"Vemos cada día que os mestres, os psicólogos, os médicos... non teñen nin idea de transexualidade, sobre todo nos menores, que é unha realidade diferente á dos adultos. Queda moito por facer nos colexios, non se está traballando realmente na diversidade e na igualdade. Non se avanzou nada". Hai dous meses e medio Cristina Palacios (Asociación de familias de menores trans* Arelas) amosábase -en conversa con Praza- moi crítica coa formación e competencias da maior parte dos e das profesionais que na educación e noutros ámbitos tiñan que tratar con problemáticas relacionadas con menores transexuais.
Este luns iniciouse un curso dirixido a profesionais dos eidos social e educativo, que lles achegará coñecementos sobre diversidade sexual e pautas básicas de acompañamento ás mozas e mozos en situación de transexualidade, así como ás súas familias. A acción formativa está organizada polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg), a través do grupo Fiadeiras, e conta co apoio de Arelas. O curso, online, é impartido por Almudena Herranz e Samuel Díez, asesora e asesor técnico da Asociación de Familias de Menores Transexuais Chrysallis. Chegará ata o vindeiro 22 de abril e completarase cunha sesión presencial, que terá lugar o 30 de abril na sede do Colexio.
"É un tema tabú, moi descoñecido na sociedade. Non está nada integrado no ensino, nos curriculums ou nos títulos universitarios", destaca Isabel Taboada (Fiadeiras). "Non o está en xeral a cuestión de xénero e moito menos este tema", engade. "É necesario ter formación para atender mellor este tipo de situacións no día a día dos profesionais, dunha forma profesional e rigorosa. Temos unha responsabilidade ética e profesional", sinala. "Os e as menores e as súas familias teñen o dereito de atopar no camiño profesionais ben formadas e formados e que lles axuden a afrontar todas esas circunstancias derivadas da situación de transexualidade, e produto da sociedade patriarcal na que vivimos", conclúe.
"As educadoras e os educadores sociais atopámonos nunha posición privilexiada para reducir estas situacións"
O obxectivo do curso é "adquirir as nocións conceptuais do marco sexolóxico que axuden a unha mellor comprensión dos suxeitos en situación de transexualidade". Tamén se lles aprende aos e ás profesionais a "desenvolver estratexias para realizar acompañamentos individuais en contexto grupal e comunitario". E téntase "incorporar ás prácticas profesionais habituais a promoción da diversidade sexual como un valor e as diferenzas entre as/os sexuadas/os como unha riqueza".
"As educadoras e os educadores sociais atopámonos nunha posición privilexiada para reducir estas situacións. A nosa capacitación para traballar no acompañamento individual desde o contexto grupal, supón unha extraordinaria posibilidade de socialización para os nenos e nenas, as e os adolescentes en situación de transexualidade", destaca.
"Hai que traballar cunha perspectiva de xénero, cunha visión aberta e formándote neste eido, porque se non é moi fácil que caias en reproducir roles e estereotipos"
"O problema poñémolo nós, a sociedade, o problema non o teñen os e as menores trans, nin moito menos", explica Taboada. "Hai que traballar cunha perspectiva de xénero, cunha visión aberta e formándote neste eido, porque se non é moi fácil que caias en reproducir roles e estereotipos. É un traballo persoal, ás veces temos que deconstruírnos e volver a compoñer certas cousas que temos moi interiorizadas sen darnos conta. Todas estamos socializadas na sociedade na que estamos", destaca. "Pode ser moi negativo reproducir estes clixés, e tentar que unha nena ou neno transexual se comporte de acordo co xénero que ten asignado. Reproducir estes clixés é tamén unha forma de violencia", engade
Taboada reivindica, así mesmo, o papel que deben ter as e os educadores sociais nos centros de ensino
Isabel Taboada reivindica, así mesmo, o papel que deben ter as e os educadores sociais nos centros de ensino. "Unha das reivindicacións do Colexio é que exista a figura de educadores e educadoras sociais nos centros educativos, ao igual que se fai en Castela-León e noutros países de Europa. É a maneira de que se traballe nestas cuestións dende a escola de forma axeitada, previndo moitos dos problemas aos que estamos asistindo hoxe en día", di.