Condenada a "errática" e "improvisada" actuación da Xunta ante unha denuncia de acoso escolar

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, colocando un Punto Laranxa contra o acoso escolar nun centro educativo CC-BY-SA Xunta

O TSXG impón á Consellería de Educación unha indemnización de 9.000 euros á familia afectada

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) divulgou este mércores unha condena á Xunta a indemnizar con 9.000 euros aos proxenitores dun menor polos danos padecidos polo seu fillo menor de idade ante un posible acoso escolar durante o curso 2022/23. Uns danos que o tribunal asocia “a unha actuación insuficiente na resposta da administración educativa a unha suposta situación de acoso escolar denunciada polos seus pais”.

Tras analizar os feitos e a actuación da administración, o TSXG conclúe que, aínda que non se puido declarar a existencia de acoso escolar, si se evidenciou unha actuación administrativa deficiente na resposta á situación, o que xerou un dano ao menor. 

Condena da Xunta pola "errática" e "improvisada" actuación ante unha denuncia por acoso escolar CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

"Despois de revisar o resultado da proba, entendemos que, aínda que non é posible alcanzar unha declaración pola que se recoñeza a situación de acoso escolar que se negou que se producira durante a vía administrativa naquela resolución de novembro de 2023, firme e consentida; con todo, si é posible convir en que a actuación administrativa en resposta a incidentes posteriores á data de peche do protocolo puido resultar cando menos insuficiente, aínda adoptándose medidas de prevención", sinala o TSXG.

O tribunal fala de "unha actuación pouco coordinada, errática, ata se podería dicir que improvisada, na resposta ofrecida por parte do centro"

Na sentenza, os maxistrados salientan que "é posible deducir, senón a demostración fidedigna da existencia dunha situación de acoso escolar á que non respondeu a administración cando debería, si unha máis que probable insuficiencia nos labores de investigación da situación, así como un nivel débil de protección ao menor unha vez iniciado o protocolo".

Por iso, engaden que é posible "observar unha actuación pouco coordinada, errática, ata se podería dicir que improvisada, na resposta ofrecida por parte do centro na súa atención ao menor durante a tramitación do protocolo na súa fase previa de investigación, e probablemente tamén durante a implementación das medidas necesarias para responder á situación, incluso rexeitando a administración a existencia dese acoso escolar".

O conselleiro de Educación ante un 'punto laranxa' de denuncia de acoso escolar nun centro educativo galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

O TSXG conclúe que procede recoñecer unha indemnización de 9.000 euros, polo dano padecido polo menor "por mor da actuación da administración educativa durante o seu labor de investigación dunha situación de acoso escolar e na implementación de medidas de acompañamento a ese menor, posible vítima de acoso". A sentenza non é firme, pois cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.