O Defensor del Pueblo únese á Valedora e afea o desleixo na loita contra o acoso no ensino galego
O Defensor del Pueblo vén de facer pública unha resolución na que revela un caso de acoso escolar en Galicia no que amosa a súa "preocupación" porque "se mantivese á vítima xunto ao seu agresor durante dous trimestres do curso escolar sen adoptar ningunha medida de protección desde que tivo coñecemento dos feitos no mes de novembro de 2024". Un caso que se engade a outros analizados pola Valedora do Pobo que veñen deixando en evidencia o desleixo da loita contra o acoso escolar en Galicia.
Segundo o caso agora revelado polo Defensor del Pueblo, o 15 de novembro de 2024 a dirección dun instituto de educación secundaria incoou un procedemento disciplinario a un alumno polo seu trato a outra alumna e con amparo na normativa xeral de convivencia escolar impuxéronse medidas correctoras que non se detallan. O 17 de marzo seguinte a dirección do centro incoou un novo procedemento "a raíz dun grave incidente acaecido no autobús escolar", o que derivou no traslado do agresor a outro instituto "ao inicio do terceiro trimestre do curso 2024/25", o que "implicou que o alumno abandonase a ruta de transporte escolar" da agredida.
A resolución critica que o centro "non activase o protocolo de acoso escolar ou o de violencia de xénero" e que Educación "non entrase a valorar" ese feito, o que ve "moi cuestionable"
O Defensor del Pueblo critica que o centro "non activase o protocolo de acoso escolar ou o de violencia de xénero" e que cando lle pediu explicacións sobre o caso á Consellería de Educación "non entrase a valorar" ese feito, o que considera "moi cuestionable". Tamén di que "sorprende que non se adoptase unha medida cautelar".
"Non consta que o centro activase ningún destes protocolos, e maior preocupación suscita o feito de que se mantivese á vítima xuto ao seu agresor durante dous trimestres do curso escolar sen adoptar ningunha medida de protección desde que tivo coñecemento dos feitos no mes de novembro de 2024", salienta a resolución do Defensor del Pueblo.
A resolución conclúe pedindo á Consellería de Educación que lembre aos centros educativos "o deber de aplicar os protocolos específicos de actuación ante casos de acoso escolar e violencia de xénero, coa fin de garantir unha intervención inmediata, eficaz e coordinada" e que Inspección Educativa supervise a actuación da directiva do centro implicada neste caso.
Casos previos
A Valedora revelou hai uns meses un caso no que Educación deixou sen efecto a expulsión de tres acosadores obrigando a vítima a compartir instituto
Antes desta intervención do Defensor del Pueblo, a Valedora do Pobo xa viña dedicando especial atención ao acoso escolar nos últimos anos. O pasado xuño este diario avanzou un caso no que a Xunta deixou sen efecto a expulsión dun instituto de tres acosadores obrigando así á vítima a seguir compartindo centro. A Valedora non conseguiu que o Goberno galego atendese as súas recomendacións.
Tras relatar ese expediente, este diario pediu en aplicación da Lei de Transparencia que Educación detallase cantos casos por incumprimento de normas de convivencia conclúen cada ano co resultado de considerarse probados os feitos e imposta unha sanción. A consellería respondeu que descoñece o resultado final dos casos que se denuncian de condutas contrarias á convivencia e só foi quen de dicir que cada ano se inician uns 1.500 procedementos de todo tipo, deitando nos centros a responsabilidade.
Despois, a finais do pasado ano, o informe anual da Valedora do Pobo reflectiu diversas eivas en actuacións contra o acoso escolar como caixas de correo dos Puntos Laranxa para supostas denuncias confidenciais situadas en lugares pouco discretos, unha vítima que nin foi entrevistada ou informes médicos que se obvian.
Hai uns días era o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o que divulgaba unha condena á Xunta a indemnizar unha familia pola súa "errática" e "improvisada" actuación tras unha denuncia por acoso escolar.