Luz verde ao despedimento colectivo de persoal laboral das administracións

Sáenz de Santamaría e Báñez, tras o Consello de Ministros © Goberno de España

A mesma inseguridade que no sector privado, a efectos prácticos. Un dos efectos máis temidos da vaga de recortes do Goberno central entre parte do persoal ao servizo das administracións públicas era a posibilidade de ver perigar os seus postos de traballo. Esa posibilidade é xa unha realidade. Este venres, cinco días despois das eleccións galegas, o Consello de Ministros deulle luz verde ao Real Decreto que concreta o regulamento "dos procedementos de despedimento colectivo, suspensión de contratos e redución de xornada", unha norma que desenvolve a reforma laboral e que deixa a porta aberta para aplicar, coa lei na man, despedimentos colectivos entre o persoal laboral ao servizo de calquera administración  -Goberno central, autonomías ou entes locais- ou organismo dependente destas -empresas públicas-.

Mentres que o funcionariado escapa, cando menos polo momento, deste tipo de cesamentos masivos -"teñen un réxime xurídico distinto", advirten desde La Moncloa-, o persoal laboral só estará separado da ringleira do paro por unha serie de trámites burocráticos se así o decide a autoridade competente. Así, por exemplo, se a Xunta quere aplicar un ERE entre o persoal laboral dalgún dos seus departamentos tería que xustificalo a través dun informe da súa propia dirección xeral da Función Pública. Tamén "interviría" -dende o gabinete de Mariano Rajoy non se especifica de que xeito- a "autoridade laboral", isto é, a Consellería de Traballo, e a inspección de traballo, dependente do Ministerio de Emprego.

As administracións poderán aplicar despedimentos colectivos en caso de "insuficiencia persistente para o financiamento dos servizos"

Para poñer en marcha estes procedementos a administración en cuestión terá que presentar "por escrito" as "causas que motivan" e, se estas son económicas, debe engadir "os orzamentos do organismo ou entidade e a certificación do responsable da oficina orzamentaria ou órgano contable" da propia institución. Malia á escaseza das explicacións ofrecidas pola ministra de Emprego, Fátima Báñez, ao remate do Consello de Ministros, unha ollada ao borrador do real decreto, ao que tivo acceso Praza Pública, permite observar que serve como causas de despedimento colectivo a "insuficiencia sobrevida e persistente para o financiamento dos servizos públicos correspondentes", cuestión que depende da xestión económica da propia administración que despide. No caso das autonomías, terán vía libre para aplicar un ERE se xustifican que reciben un 10% menos de transferencias económicas do Estado.

ERE no sector privado sen autorización previa da Xunta

Se estes procedementos non son excesivamente complexos no caso das administracións propiamente ditas, sono aínda menos nas "empresas públicas, entidades ou sociedades mercantís en cuxo capital participe maioritariamente o Estado. Neste caso, simplemente "aplicaranse as mesmas causas e procedementos que dean lugar a despedimentos colectivos con carácter xeral para as empresas do sector privado". Estes procedementos de extinción de postos de traballo no sector privado están tamén regulados no Real Decreto, concretando así un dos aspectos máis controvertidos da reforma laboral: a aplicación de expedientes de regulación de emprego sen autorización da autoridade laboral, a Consellería de Traballo no caso de Galicia.

Así as cousas, segundo a nova normativa a autoridade laboral limítase a exercer "funcións de vixilancia" durante, por exemplo, o denominado "período de consultas -negociación entre empresa e representantes do persoal afectado-". Deste xeito, á Xunta corresponderíalle "axudar ás partes para buscar solucións aos problemas derivados das medidas laborais a adoptar". Ata a última reforma laboral, ademais podía frear o ERE.

Comparecencia posterior ao Consello de Ministros © Goberno de España

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.