O comité clínico que, no seo da Consellería de Sanidade, supervisa as restricións que o Goberno galego aplica por mor da pandemia da COVID-19, revisou no serán deste martes o mapa de medidas por primeira vez dende a entrada en vigor na súa versión actual, o pasado 26 de febreiro. Para facelo, segundo avanzara a propia Xunta, tivo especialmente en conta a evolución da incidencia a 7 días, isto é, os novos casos de cada concello na última semana. Aínda que a incidencia a 14 día segue a ser unha referencia clave, Sanidade considera que o indicador a sete días pode ser máis certeiro para advertir posibles focos "explosivos" de contaxios.
Cos datos pechados a 1 de marzo, 155 concellos non rexistraran casos novos da COVID-19 nos sete días previos
Ao fío do novo modelo de restricións, a Xunta deu en divulgar -aínda que con limitacións- datos de incidencia a 7 días a nivel municipal. Faino algo máis de tres meses despois de comezar a publicar a información da incidencia acumulada a 14 días e permite saber, segundo os datos difundidos este 2 de marzo (correspondentes á xornada anterior), que en máis dun cento de concellos non se rexistraran casos novos da COVID na semana previa. Concretamente, en 155 concellos, a maior parte deles das provincias de Lugo e Ourense. Neles, residen algo máis de 360.000 persoas, isto é, en pouco máis dunha décima parte da poboación de Galicia. Concretamente, o 13%.
Atendendo á propia información do Sergas, en 86 deses concellos non houbo novos casos tampouco nos sete días previos, polo que nese 1 de marzo acumulaban 14 días 'libres' da COVID-19. Antes do Nadal, os concellos galegos sen casos en dúas semanas chegaran a ser máis dun cento e despois das festas quedaran reducidos a apenas unha decena.
Entre os municipios sen casos novos nos sete días anteriores -sempre segundo os datos pechados a 1 de marzo- figuraban tres con máis de dez mil habitantes. Trátase de Sarria, Rianxo, O Grove e Foz. Outra decena de concellos sen casos a sete días teñen entre 5.000 e 10.000: Salvaterra, Santa Comba, a Pobra do Caramiñal, O Rosal, Celanova, Abegondo, Outeiro de Rei, Castro de Rei, Neda e Ribadavia. Nun destes municipios, Castro de Reis, a incidencia a catorce días era tamén de cero casos novos da COVID-19. [Menos de cen casos da COVID nun día en Galicia por primeira vez dende agosto tras máis de 400 mortes en febreiro]
Situación nas sete cidades
Como amosan os mapas que acompañan esta información, a situación é menos favorable -aínda que descendente, en xeral- nas comarcas máis poboadas do país. É o que acontece nas sete principais cidades, das que agora tamén é posible coñecer a incidencia acumulada non só a 14, senón tamén a sete días.
A incidencia da COVID-19 tamén é descendente nas sete cidades dende principios de febreiro, aínda que con ritmos dispares
Nun contexto de incidencia descendente a 14 días dende principios de febreiro, cos datos do 1 de marzo só unha das sete cidades, A Coruña, superaba o limiar dos 250 casos novos por cada cen mil habitantes en dúas semanas. E facíao, ademais, por moi escasas décimas. Todas as demais xa baixaban dos 200 e dúas, Santiago e Ourense, rexistraban menos de cen casos por cada cen mil habitantes a catorce días.
A incidencia acumulada a sete días, que reflicte a situación máis inmediata, tamén reflicte a situación relativamente máis desfavorable na Coruña, con algo máis de 107 casos novos por cada cen mil habitantes. Na banda contraria sitúanse, tamén neste caso, Santiago e Ourense.
O novo mapa de restricións
Con estes datos sobre a mesa, a Consellería de Sanidade decidiu flexibilizar un chisco o mapa de restricións dende o venres, 5 de marzo. A área sanitaria de Ferrol deixa de ter peche perimetral e a nivel municipal, un único concello, Soutomaior, terá sobre si esta medida, que implica tamén veto ás reunións entre non conviventes e peche da hostalería, entre outras restricións. Mentres, as áreas sanitarias da Coruña-Cee e Pontevedra-O Salnés seguen pechadas e dez concellos das áreas de Ferrol, Santiago-Barbanza, Vigo e Lugo quedan no nivel 2, o que implica que só poden ter mobilidade entre si e a hostalería, só atender nas terrazas. Máis información ao respecto, nesta ligazón.