A débeda foi a partida orzamentaria da Xunta que máis subiu dende 2009

Billetes de euro CC-BY Alegri

O Consello da Xunta aproba este luns o proxecto de Orzamentos Xerais para o ano 2016. En virtude do teito de gasto aprobado o pasado xullo no Parlamento o Goberno galego afronta o ano electoral de 2016 cunha capacidade de gasto incrementada en 400 millóns de euros a respecto do 2015. Eses fondos, segundo o presidente da Xunta, van servir para que a "recuperación" económica chegue "a todos" a través de axudas como o 'cheque bebé' anunciado no debate de política xeral ou rebaixas de impostos "sen precedentes". No entanto, o actual Executivo seguirá manexando uns 2.000 millóns menos dos que atopou nos Orzamentos de 2009, os derradeiros do bipartito. Neste período só 5 das 32 partidas fundamentais nas que se divide o orzamento viron incrementado o seu importe. A que máis, con diferenza, a da débeda pública.

Durante os anos da crise económica tanto o Goberno central como os autonómicos incrementaron o seu endebedamento. Galicia, segundo o Banco de España, foi das autonomías nas que menos subiu a débeda, o que non impediu que acadase máximos históricos tanto en termos relativos como absolutos, superando os 10.000 millóns de euros en, cando menos, dúas ocasións. Este incremento da débeda, que a Xunta afrontou sen recorrer a recursos de financiamento estatais como o Fondo de Liquidez Autonómica, tivo o seu reflexo nos Orzamentos, isto é, nos fondos que a Administración dedica tanto a amortizar débeda como a atender os xuros que esta xera.

A partida da débeda incrementouse un 285%, que equivale a 1.122 millóns de euros

Dado que o Goberno galego mudou durante esta media década a súa estrutura en varias ocasións, un xeito máis homoxéneo de comparar a evolución orzamentaria é atendendo á distribución funcional das contas públicas, isto é, á fin última dos recursos públicos, cuxo ordenamento é moito máis estable. Así, o Orzamento está ordenado nas devanditas 32 partidas nas que o incremento da débeda destaca por riba de todas as demais, cunha suba do 285% que equivale a un incremento de 1.122 millóns de euros sobre os 393 que se lle dedicaban nos Orzamentos de 2009. Este incremento, no entanto, é inferior ao experimentado nas contas de 2014. 

Como amosa a gráfica que acompaña esta información, só catro partidas máis foron incrementadas nestes anos: sociedade da información -da que saen, por exemplo, os investimentos en equipamento tecnolóxico-, protección civil, xustiza e actividades financeiras. No ámbito das reducións, as porcentualmente maiores foron as transferencias a entidades locais, que caeron case un 90%, e a normalización lingüística, que perdeu case un 70% da súa dotación orzamentaria. Nesta etapa Educación perdeu case o 15% do seu orzamento (356 millóns) e en sanidade reduciuse algo menos dun 11% (376 millóns).

Billetes de euro CC-BY Alegri

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.