Nova Escola Galega rexeita a “censura” no ensino: “Non é posible nin responsable ser neutral”

Actividade formativa nun instituto de Lugo. © USC

Nova Escola Galega súmase ao rexeitamento expresado por varias organizacións educativas sobre as intencións do Goberno galego para introducir controis ou censuras previas nos centros escolares

Nova Escola Galega súmase ao rexeitamento expresado por varias organizacións da comunidade educativa sobre as intencións da Consellería de Educación para introducir controis ou censuras previas nos centros escolares, desta volta centradas na realización de “actividades complementarias, como visitas ou charlas”.

A asociación progresista de ensinantes alerta de que non é a primeira vez que a Administración educativa prohibe a realización de determinadas actividades, “coutando a autonomía dos centros escolares para promover o achegamento da escola a problemáticas da contorna ou que nos afectan como sociedade”.

Alumnado de Bacharelato nun centro de ensino en Galicia CC-BY-SA Xunta

O conselleiro, segundo explican desde a asociación, reclámalles “neutralidade ideolóxica” ás direccións dos centros escolares e quere coñecer a programación anual de actividades ao comezo de curso, desbotando así calquera iniciativa que, ao xuízo destes inquisidores, lles pareza que non encaixa cos “preceptos constitucionais, a neutralidade ideolóxica, o fomento do pluralismo social e do pensamento crítico e o respecto ás liberdades individuais”, detalla Nova Escola Galega. 

“Á Administración non lle interesan centros vivos, escolas de cidadanía implicadas coa súa contorna ou cos problemas do planeta. Interésalles o control de todas as actividades complementarias que se van ofrecer no curso, e tamén das colaboracións con distintas entidades, unha relación de ‘eventos’ que encaixe nun ‘excel’ concibido desde a vella falacia da ‘neutralidade escolar’, que evite o contacto coa teimuda e complexa realidade que cae fóra das aulas, pero que tamén condiciona o que pasa no seu interior”, argumenta a asociación.

“Nunha sociedade que reclama respostas educativas a problemas como as distintas formas de violencia, o quecemento global, as diferentes formas de desigualdade ou o uso das tecnoloxías non é posible ser neutral", alertan 

Mesmo atendendo ao que establece a propia LOMLOE sobre a educación en valores para o desenvolvemento dunha cidadanía crítica e ao que se prescribe desde o currículo escolar en relación a moitas das problemáticas que nos afectan, explican, é moi difícil entender como pensa a Administración educativa que o profesorado, e no seu conxunto a comunidade educativa dos centros, pode afrontar a súa tarefa educativa.

“Nunha sociedade que reclama respostas educativas a problemas como as distintas formas de violencia, o quecemento global, as diferentes formas de desigualdade, o uso das tecnoloxías -por poñermos algúns exemplos- non é posible ser neutral, nin é tampouco responsable”, alertan desde Nova Escola Galega.

Manifestación en defensa do ensino público en Santiago de Compostela, o pasado mes de outubro. CC-BY-SA Nova Escola Galega

Para a entidade, con máis de 40 anos de historia, non é responsable educativamente mirar para outro lado prescindindo da capacidade de socialización en valores que ten a escola. O sentido da educación, explican, está precisamente en analizar a realidade e promover a súa transformación positiva alentando no alumnado o coñecemento e as actitudes precisas para ser proactivos na abordaxe dos problemas que lles atinxen e na súa solución, desde un coñecemento plural e contrastado.

“A neutralidade entendida como evitación, equidistancia ideolóxica, omisión na abordaxe da complexidade, implica optar por un perigoso relativismo moral, salvagardando un presunto dereito á ignorancia, que coloca a institución educativa como cómplice da involución social por incompetencia ou desasistencia. O lugar no que queren colocala quen desde a acción política quere ter a exclusiva para ideoloxizar partidariamente o alumnado”, alerta a asociación educativa.

Só desde este marco se entende “o retorno á blindaxe do profesorado como autoridade, unha autoridade desposuída do respecto á súa profesionalidade e ás súas liberdades académicas”, acrecenta. Por todo isto, Nova Escola Galega fai un chamamento á comunidade educativa a manter os seus compromisos educativos e non renunciar ao desenvolvemento dunha cidadanía crítica e responsable, "capaz de traballar por un mundo mellor".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.