2013 ás 38.348 de agora, isto é, 550 persoas menos. Tanto no país como no conxunto do Estado, hai varias claves que explicano o por que do fracaso desta lei da dependencia.
O financiamento
Quen paga e canto pon cada un. Ese é o maior problema da lei de Dependencia desde a súa xestación. Nin o Estado nin as autonomías creron a teoría de que financiarían o sistema a partes iguais. Mostra diso foi a dificultade para alcanzar os acordos necesarios entre os diferentes niveis da administración para aprobar o seu desenvolvemento normativo. Así, non foi até varios meses despois da súa entrada en vigor, cando se puido empezar a aplicar a lei. A realidade, segundo o último informe da Asociación de Directores e Xerentes en Servizos Sociais, é que as comunidades autónomas están a asumir ao redor do 60% do custo das prestacións, mentres que as persoas atendidas e o Estado pagan ao redor do 20% cada un.
A partida para a dependencia nos Orzamentos do Estado descendeu un 27% en catro anos
A crise agudizou o problema do financiamento. Primeiro foron os recortes: dos 1.498 millóns de euros que recollían os Orzamentos Xerais do Estado en 2011, en 2015 prevíronse 1.177, un 27% menos. Logo chegaron os cambios na lei, que acabaron coa súa esencia de dereito subxectivo. En paralelo, a maior parte das autonomías, en situación de déficit, han ir perfilando novas estratexias para encubrir que a billa das axudas vaise ir pechando.
O Colexio Oficial de Traballo Social vén de denunciar na situación e insiste en que a dependencia sexa incluída no futuro modelo de financiamento autonómico, porque sería a única forma de salvar un sistema que agora mesmo se atopa “sen saída”
O copago
A lei previu o copago por parte das persoas que se beneficiaban das axudas, pero en menor medida á actual. Co Real Decreto 20/2012 que aprobou o Goberno de Rajoy aos poucos meses de asumir o poder, os dependentes con rendas superiores ao IPREM (532 euros ao mes) asumen parte do custo da prestación que reciben. Tamén contabiliza a primeira vivenda, por exemplo. Na práctica, isto tradúcese en que moitas familias teman pedir unha praza nun centro de día, por exemplo, por medo a non poder pagar o que lles corresponda. Desta forma, consolídanse as axudas económicas ao coidador familiar.
O aumento do copago por parte dos beneficiarios e o copago sanitario dificultan a situación dos dependentes
Sobre as persoas con dependencia recae tamén o aumento e ampliación do copago sanitario. Hai que ter en conta que na súa maioría son persoas maiores, enfermos crónicos e persoas con discapacidade, que antes estaban exentos do pago de medicamentos.
O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) acaba de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas para impulsar unha iniciativa lexislativa popular de reforma da lei, "para establecer uns criterios xustos de copago que non expulsen ás persoas en situación de dependencia da protección".
A lista de espera
O chamado limbo da dependencia é outro dos males que arrastra a lei. Na actualidade, 167.869 persoas esperan a recibir a axuda. Representan o 19% do total de persoas co dereito recoñecido, unha porcentaxe que se mantivo ao longo de todo o 2014.
Até o mes de agosto de 2012, a axuda que correspondía a todas esas persoas en lista de espera íase acumulando, de forma que, se non falecían antes, recibían os atrasos en canto se lles facía efectiva a axuda. O Real Decreto 20/2012, do 13 de xullo de 2012, eliminou a chamada retroactividade durante os dous primeiros anos. É unha forma de permitir ás autonomías ter as persoas esperando durante ese tempo sen ter que asumir ningún custo.
Freo ao calendario de implantación
A partir do próximo mes de xullo, máis de 300.000 persoas entrarán no sistema. Son os chamados dependentes moderados. Son os máis autónomos, aínda que necesitan axuda para realizar as tarefas da súa día a día. En teoría, deberían empezar a beneficiarse das axudas en 2013, pero atrasouse a súa entrada no sistema. Unha vez máis, a razón háxase no Real Decreto 20/2012 do 13 de xullo.
A lista de espera aumentará aínda máis durante este 2015
Se a tendencia non cambia, é de esperar que a lista de espera aumente aínda máis, porque a estes hai que sumar as novas solicitudes que se presenten. Iso si, antes deberán pasar todos os trámites de avaliación da súa situación e determinación da axuda, ata que esta fágase efectiva.
Menos axudas
A eliminación da retroactividade provocou que moitas persoas, logo de anos de espera, morresen sen recibir unha axuda. Esta realidade, unida a que esas prazas e axudas non se repoñen, está a provocar que descenda, mes tras mes, o número de persoas que se benefician da lei, segundo veñen denunciando os afectados e profesionais do sector. Así, de xaneiro a novembro de 2014 (son as últimas cifras oficiais que se dispoñen), 25.276 persoas saíron do sistema. A cifra dispárase se tomamos como referencia o mes de agosto de 2012, que foi cando entrou en vigor o Real Decreto que modificou o espírito da lei. Desde entón, danse 51.223 axudas menos.
