Educación anuncia "unha nova estratexia de convivencia escolar" tras actualizar hai dous anos o protocolo contra o acoso
A Consellería de Educación fixo públicas este xoves algunhas cifras sobre o alcance dos casos de acoso escolar no ensino galego. No curso 2024-25 foron un total de 91 os casos que remataron confirmados como tales logo da aplicación do protocolo de loita contra o acoso escolar, unha cifra que duplica os 54 casos do curso anterior ou os 42 casos de hai dous cursos. Un aumento que a consellería atribúe non a que haxa máis casos senón a que agora se investigan e resolven máis grazas a unha "maior sensibilización" de toda a comunidade educativa.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, compareceron para avanzar que se porá en marcha "unha nova estratexia de convivencia escolar que terá como un dos eixos principais a tolerancia cero co acoso escolar". Un anuncio que chega despois de que Galicia fose en 2011 unha das primeiras comunidades en implantar un protocolo de loita contra o acoso, actualizado en 2024, renovación que tamén é presentada pola consellería como posible explicación do aumento de casos concluídos como acoso escolar.
Na gran maioría dos casos a sanción por acoso escolas foi a expulsión do centro entre catro días e un mes
Segundo as cifras da Xunta, cada ano ábrese ago máis de 600 veces o protocolo de acoso escolar, culminando estes só nunha décima parte dos casos coa implantación de procedementos correctores asociados específicamente ao acoso escolar. Isto é, pode que se abra o protocolo por acoso escolar pero finalmente este conclúa que hai outro problema de convivencia distinto do acoso escolar. Ademais, antes do paso formal de apertura do protocolo, os centros xa deben realizan investigacións previas e actuacións cautelares desde o momento en que reciben unha denuncia.
Nese sentido, o Decreto de Convivencia Educativa establece cinco tipos de condutas leves contrarias á convivencia, que poden recibir oito tipo de medidas correctoras, e 12 tipos de condutas "gravemente prexudiciais", que poden ser sancionadas con seis tipos de medidas correctoras. Entre as condutas graves figuran varias formas de acoso escolar e as tres sancións máis importantes que se lles poden impoñer son o cambio de grupo, a expulsión do centro entre catro días e un mes, e finalmente o cambio de centro.
Segundo sinalou este xoves a consellería, na gran maioría dos casos de acoso escolar a sanción finalmente imposta foi a expulsión temporal do centro ata un mes.
A consellería puxo o foco na baixa incidencia do acoso escolar tendo en conta que no sistema educativo hai "máis de 300.000 alumnos". "Pero mentres exista un só caso, hai que actuar", salientou o conselleiro. A directora xeral, pola súa banda, atribuíu á sensibilización o aumento de casos: "Os centro están moito máis enriba".
Estas cifras de Educación chegan despois de que a mesma consellería respondese oficialmente hai uns meses a unha petición formal de transparencia formulada por Praza.gal que descoñecía o detalle das sancións de todo tipo impostas ao amparo do Decreto de Convivencia Escolar co argumento de que "a atribución para a tramitación e resolución dos procedementos correctores corresponde aos centros educativos".