Segundo os datos do último día completo dispoñible, o martes 2 de marzo, Galicia está a diagnosticar unha media de 170 novos casos do coronavirus ao día mediante proba PCR. Cómpre remontarse ata finais do mes de agosto do pasado 2020 para atopar unha cifra tan baixa neste indicador a sete días.
O Sergas diagnosticou uns 170 casos ao día mediante PCR na última semana
O Sergas suma este 4 de marzo ao seu cómputo un total de 191 novos casos, os confirmados dende as seis da tarde do martes á mesma hora do mércores. Deles, 161 son diagnósticos mediante proba PCR. En termos de días naturais, a semana comezou con 117 novos positivos o luns e 203, o martes.
Este ritmo é, a grandes trazos, cinco veces inferior ao acadado a finais de xaneiro, cando chegou o pico da terceira vaga da pandemia que estoupou nas semanas do Nadal, Aninovo e Reis. Daquela, a media de diagnósticos mediante PCR a sete días achegouse aos 1.400 casos diarios e chegáronse a agregar máis de 1.800 positivos en só vinte e catro horas.
Nos hospitais galegos aínda hai case 450 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19, 93 delas na UCI
A situación epidemiolóxica, alén das oscilacións dun día concreto, segue sendo favorable tanto polas cifras de cada xornada como pola súa tendencia descendente, todo á espera de que se cumpra o primeiro ciclo epidemiolóxico completo (entre unha semana e dez días, aproximadamente) dende o inicio da terceira desescalada das restricións. Será daquela cando poida comprobarse se se produciron máis contaxios neste novo contexto.
Unha das razóns esgrimidas pola Consellería de Sanidade para apelar á "prudencia" na relaxación das medidas é que, se ben as cifras de novos casos son positivas, a situación aínda non o é tanto nos hospitais. A media de diagnósticos é semellante á de finais de agosto, pero nos centros hospitalarios galegos hai unhas 400 persoas máis ingresadas que daquela con test positivo da COVID-19. Son, concretamente, 448, o que implica unha redución de 138 con relación ao mesmo día da semana anterior.
Dentro do total desas 448 persoas hospitalizadas, 93 son atendidas en unidades de coidados intensivos, unha cifra que segue reducíndose, pero moi aos poucos. A finais de agosto, coas cifras de novos casos en niveis semellantes aos actuais, os pacientes na UCI con test positivo do coronavirus eran apenas unha decena. [Un ano coa COVID en Galicia: cen mil positivos, dúas mil mortes e infinitos plans esfarelados]
Case cen concellos sen novos casos en dúas semanas
Cinco concellos superan os 500 casos por cada cen mil persoas a 14 días, só un deles con máis de 5.000 habitantes
Sobre o mapa, como xa sucedera en anteriores etapas de mellora da situación epidemiolóxica, os mellores datos rexístranse canto máis ao leste, isto é, nas contornas menos poboadas do país. É nas provincias de Lugo e Ourense onde se concentra a maioría dos 99 concellos que non rexistraron casos novos da COVID-19 nas últimas dúas semanas. Atendendo ao indicador a sete días, esta cifra medra ata os 162.
Actualmente son só cinco os municipios que superan os 500 casos por cada cen mil habitantes a catorce días e só un, Guitiriz, ten máis de 5.000 habitantes. Os outros catro son A Pobra do Brollón, A Mezquita, Boborás e Soutomaior; este último, onde pasará a rexer un peche perimetral e o máximo nivel de restricións dende este venres, tivo 11 casos novos na última semana.
A tendencia descendente da incidencia segue en todas as principais cidades agás en Ourense, onde freou nos últimos días
No que atinxe á incidencia acumulada da COVID-19 nas sete principais cidades, a tendencia segue sendo descendente en xeral, aínda que cunha excepción. Ourense, a urbe que nos últimos días viña marcando a incidencia acumulada a 14 días máis baixa, traza por segundo día consecutivo unha liña que indica a fin dese descenso, mesmo cunha lixeira suba neste indicador.
Na capital ourensá rexístranse agora 79 casos novos por cada cen mil habitantes en 14 días e hai apenas tres días eran 70. Alí rexistráronse 84 casos novos nesas dúas semanas, 40 deles nos últimos sete días. Non obstante, o feito de que o indicador a sete días mellore un chisco a respecto do día previo suxire que esta mudanza de tendencia, cando menos de momento, podería apuntar a un estancamento máis que a un empeoramento substancial.
Con todos estes datos sobre a mesa, a evolución das incidencias acumuladas a 7 e 14 días e das taxas de positividade das probas PCR (porcentaxe destes test que dan positivo) apuntan a que, agás un cambio moi brusco de tendencia por algún gromo puntual e moi agresivo, os seguintes días seguirán a ser de descenso. Na última semana, a taxa de positividade das probas PCR para toda Galicia roldou o 2,52%, isto é, practicamente a metade do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio.
A área sanitaria coa positividade media máis alta a sete días, a de Pontevedra-O Salnés, baixa xa tamén do 5%. Todo, nun contexto no que o número de test PCR procesados aumenta un chisco (algo máis de 7.000 no último día completo dispoñible, o martes 2), cunhas 5.600 probas diarias procesadas na última semana.
Xunto a todos estes datos, segue incrementándose tamén a cifra de falecementos de persoas contaxiadas, aínda que a menor ritmo que en días pasados. O cómputo oficial suma este xoves 3 mortes máis e o total chega a 2.259. Segundo Sanidade, só unha desas mortes se corresponde coas vinte e catro horas previas.