A Xunta salienta que "a atribución para a tramitación e resolución dos procedementos correctores corresponde aos centros educativos" e só admite que cada ano se inician uns 1.500 procedementos por condutas contra a convivencia, sen detallar o resultado
A Consellería de Educación sabe cantos procedementos se inician cada ano nos centros educativos galegos por condutas contrarias á convivencia, uns 1.500, pero non ten datos sobre o resultado final deses expedientes, isto é, se resultan probados os feitos analizados, entre eles os casos de acoso escolar, e que sanción foi imposta. Así o sinala nunha resposta oficial tras unha petición formal de transparencia formulada por Praza.gal. Segundo a Xunta, "a atribución para a tramitación e resolución dos procedementos correctores corresponde aos centros educativos".
A petición de transparencia de Praza.gal ten a súa orixe na información revelada por este diario o pasado xuño de que a consellería deixara sen efecto a expulsión correctamente tramitada dun instituto de tres acosadores que seguiron compartindo centro coa súa vítima. A Valedora do Pobo criticou esa decisión de revogar a sanción imposta polo centro, sanción que é a máis grave das contempladas na normativa. Así que Praza.gal tentou pescudar cantos casos de acoso escolar se certifican cada ano en Galicia e que sancións se impoñen.

O Decreto de Convivencia Educativa establece cinco tipos de condutas leves contrarias á convivencia, que poden recibir oito tipo de medidas correctoras, e 12 tipos de condutas "gravemente prexudiciais", que poden ser sancionadas con seis tipos de medidas correctoras. Entre as condutas graves figuran varias formas de acoso escolar e as tres sancións máis importantes que se lles poden impoñer son o cambio de grupo, a expulsión do centro entre catro días e un mes, e finalmente o cambio de centro.
Hai uns meses a Valedora do Pobo reprendeu a Educación por anular unha expulsión de tres acosadores obrigando a vítima a compartir instituto
Praza.gal pediu a Educación, en aplicación da Lei de Transparencia, que detallase o "número de expedientes en materia de convivencia escolar rematados nos tres últimos cursos dispoñibles co resultado de considerarse acreditados incumprimentos" -isto é, non os iniciados senón os resoltos con feitos probados- e o detalle do tipo de incumprimento grave ou leve e das sancións impostas.
A resposta oficial da Xunta, incumprindo o prazo que fixa a Lei de Transparencia, di que Educación non dispón dos datos solicitados e argumenta que "a tramitación e resolución dos procedementos correctores corresponde aos centros educativos" polo que para facilitar a información a propia consellería tería que acometer "unha acción previa de reelaboración". A Lei de Transparencia establece que as administracións deben facilitar datos parciais cando non teñan a totalidade dos solicitados, pero Educación non facilita nin os casos máis graves, os de acoso escolar con expulsión do centro.
Malia que atribúe aos centros a competencia para tramitar os procedementos correctores e non dispón do resultado dos mesmos, Educación si facilita, en troques, "o número total de procedementos tramitados por condutas contrarias á convivencia", que cifra en 4.616 para os tres últimos cursos. Isto é, Educación di saber que cada curso se inician uns 1.500 expedientes en todos os centros educativos de Galicia aínda que non resulten probados, pero non dispón dos seus resultados.
Hai un ano unha enquisa da Xunta revelou que unha de cada cinco familias considera que a convivencia no seu centro empeorou
Sobre eses expedientes iniciados, Educación remítese á diferenza que fai o propio Decreto de Convivencia entre dous tipos de procedementos de tramitación tanto para as faltas graves como para as leves e que poden rematar cos mesmos tipos de medidas correctoras: o procedemento conciliado, cando hai unha negociación entre as partes e asunción de responsabilidades por parte de quen comete os feitos, e o procedemento común, que pode desenvolverse despois do anterior, cando non se dan esas condicións ou cando a conduta "presenta unha especial e notoria gravidade". Segundo a Xunta, nos tres últimos cursos iniciáronse 787 procedementos conciliados en 256 centros educativos e 3.829 procedementos comúns en 416 centros.

Fronte a estes datos, unha enquisa da propia Xunta feita pública o pasado ano revelou que aínda que a maioría das persoas consultadas considera que a convivencia vai mellorando nos centros galegos, o 20,5% das familias considera que empeorou, e o 25,8% do alumnado de ESO non está satisfeito co seu centro. [Burlas, insultos, rumores: o que sofre aínda no colexio ou instituto o 28% do alumnado de 10 a 16 anos].