Galicia agarda polo efecto da terceira 'desescalada' coa menor incidencia da COVID-19 en cinco meses

Cribado da COVID-19 en instalacións da Universidade de Vigo no reinicio das clases presenciais, este 1 de marzo de 2021 © UVigo

O último día para o que existen datos completos sobre a evolución da pandemia da COVID-19, o luns 1 de marzo, Galicia marcaba unha incidencia acumulada un chisco por riba dos 130 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e pouco máis de 50 a sete días. Ambas son as cifras máis baixas en practicamente cinco meses, dende o pasado outubro, antes das peores semanas da segunda vaga da pandemia, e ningunha delas recolle aínda efecto ningún do comezo da terceira 'desescalada' das restricións.

Galicia rexistra uns 130 caso novos da COVID por cada cen mil habitantes nos últimos 14 días e arredor de 50 na última semana

A espera de que se cumpra un "ciclo epidemiolóxico" completo -contra finais desta semana ou comezos da que vén-, a Consellería de Sanidade di optar pola "prudencia" e esa é a razón, argumentou este martes o conselleiro, Julio García Comesaña, pola que aínda continuarán uns días os peches perimetrais das áreas sanitarias da Coruña-Cee e Pontevedra-O Salnés. Trátase, valoran dende o comité clínico, de dar marxe para un maior alivio nos hospitais, tanto para poder retomar a actividade ordinaria como para afrontar en mellores condicións un eventual empeoramento da situación nas vindeiras semanas ou meses.

Con este pano de fondo, o departamento sanitario do Goberno galego en xeral e a dirección xeral de Saúde Pública en particular subliñan que neste momento dan cada vez máis importancia á incidencia acumulada a sete días, un indicador máis "anticipativo" que, consideran, permite seguir con maior precisión posibles brotes. Esa incidencia acumulada a 7 días marca actualmente o seu valor máis baixo dende principios de outubro para o conxunto de Galicia e, ademais, nos últimos días o ritmo de decrecemento volveu incrementarse un chisco tras varias semanas a decelerar.

Estas boas tendencias, aínda reflexo das semanas de maiores restricións, prodúcense nunha xornada na que o Sergas suma 173 casos novos -os rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes-, dos que 156 son diagnósticos mediante probas PCR. A media diaria de diagnósticos por PCR nos últimos sete días con datos completos é de algo menos de 180. Non se acadaban valores tan baixos dende o pasado agosto. Cómpre ter en conta, asemade, que non é posible comparar mecanicamente estas cifras coas de hai un ano, no comezo da pandemia, porque daquela a capacidade diagnóstica era moi inferior á actual.

Alén das oscilacións dun día concreto, a tendencia decrecente dos casos novos provoca que cada xornada sigan sendo menos que as altas epidemiolóxicas, que xa son case 106.000. Por esta razón, continúan diminuíndo os casos considerados como "positivos activos", que este 3 de marzo -con datos pechados ás seis da tarde do martes- quedan en 4.686.

Máis de 90 concellos sen casos en dúas semanas

Sobre o mapa, estas cifras tradúcense en ata 91 concellos sen casos novos da COVID-19 detectados nas últimas dúas semanas e ata 161 municipios sen casos novos nos últimos sete días. O número de municipios nesta situación segue aumentando, se ben a maioría seguen situándose, como amosa o mapa baixo estas liñas, nas contornas menos poboadas do país.

O concello sobre o que o Sergas manifesta maior preocupación é Soutomaior, especialmente pola súa incidencia acumulada a sete días

Sobre o terreo, o concello sobre o que o Sergas manifesta actualmente maior preocupación é o de Soutomaior, o único no que dende o vindeiro venres rexerá un peche perimetral individual e o resto de medidas ligadas ao nivel máximo de restricións. Neste concello a incidencia acumulada a 14 días supera xa os 500 casos pero, segundo Sanidade, o máis relevante á hora de tomar a decisión foi a mala evolución da incidencia a sete días, con 24 casos novos na última semana (máis da metade dos rexistrados nas dúas semanas previas).

No que atinxe ás sete principais cidades, a tendencia segue sendo descendente en todas, con ritmos dispares, agás unha única excepción: Ourense. A capital ourensá, que segue tendo a menor incidencia a 14 días da Galicia urbana (74 casos novos por cada cen mil habitantes) frea a súa tendencia positiva ao empeorar no indicador a sete días, con 42 casos novos (o dato feito público o martes indicaba 33 casos novos en sete días) neste período. Cómpre agardar aos vindeiros días para observar se se trata do efecto dun brote puntual ou dun cambio de tendencia máis pronunciado que, en calquera caso, aínda non reflectiría o efecto do levantamento das restricións.

Agardando por un maior alivio hospitalario nas áreas da Coruña e Pontevedra

Como nas últimas semanas, a melloría nos principais indicadores epidemiolóxicos segue chegando con lentitude aos hospitais onde así e todo segue o descenso no número de persoas ingresadas con test positivo da COVID-19. As actuais 472 son 162 menos que unha semana antes e delas, 97 están nas unidades de coidados intensivos, o que implica menos dun cento de pacientes na UCI con diagnóstico do coronavirus por primeira vez dende o 17 de xaneiro.

Así e todo, a ocupación hospitalaria non é homoxénea en toda Galicia e o Sergas aínda considera preocupantes as presións nos complexos hospitalarios das áreas da Coruña-Cee e de Pontevedra-O Salnés, co 25% e o 20% das prazas de UCI dispoñibles ocupadas por pacientes coa COVID, segundo o indicado por Comesaña en rolda de prensa. Na área coruñesa son aínda 163 as persoas hospitalizadas con test positivo deste virus (34 na UCI) e na pontevedresa, 50, once delas na UCI. Aseguran dende o comité clínico que esta é a razón principal para manter os peches perimetrais en ambas áreas.

Igual que as cifras de hospitalización, tamén as de mortalidade seguen acreditando a dureza da terceira vaga da pandemia. O total de persoas falecidas en Galicia cuxas mortes están oficialmente ligadas á COVID-19 son xa 2.256. Todo, tras dous meses seguido, xaneiro e febreiro, con máis de 400 vítimas mortais en cada un.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.