Tras impoñerse a sanción máis grave das contempladas na normativa, a consellería decidiu non aplicala sen ter en conta "en ningún momento" o efecto sobre a vítima e a súa reparación, e agora rexeita aceptar as recomendacións da Valedora do Pobo ao respecto
O decreto de convivencia escolar recolle como únicas medidas correctoras posibles en caso de acoso escolar debidamente acreditado a "suspensión temporal do dereito de asistencia ao centro" entre 4 días e un mes ou, nos casos máis graves, o "cambio de centro". Esa última sanción, a máis grave, o cambio de centro, foi a imposta a tres alumnos de 1º da ESO dun instituto galego por acosar unha compañeira, medida decidida tras aplicarse "correctamente" neste caso o protocolo fronte o acoso escolar, segundo a Valedora do Pobo. Porén, a sanción non foi aplicada porque así o decidiu a xefatura territorial da Consellería de Educación, que deixou o caso nunha simple separación do alumnado implicado en varios grupos distintos do seguinte curso, 2º da ESO.
A Valedora do Pobo considera que neste caso "en ningún momento" se valoraron as consecuencias do incumprimento da sanción "desde o punto de vista da vítima" e a súa reparación. E malia que recomendou á Consellería de Educación que revise o caso "desde a estrita protección da vítima" e mude a normativa para garantir que as sancións de cambio de centro sexan efectivas, a Xunta non aceptou ningunha das dúas peticións.

A resolución que a Valedora do Pobo vén de facer pública nos últimos días na que revela o sucedido e que a Xunta lle respondeu que non acepta as súas recomendacións analiza o caso dunha alumna de 1º de ESO que sufriu acoso por parte de tres compañeiros. O Instituto de Educación Secundaria (IES) iniciou o protocolo correspondente que segundo a Valedora "foi adecuadamente instruído" e rematou cunha proposta de cambio de centro, a sanción máis grave posible, para os tres acosadores. Proposta que ratificou a dirección do centro e o Consello Escolar.
Porén, esa proposta foi formalizada en xuño, "a escasos días lectivos para o remate do curso", polo que a xefatura territorial da Consellería de Educación decidiu non aplicala porque considerou que xa non tería efecto, limitándose as medidas tomadas a separar en distintos grupos no seguinte curso ao alumnado implicado. Segundo a explicación dada á Valedora, cambiar os acosadores de centro a poucos días do remate do curso non impediría que pedisen novamente a súa escolarización no mesmo centro no seguinte curso "sen que a normativa permitise limitarlle este dereito".
Educación argumentou que os acosadores expulsados poderían matricularse no mesmo instituto no curso seguinte, pero a Valedora replica que a expulsión "implica, por lóxica, que perdan o dereito" a inscribirse nese centro
A Valedora nega a argumentación da Xunta e di que "tanto a redacción literal desas normas como a finalidade que inspira a adopción de medidas correctoras de carácter excepcional como o cambio de centro, levan a deducir que se produce a perda do dereito a participar no procedemento de admisión ordinario" para a escolarización no centro en cuestión.
"Unha interpretación lóxica e sistemática da norma exclúe a posibilidade de admitir a solicitude de escolarización de alumnos que nun procedemento corrector concluído o curso anterior foron corrixidos cunha medida de cambio de centro", di a Valedora, que engade que "unha medida correctora de cambio de centro implica, por lóxica, que o alumnado expulsado perda o dereito a participar no procedemento de admisión nese centro educativo".

A Valedora tamén critica que o argumento de Educación para non aplicar o cambio de centro a poucos días do remate do curso fose que non garantiría "o pretendido distanciamento coa alumna vítima do acoso dado que o alumnado desprazado podería solicitar o seu retorno" no seguinte curso. "Moito menos garantía o distanciamento permitir aos tres alumnos continuar no instituto", evidencia a defensora do pobo.
Tamén di que "non parece que exista proporción, desde o punto de vista da protección integral da vítima, entre a excepcionalidade da medida proposta para os tres alumnos (cambio de centro) e a medida finalmente adoptada", a distribución dos implicados en distintos grupos no mesmo centro.
A resolución da Valedora fai fincapé en que a prioridade da Xunta en todo o procedemento nunca foi a protección "inmediata e integral da vítima". "En ningún momento o informe [da Xunta] valora as consecuencias do incumprimento da medida desde o punto de vista da vítima", lamenta a Valedora, que non descarta "unha vitimización secundaria da alumna, que soportou a situación ata que se abriu e tramitou o procedemento cara ao final do curso e que, por iso, ve como os acosadores continúan no centro". "Nada se indica no informe sobre como se ten avaliado o efecto reparador do procedemento corrector na vítima ao non ver cumprida a sanción proposta", conclúe a defensora do pobo.
A Valedora pediu a Educación que revise o caso e garanta o cumprimento das medidas correctoras por acoso escolar, pero a consellería rexeitou as dúas peticións
Ante esta situación, a Valedora emitiu dúas recomendacións formais á Consellería de Educación: que revise o caso valorándoo "desde a estrita protección da vítima" e que adopte as medidas precisas para garantir o cumprimento das medidas correctoras de cambio de centro se estas se adoptan preto do remate do curso "incluíndo a perda do dereito a participar no procedemento de admisión nese centro". Segundo a Valedora, a resposta de Educación a esas dúas recomendacións foi que non as acepta.