O presidente di que non pode contestar se vai seguir saíndo en máis programas dos medios públicos "porque non hai nada previsto", pero que si pode prever que "se volvo saír á oposición non lle vai gustar"
Tras aparecer o pasado domingo nun programa da TVG sobre persoas maiores activas e facelo dúas semanas antes no máis xuvenil e nocturno Land Rober, de Roberto Vilar, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu críticas polo que a oposición considera un uso electoralista dos medios públicos galegos. Foron unhas aparicións en programas de entretemento que ofreceron unha imaxe amable da súa persoa e que se suman ás reiteradas críticas da oposición e profesionais dos medios públicos pola manipulación dos programas informativos da CRTVG en beneficio do Goberno galego.
Preguntado este xoves Rueda por esas críticas e sobre se pensa seguir acudindo a máis programas dos medios públicos galegos, o presidente contestou que á oposición non lle gusta nada do que fai. E tirou de ironía: "Quédame probar cos programas deportivos, a ver se lles gusta".
Sobre a posibilidade de acudir a algún novo programa, Rueda deixouno no aire. "Non lle vou contestar sobre se vou seguir saíndo porque non hai nada previsto ao respecto, o que podo prever é que se volvo saír nalgún programa á oposición non lle vai gustar", concluíu.