O sindicato maioritario do sector en Galicia critica a "política de recortes, privatización, censura e propaganda" da Consellería de Educación
As rúas de Compostela acolleron no mediodía deste sábado unha manifestación convocada pola CIG en defensa dos dereitos de alumnado e persoal docente no ensino público na que se puideron escoitar berros como "hai que recortar ao Partido Popular" ou "Román, atende, o ensino non se vende". A marcha, entre a Alameda e a praza de Praterías, forma parte das diversas mobilizacións que está a realizar o sindicato de cara á folga que convocou o vindeiro xoves 25 de setembro, cando haberá unha nova manifestación entre a praza de Cervantes e a sede da Consellería de Educación, en San Caetano.
Coas protestas a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector en Galicia, quere criticar a "política de recortes, privatización, censura e propaganda" da Xunta, á que reclama unha baixada das ratios de alumnos por profesor "con carácter inmediato" en todas as etapas educativas. Tamén quere a recuperación do horario lectivo "previo aos recortes", o incremento de persoal especialista "para atender a diversidade" e de profesorado en xeral "para realizar apoios, reforzos e desdobres en todas as ensinanzas que así o precisen", a "eliminación da burocracia inútil" e o "recoñecemento e dignificación da profesión docente tanto a nivel retributivo como administrativo".
O sindicato nacionalista sinalou hai uns días, ao convocar a manifestación e a folga, que "a perda de dereitos foi flagrante nos últimos 16 anos pero desde que rematou a pandemia agudizouse o deterioro das condicións laborais do profesorado e da atención educativa que recibe o alumnado á vez que se incrementaba de xeito obsceno a propaganda da Consellería", en palabras de Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino.

Entre os motivos de protesta do sindicato está a orde da Xunta de garantir a "neutralidade ideolóxica" nas aulas, que o sindicato consideran un xeito de censura ao tempo que a consellería defende que o xefe da súa inspección educativa, encargado de velar por esa neutralidade, poida escribir artigos que a CIG cualifica como "ultras".