Non é unha novela xuvenil, pero podería selo perfectamente. A malferida, (Galaxia), Premio Illa Nova de Narrativa 2022, de Irene Rega Jul, é unha crónica do acoso escolar contada a ritmo de novela policial. A historia de Mariña, unha nena diferente que sofre bullying na escola e no instituto sen que unha sociedade covarde e hipócrita faga nada. Porque a iso apunta ao libro. Á complicidade que supón o silencio.
“Non pensaba en ninguén en particular, aínda que si é certo que ser diferente pode volverte máis vulnerable ao acoso”
Parece que o obxectivo da novela é remarcar a complicidade co acoso de quen cala e non fai nada: compañeiros e os seus pais e nais, profesores…
A miña primeira idea foi escribir unha novela sobre o acoso escolar. Despois pensei que quería escribir, que tipo de libro, e como a novela negra é o meu xénero favorito, decidín tentalo. Logo decidín, si, orientala cara os observadores do acoso, que son cómplices do mesmo.
Mariña, a moza acosada, é unha nena con altas capacidades, tímida, á que lle custa relacionarse cos outros rapaces. Como xorde a personaxe? Inspírase nalgún caso real?
Non. Eu son mestra, aínda que non exerzo, e estou lendo cousas sobre educación todo o tempo. A idea que quería transmitir é que calquera persoa pode ser acosada, sen que haxa un transfondo de que sexa dunha maneira ou de outra. Poden acosarte por envexa ou por calquera outro motivo. Non pensaba en ninguén en particular, aínda que si é certo que ser diferente pode volverte máis vulnerable ao acoso. Se pensamos en diferenza, adoitamos pensar en diferenzas físicas: a gordura, un problema físico… E eu quixen que fose, digamos, unha diferenza diferente. Unha diferenza que non se ve.
O inspector, que ten un problema co alcol, si que encaixa co antiheroe da novela policial.
É un personaxe gris, no que nin todo é malo nin todo é bo. Ten as súas debilidades, coma calquera persoa. Como a súa compañeira Sofía, que tampouco é unha personaxe lineal. Nin todo ben nin todo mal.
“Moitas veces dise que antes os nenos zoscábanse máis, como se non se vise moi claro que o que pasa agora é un problema grande”
Sofía tivera un problema suponse que de drogas na adolescencia e fora “salvada” ao ser detida, pois verse soa fixéralle reflexionar…
Sofía vivía na Coruña e, aínda que non se conta na novela, quedara sen pais, por iso vivía custodiada nun centro. É aí cando empeza a delinquir e a ter problemas coas drogas, como teñen moitos dos seus compañeiros. Sofía ten un pasado que deixou atrás e pásalle como pasa moitas veces, que non queremos falar diso, motivo polo que na novela tampouco conto moito dela. Pero si se sabe que unha vez ten un problema gordo e que a deteñen. Vese atrapada e decide cambiar. E axúdalle unha profesora.
Hai na novela unha reflexión sobre o cambio de mentalidade respecto do bullying. Antes non tiña nin nome.
É que moitas veces dise que antes os nenos zoscábanse máis, como se non se vise moi claro que o que pasa agora é un problema grande. Eu o que quixen na novela foi falar do acoso nas redes sociais. Porque é algo recente contra o que moitas veces non sabemos nin como actuar, pois non había nin lexislación que o recollese. É algo difícil de percibir por pais, profesores e alumnos, o cal fai as vítimas máis vulnerables. Mariña sufría acoso na escola, pero cando estaba na casa estaba tranquila coa súa nai. Pero desde a pandemia empeza un grao de acoso psicolóxico, o ciberacoso, do que non ten como escapar. Que é continuo.
A nai criou a Mariña soa despois dun desengano amoroso. Parece vítima do mito do amor romántico. Imaxinábase como a esposa dun príncipe azul.
É que Disney é un problema. Esa imaxe do amor perfecto que si inflúe nos rapaces e rapazas. Ela é moi nova cando queda embarazada e dáse conta de que o que a el lle importa máis é o seu futuro profesional, por iso el lle pide que aborte. Ela pénsao pero despois decide non facelo, polo que criará a súa filla soa, sendo moi nova e sen o apoio da súa familia. Unha situación moi difícil. Que a leva ademais a desconfiar, a ter medo de volver namorar.