A lei da dependencia atende menos da metade do total de persoas que estimou na súa orixe
Esta realidade bate coa estimación que se fixo no chamado Libro Branco da Dependencia. O estudo, que en 2004 sentou as bases da futura lei, prevía que en 2015 un total de 1.373.248 persoas se beneficiarían da lei. A día de hoxe, a lei atende a un 53% do total de persoas que se estimou na súa orixe.
A excepción fíxose norma
A Lei de Dependencia naceu coa ambición de crear unha rede pública de servizos de calidade para atender as persoas con dependencia, pero na realidade, as axudas económicas para a coidadora familiar son a norma. Recíbenas o 52% dos fogares con persoas dependentes. Inflúe a vontade dos afectados, que prefiren, por tradición, seguir co coidado no fogar a cambio dunha paga. Pero tamén ten moito que ver o feito de que ás comunidades autónomas sáelles máis barato pagar unha axuda de 500 euros mensuais que unha praza nunha residencia, duns 2.000 euros, por exemplo.
Malia o aforro respecto dos plans iniciais da lei, os recortes tamén se aplicaron ás familiares coidadoras (máis do 90% son mulleres). Por unha banda, en xullo de 2012, o Goberno rebaixou a contía das axudas económicas nun 15% de media, aínda que deu carta branca ás autonomías para reducilas máis. Por outra banda, o Goberno deixou de pagar a cotización da seguridade social das coidadoras. Desde agosto de 2012 corre a cargo das familias, o que provocou que estes coidados de novo queden á marxe da economía estatal, xa que moitas mulleres non poden asumir ese custo.
A realidade deixou milleiros de prazas de residencias baleiras en todo o Estado
Esta realidade deixou miles de prazas de residencias baleiras. Son aqueles centros que se construíron co fin de establecer concertos económicos coas autonomías que nunca chegaron. A Federación Empresarial de Asistencia á Dependencia (FED) cifrounas en máis de 50.000.
Trabas encubertas
Á marxe dos recortes e cambios lexislativos, as familias de persoas con dependencia levan anos denunciando as trabas encubertas que se están aplicando para dificultar que novas persoas se beneficien das axudas.
Non foi dabondo con eliminar os dous niveis que se incluían en cada grao de dependencia. Así, a avaliación simplificouse a tres graos: grandes dependentes, severos e moderados. Desta forma promoveuse que as persoas quedasen en graos máis baixos ao que lles correspondería, ao eliminar os matices xa de seu complexos.
A isto, sumáronse revisións de oficio a persoas dependentes cuxo estado se sabía con certeza que non ía mellorar. Algunhas familias viron como o grao de dependencia variaba dun mes a outro e mesmo como a cobertura da súa prestación reducíase sen previo aviso.
A prevención invisible
A "promoción da autonomía persoal" colocouse no primeiro lugar do título da lei. O obxectivo era previr antes que curar, non deixar que o estado das persoas se estragase até o punto de que necesitasen axuda constante, ademais, máis cara.
A realidade é que este tipo de axudas son practicamente testemuñais. En toda España, só se dan 21.677, un 2,3% do total. En Andalucía, Aragón e Cantabria nin tan sequera se contempla e na autonomía que máis dá, Castela e León, apenas representa un 10% do total.
Posibilidade de negocio
Mentres se produce o desmantelamento da lei de dependencia, as aseguradoras están a publicitar novos servizos destinados a atender posibles necesidades futuras de dependencia. Aínda que a súa implantación no mercado é discreta, nos últimos meses rexistraron un aumento significativo. En setembro, últimos datos que publicou a patronal das aseguradoras, Unespa, 34.630 persoas tiñan contratado un seguro de dependencia, un 59% máis que ao fin de 2013.
Mentres se desmantela a lei de dependencia, as aseguradoras publicitan novos servizos e os contratos deste tipo aumentan
Axudas a golpe de queixas
A vista de que os seus dereitos esmorecían, as persoas con dependencia e os seus familiares han ir gañando protagonismo grazas á forza que adquiriron as plataformas da dependencia. A presión que exercen nas rúas, a súa repercusión mediática e a acción dos seus avogados nos xulgados permitiu que miles de familias reciban as axudas ou non perdan os seus dereitos. A finais de 2011, as distintas plataformas e asociacións que existían en varias autonomías e provincias constituíronse como coordinadora estatal. Hai uns días, esta coordinadora emitiu un comunicado denunciando como os recortes e reformas "demoleron e dinamitaron progresivamente o sistema até chegar á actual situación de colapso".