Un de cada cinco escolares en Galicia di que sufriu acoso e o 85% dos pais non cre que os seus fillos poidan provocalo

Charla sobre acoso escolar nun centro de ensino galego © Xunta

Dous de cada dez nenos e mozos en Galicia sofre acoso escolar e o 23% dos pais considera que os seus fillos sufrírono algunha vez. Son parte dos resultados do IV Estudo sobre a percepción do bullying na sociedade española, que vén de ser publicado con motivo do Día Internacional contra a Violencia e o Acoso Escolar que se conmemora este xoves, e que indica tamén que case o 85% destes pais non cre que os seus pequenos poidan acosar outros compañeiros. 

A nivel galego, xa que logo, o estudo sinala que un de cada cinco escolares sofre un acoso que maioritariamente é verbal e psicolóxico, destacando que máis do 15% dos mozos consultados aseguran que sofren tamén ciberbullying, a través de internet e as redes sociais. 

Rapazada facendo deporte nun pavillón polideportivo en Galicia CC-BY-SA Xunta

Dous de cada dez escolares en Galicia di ter sufrido acoso e o 23% dos pais considera que os seus fillos sufrírono algunha vez

Precisamente, no informe —impulsado por Totto e Educar es Todo, comunidade de nais e pais a nivel estatal— destácase que é "especialmente alarmante" o aumento do ciberacoso, pasando dun 10 a un 16% entre 2022 e 2023, un incremento que coincide coa "popularización do uso da intelixencia artificial de código aberto, que permite a creación de imaxes, vídeos e audios que suplantan a identidade da persoa".

Así, segundo datos de Save the Children publicados no seu informe sobre Violencia viral, case o 40% das e dos mozos sufriu ciberacoso na súa infancia. "Iso supón que, nunha case de 25 alumnos, dez serán vítimas deste tipo", di o estudo, que destaca que é unha situación que sofren bastante máis as rapazas (46,7%) que os rapaces (33,1%). 

Xa o Estudo Estatal da Convivencia Escolar en Educación Primaria, elaborado polo Ministerio de Educación no pasado mes de maio a partir de datos de más de 37.000 alumnos, docentes, familias, equipos directivos e de orientación, indicaba que practicamente un 10% do alumnado dicía terse sentido acosado e un 9,2% ter sufrido ciberacoso.

Os datos oficiais da OCDE, pola súa banda, a través da avaliación PISA 2018/2019 recollían que no Estado español o 17% do estudantado declaraba ter sido acosado varias veces ao mes, fronte ao 23% de medio nos países da OCDE. 

Aula dun colexio galego no Día contra a Violencia e o Acoso Escolar CC-BY-SA Xunta

Catro de cada dez pais din ter sufrido acoso escolar nalgún momento da súa vida e o 90% deles recoñece que aquilo tivo consecuencias na súa vida

No caso do IV Estudo sobre a percepción do bullying, os datos indican que en Galicia case o 73% da rapazada consultada —de entre 5 e 18 anos— asegura que o acoso se produce no centro escolar e o 60% considera que o centro non está preparado para abordar o problema, aínda que a maioría si que consideran que o apoio do profesorado, os compañeiros e os amigos éo axeitado, fronte a outra maioría que di que non recibiron o necesario por parte da institución educativa ou dos psicólogos. 

Por outra banda, o 72% dos mozos consultados asegura que nunca acosou a ninguén. En canto aos pais, case o 60% di ter tido constancia durante este ano dalgún caso de acoso escolar ou ciberacoso no colexio e case o 23% recoñece que os seus fillos sufrírono algunha vez. 

Alén disto, catro de cada dez pais din ter sufrido acoso nalgún momento da súa vida e o 90% recoñece que aquel episodio tivo consecuencias na súa vida, principalmente sendo máis introvertidos e afectándolles á autoestima, pero tamén con depresión ou mesmo facéndoos máis fortes. 

Neste sentido, máis do 40% dos pais pensa que son as familias as que máis poden facer por evitar os casos de acoso e o 94% que os pais dos acosadores tratan de minimizar ou xustificar o comportamento dos seus fillos. Ademais, máis do 60% cre, precisamente, que os pais son moi ou bastante culpables do bullying que cometen os pequenos

Actividade sobre educación en igualdade nun colexio de Lousame Dominio Público CPI Cernadas de Castro

Fronte a esta situación, máis do 84% dos pais e nais que participaron no estudo a nivel galego pensa que o seu fillo ou filla non podería acosar outros compañeiros, mentres que case o 75% pensa que, no caso de que así ocorrese, decataríase do que ocorre. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.