A proximidade xeográfica, os intercambios comerciais ou a lingua non foron, cando menos de momento, ferramentas dabondo para superar os tópicos existentes en Galicia sobre Portugal. Tampouco a Eurorrexión que o Goberno galego constitúe coa Rexión Norte do país veciño, nada en 1991 como Comunidade de Traballo e que dende 2010 ten a forma xurídica de Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial. O Norte de Portugal e Galicia son territorios semellantes aínda que con certas diferenzas de partida: os veciños do sur teñen un chisco menos de superficie territorial pero un millón máis de habitantes e as súas institucións rexionais non son comparables en asentamento e competencias á Xunta. En apenas unha década xerouse tamén unha diferenza máis: a vantaxe tomada polo Norte portugués na loita contra o abandono escolar.
Segundo os datos do Observatorio Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal que recompila o Instituto Galego de Estatística no ano 2000 o Norte de Portugal padecía unha taxa de abandono escolar temperán do 50,3%, o que implicaba que máis da metade da súa poboación de entre 18 e 24 anos non completara a educación secundaria e, despois, non seguira ningún tipo de formación. Daquela a taxa galega de abandono estaba máis de 20 puntos por baixo, no 29,3%, e superaba por un chisco á de España, no 29,1. Mentres, o conxunto de Portugal estaba nun preocupante 43,6%.
O Norte de Portugal partía dun abandono escolar do 50,3% e Galicia, do 29,3%
Con estes números de partida a evolución de ambos territorios foi á baixa, pero cun ritmo de evolución ben diferente. Galicia continou, devagariño, reducindo a súa taxa de abandono escolar temperán nos seguintes anos. Houbo un lixeiro repunte entre 2008 e 2009 e outro entre 2011 e 2012, o que non impediu unha redución de algo máis de 9 puntos, ata situalo no 20,2 a finais de 2013. O Norte de Portugal tamén rebaixou neste período o vulgarmente coñecido como fracaso escolar, pero un ritmo moitísimo máis elevado.
A Rexión Norte portugués reduciu o fracaso a un ritmo medio de 2,20 puntos anuais, Galicia rebaixou 0,65 puntos e España, 0,40
Tras tocar teito no ano 2001 con algo máis do 51% de abandono temperán o Norte portugués foi aumentando exponencialmente a súa batalla contra o fracaso educativo. En 2007 xa recortara dez puntos e en 2010, vinte. No remate de 2013 a taxa seguira caendo mesmo por baixo da galega, ata o 19,5%. A taxa xeral de Portugal tamén experimentou unha baixada moi notable neste anos, pasando do 45% do ano 2002 ao 18,9% de finais do ano pasado, isto é, menos abandono escolar que a Rexión Norte e tamén menos que Galicia e que a media do Estado español.
Con estas cifras na man cabe concluír que, malia partir dunha posición moito máis vantaxosa que Portugal e que o conxunto do Estado, Galicia progresou na redución do fracaso escolar a moito menor ritmo. Mentres o Norte reduciu este indicador a un ritmo de 2,20 puntos anuais e o Estado portugués a 1,76 puntos por ano, Galicia rebaixou uns 0,65 puntos por ano. España, pola súa banda, recortou 0,40 puntos por ano e a maior parte desta mingua produciuse dende o inicio da crise económica.