“O problema do acoso é que moitas veces o resto das persoas que o ven saben que é malo pero non interveñen por medo a converterse elas no obxecto dese acoso”
Pablo, o compañeiro de Mariña, é un personaxe interesante. Axúdaa ás agochadas pero nunca se enfronta aos compañeiros nin denuncia a situación. Pode ser unha boa representación do que fai a sociedade, en xeral…
É que o problema do acoso é que moitas veces o resto das persoas que o ven saben que é malo pero non interveñen por medo a converterse elas no obxecto dese acoso. Pablo tenta axudar a Mariña porque ela lle gusta, non porque vexa que está a pasar algo grave. Pero en realidade actúa con covardía, porque non fai nada para parar os seus amigos. E isto pasa moito, tamén noutros contextos: vemos algo malo ou inxusto e non facemos nada.
Cando é acosada na escola, os profesores acaban non facendo nada porque os pais dos acosadores presiónanos para que non castigue os seus fillos, dándolle a culpa á “rara”. Cres que na realidade adoita pasar así?
Si e non. A novela é ficción. Os pais presionan os profesores para que non fagan nada contra os seus fillos dicindo que ela é a rara e que por algo non queren estar con ela. A nai cámbiaa de centro pero o problema segue aí, porque é moi difícil saír de aí unha vez que estás nesa posición. Non é algo que cure cambiando de centro. Porque hai unha problemática psicolóxica que hai que traballar.
A que te refires? Mariña é unha persoa sen habilidades sociais…
Refírome a que cando sofres acoso desde pequena é moi difícil que confíes na xente, que desenvolvas esa capacidade de relacionarte.
"Hai que facer visible o acoso escolar para que poida detectarse antes e para que non acabe pasando o peor, como nos casos que se ven nas noticias. Pero a maioría dos casos non saen nas noticias"
O caso que contas na novela é máis que acoso. Son varios delitos penais, todos moi graves. Na realidade seguramente non adoita ser así. Por que levalo tan ao extremo?
Non sei se a maioría das veces non é así. Igual a maioría das veces non acaban pasando cousas tan fortes como na novela, pero a violencia psicolóxica pode ser tan mala ou peor que a física. E o que si desde logo creo é que hai que facer visible o acoso escolar para que poida detectarse antes e para que non acabe pasando o peor, como nos casos que se ven nas noticias. Pero a maioría dos casos non saen nas noticias.
Os compañeiros de Mariña pórtanse fatal con ela. Os seus amigos, que si a tratan ben, son rapaces con “malas pintas”, seguramente de familias de clase obreira. Os rapaces “modélicos” da clase de Mariña son moi malas persoas.
Porque iso é o que pasa moitas veces, non? Que xulgamos a xente polo seu aspecto. Pode que a xente con malas pintas sexa boa, e que a persoa que vai moi ben vestida sexa a peor. Ou pode pasar o contrario, pero a cuestión é que xulgamos o libro pola portada…
O final queda aberto. Por que?
Lin unha novela que me gustou moito no que pasa isto mesmo. Volvín lela e seguín quedando coa dúbida. Decidín que o final da miña novela tamén fose así. Eu teño a miña propia interpretación sobre o que pasa.
Como foi o proceso de escrita? Que foi o máis difícil?
O máis difícil é confiar. A min gústame moito escribir e escribo moito. Collín un texto que escribira hai tempo, collín os nomes dos personaxes e empecei a traballar neles, a cambiarlles a personalidade… Despois veume a imaxe da rapaza, de Mariña, e a partir de aí fun tirando do fío. Á metade do libro paseilles o primeiro capítulo a miña nai, a miña tía, etc, para ver se lles gustaba, e así fun refacendo, reescribindo.
“A miña avoa díxome despois que nunca me vira tan emocionada”
Como foi recibir a noticia do premio?
Rematei de escribir en xaneiro e tardei bastante en decidirme a enviar a novela ao premio. Chamáronme a dous días da oposición. Non ía coller o teléfono porque pensaba que sería publicidade, pero como estaba cansa de estudar decidín collelo. Cando me dixeron que eran do xurado, pensei que sería algún amigo que me estaba gastando unha broma. Pero despois pensei, pero se non llo dixen a ningún amigo! A miña avoa díxome despois que nunca me vira tan emocionada, dando saltos de alegría.