O 'xiro social' de Feijóo precisaría 1.000 millóns para igualar o orzamento que atopou en 2009

Feijóo, na presentación do teito de gasto, o pasado xullo © Conchi Paz

Tras o pau sufrido polo PPdeG nas pasadas eleccións municipais, co peor resultado nuns comicios locais en Galicia dende que existe o partido, os conservadores lanzáronse a anunciar toda unha batería de medidas no ámbito social, algunhas destinadas a paliar recortes aprobados e aplicados polo propio PP. Prevención dos desafiuzamentos, redución do copagamento farmacéutico, recuperación parcial do préstamo dos libros de texto ou a creación dun órgano de seguimento do denominado Plan social contra a desigualdade económica foron algúns dos anuncios que acompañaron os primeiros compases dun 'xiro social' que, para traducirse orzamentariamente, precisaría dunha inxección de 1.000 millóns de euros que dificilmente poderán chegar.

Os primeiros acenos sociais cos que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo tenta recuperar posicións cara á transcendentais citas electorais que veñen foron solemnizados o pasado luns coa posta en marcha da nova estrutura do Goberno, que inclúe a disolución dunha das fusións de consellerías aprobada en 2009 e o nacemento do departamento de Política Social, con José Manuel Rey Varela á fronte. Segundo o presidente, tomou a decisión de reforzar o "eixo social" porque, "aínda que a crise comeza a ser pasado para algunhas persoas, aínda non é cousa pretérita para moitas galegas e galegos". Por iso, asegura, "creamos unha nova conselería dedicada con carácter exclusivo á atención daquelas persoas que ven a recuperación soamente nos xornais".

Nos orzamentos de 2009 algo máis de 7.000 millóns estaban destinados a funcións sociais, que neste 2015 ficaron un chisco por riba dos 6.000

Ás portas do derradeiro debate de política xeral da lexislatura e, sobre todo, da tramitación dos derradeiros orzamentos do mandato, unha ollada cara a atrás permite concluír que os incrementos que poida xestionar Rey Varela non poderán, segundo os datos que manexa a Xunta, chegar ao grao de investimento que o PP atopou ao retornar ao poder. Tras tomar posesión Feijóo tivo entre mans o orzamento aprobado pola coalición de PSdeG e BNG, con máis de 11.000 millóns de euros de capacidade de gasto dos que algo máis de 7.000 estaban reservados para funcións sociais, segundo datos da Consellería de Facenda. As últimas contas públicas en vigor, as de 2015, contaron cun 14% menos de fondos nestas partidas, que se traduciron nunha redución de algo máis dos devanditos 1.000 millóns de euros.

Atendendo aos libros orzamentarios deses dous exercicios, é posible observar que as sete funcións que poden ser incluídas dentro do investimento social sufriron reducións, aínda que non todas coa mesma intensidade. No eido sanitario, o departamento que xestiona un maior volume de recursos públicos de toda a Xunta, a caída foi de máis de 370 millóns de euros. En Educación o Goberno galego recortou por riba dos 350 millóns e en promoción do emprego, máis de 200.

Sanidade e Educación sufriron cadanseus recortes superiores aos 300 millóns de euros

En funcións orzamentariamente máis modestas como vivenda, a tesoirada foi de algo máis de 40 millóns de euros, recorte semellante á da función de "outros servizos sociais comunitarios". Outra partida, a de cooperación ao desenvolvemento, foi reducida á mínima expresión, pasando de máis de 11 millóns en 2009 a pouco máis de 4 en 2015. Mentres, a función de acción e promoción social foi a que menos sufriu, cun recorte un chisco superior aos 300.000 euros.

A recuperación dos 1.000 millóns de euros perdidos non se producirá, en ningún caso, nas contas de 2016. É posible realizar este prognóstico porque, aínda que o trámite parlamentario dos orzamentos aínda non comezou, si foi aprobado xa o teito de gasto para o ano 2015. O Goberno galego prevé poder gastar o vindeiro exercicio 438 millóns máis que no presente, polo que, aínda que todos eses fondos fosen parar a funcións sociais, o 'xiro social' reporía, en termos orzamentarios, pouco máis dunha terceira parte do que foi recortado durante os anos de crise económica.

Rey Varela, novo conselleiro de Política Social © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.