Menos de cen casos da COVID nun día en Galicia por primeira vez dende agosto tras máis de 400 mortes en febreiro

Cribado da COVID en Ourense e mapa de incidencia por concellos a 1 de marzo CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Dende as cero horas ata as seis da tarde do luns, 1 de marzo, ningunha das 142 probas PCR procesadas na área sanitaria de Lugo deu positivo. Nas vinte e catro horas do domingo, na área da Coruña-Cee procesáranse 1.429 probas e na de Ferrol, 442. En ambas, deron positivo menos do 1% do total.

Cómpre remontarse ao 10 de agosto para atopar un día enteiro con menos de cen casos novos da COVID-19 en Galicia

Estes datos son fotos fixas, só sinais, polo momento tan puntuais que sería temerario elevalas á categoría de tendencia. Pero son significativas porque se producen nun contexto no que, tras rachar todos os seus récords negativos, Galicia comeza a anotar rexistros equiparables aos dalgunhas das semanas menos malas dende o comezo da pandemia.

Entre as seis da tarde do pasado domingo e a mesma hora do luns, 1 de marzo, o Sergas sumou 118 novos casos da COVID-19, dos que 70 foron diagnósticos mediante PCR. Nas vinte e catro horas do domingo, a sanidade pública galega sumou 94 novos casos. Cómpre remontarse ao 10 de agosto do pasado ao para atopar un día enteiro con menos dun cento de casos novos confirmados en todo o país.

Estas cifras permiten que a media diaria de diagnósticos por PCR a sete días continúe nunha liña claramente descendente, aínda que cun ritmo inferior ao do moi pronunciado descenso durante practicamente todo o mes de febreiro. Nos últimos sete días, Sanidade anotou uns 200 diagnósticos novos por xornada mediante PCR. É un nivel semellante ao dos primeiros días de outubro do pasado ano, antes da eclosión da segunda vaga. Estes datos non son comparables mecanicamente cos da  primeira vaga, porque daquela a capacidade diagnóstica era moito menor.

Febreiro xa é o segundo mes da pandemia con máis mortes en Galicia

Tras dous meses seguidos con máis de 400 mortes de persoas que contraeran a COVID-19, o total chega xa ás 2.252

Os datos evidentemente bos da evolución da pandemia nas últimas semanas en Galicia -que aínda non reflicten ningún efecto do levantamento das restricións e inicio da terceira desescalada- en canto a novos casos rexistrados seguen chegando entre ecos da dureza da segunda vaga, a derivada da explosión de contaxios da semanas do Nadal, Aninovo e Reis. Unha das mostras máis obvias desta circunstancia reflíctese no feito de que o pasado febreiro, con datos aínda sen pechar por completo, é xa en Galicia o segundo mes con máis mortes de persoas que contraeran a COVID-19 dende que comezara a pandemia.

Tras os últimos 14 falecementos confirmados polo Sergas (un correspondente ao 1 de marzo e os 13 restantes, aos tres últimos días de febreiro), o mes que vén de rematar suma xa 425 mortes de persoas que contraeran o coronavirus. Só na última semana rexístrase unha media de 9 mortes ao día.

Mentres Sanidade segue validando os datos de febreiro (é habitual que continúen notificándose falecementos aínda durante uns días máis), febreiro xa rexistra case unha decena de mortes máis que o pasado xaneiro e achégase a cifras practicamente iguais ás de abril de 2020. Dende o comezo da pandemia, o Sergas confirmou xa 2.252 mortes. Nesta terceira vaga destaca, ademais, o menor peso dos falecementos de persoas que vivían en residencias de maiores e dependentes.

O lento alivio nos hospitais

As cifras de mortalidade seguen reflectindo a dureza da terceira vaga e tamén o seguen facendo as de hospitalización, cuxo alivio continúa sendo lento. Tras o lixeiro freo na diminución na pasada fin de semana, este martes o Sergas informa de 488 hospitalizacións simultáneas de persoas coa COVID-19, 48 menos que un día antes e 205 menos que o mesmo día da semana anterior. Así, mentres as cifras de novos casos rozan niveis do pasado verán, as de hospitalización son semellantes ás rexistradas en plena segunda vaga do pasado outono.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o número de persoas con test positivo do coronavirus que precisan asistencia en coidados intensivos aínda comeza agora a baixar dun nivel semellante ao que fora o pico de ocupación en UCI durante a segunda vaga. Son 105 as persoas nestas unidades de críticos con diagnóstico positivo da COVID-19, segundo os datos pechados ás seis da tarde do luns. 

Mellora nas incidencias acumuladas ás portas da revisión das restricións

O Sergas publica por primeira vez datos da incidencia acumulada a 7 días por concellos

As devanditas diminucións no número de novos casos rexistrados seguen reflectíndose, igualmente, nas incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) tanto a 14 como a 7 días. Esta segunda variable, a dos novos casos na última semana, está a ser sinalada como cada vez máis relevante por parte do Sergas -reflicte con máis precisión a existencia de brotes "explosivos", argumentan- e dende este 2 de marzo, Sanidade fai público este dato (aínda que con limitacións) para todos os concellos xunto co da incidencia a 14 días que (igualmente con limitacións) comezara a publicar o pasado outono.

Así, atendendo aos datos divulgados este 2 de marzo, en Galicia só queda media decena de concellos con máis de 500 casos por cada cen mil habitantes en 14 días. O que ten este indicador máis elevado, Guitiriz, rexistrou 36 casos novos nas últimas dúas semanas, pero menos de 9 (a partir dese limiar, Sanidade non ofrece o dato exacto) na última semana. Os outros catro concellos por riba de 500 a 14 días son A Pobra do Brollón, A Mezquita, Ponteceso e Soutomaior. A Pontenova, por escasas décimas, baixa dese limiar dos 500. Só un deles, Soutomaior, rexistrou máis de 9 novos casos na última semana (son 22, segundo o Sergas).

Apenas media decena de concellos superan os 500 casos por cen mil habitantes, limiar que a Xunta fixara para o máximo nivel de restricións

A última hora destes datos será os que teña sobre a mesa o comité clínico na súa reunión deste martes, 2 de marzo, na que será a primeira revisión das restricións dende a entrada en vigor do novo mapa de medidas. Entre os cambios que valorará este órgano e que dependen, en última instancia, da decisión do propio Goberno galego, inclúese a posibilidade de levantar os peches perimetrais nos concellos que a pasada semana superaban os 500 casos novos por cada cen mil habitantes, pero nos que a situación mellorou nos últimos días. É o caso de municipios como Curtis, entre outros.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, as incidencias acumuladas tanto a 14 como a 7 días seguen descendendo para o conxunto de Galicia. O indicador a 14 días rolda os 145 casos novos por cada cen mil habitantes, un nivel ao que non se descendía dende o pasado outono. No caso da incidencia a 7 días, o seu ritmo de descenso segue a frear, pero continúa e rolda os 60 casos, un nivel tamén semellante ao de comezos do outono.

Os bos sinais nas taxas de positividade

Coa precisa cautela por non existir aínda datos que reflictan posibles contaxios na primeira fin de semana de relaxación das restricións, os bos sinais chegan tamén dende as taxas de positividade das probas PCR, isto é, a porcentaxe das que dan positivo. A positividade media a sete días (indicador que permite suavizar o efecto de días concretos que rompan puntualmente a tendencia por riba ou por baixo) segue en descenso para toda Galicia e baixa un chisco do 3%, o cal non sucedía dende o verán. Ademais, as áreas sanitarias de Ourense e Lugo baixan do 2% de positividade media, menos da metade do limiar que a Organización Mundial da Saúde sinala como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.