O SARS-CoV-2 ten un período de incubación de 2 a 7 días antes de manifestar síntomas, o mesmo tempo que lles está levando ós colexios pechar neste novo curso. Ninguén está a cuestionar que as escolas non son necesarias, e vaia que o son. Non só para aprender, senón para saúde emocional e mental, e incluso en moitas familias supón un recurso importante para cubrir aspectos nutricionais diarios dos/as seus/súas fillos/as.
Se nos baseamos no que sabemos hoxe en día, a apertura das escolas sen unha análise epidemiolóxica rigorosa, supón un risco enorme na transmisión comunitaria, sen falar en como pode afectar na saúde dos cativos, docentes, ou familiares
Pero aínda seguimos mergullados nunha pandemia e o que prima é manter a seguridade e coidar a saúde da xente ata que chegue a vacina. Se nos baseamos no que sabemos hoxe en día, a apertura das escolas sen unha análise epidemiolóxica rigorosa, supón un risco enorme na transmisión comunitaria, sen falar en como pode afectar na saúde dos cativos, docentes, ou familiares. Fai falla abrilas, pero non todas, ademais protexer ós máis vulnerables ten que ser a prioridade, sobre todo ós docentes maiores de 60 anos, ou calquera con condicións de saúde sensibles ás graves consecuencias da COVID-19.
Os/as nenos/as son susceptibles á infección por SARS-CoV-2, e sabemos que teñen un papel importante na transmisión. Existen varios estudos demostrando a transmisión por parte dos nenos/as aos adultos, representando uns vectores na transmisión moi eficaces. Este verán fixéronse estudos en campamentos e demostrouse coma se produciron contaxios masivos por parte de nenos/as infectados con poucos ou sen síntomas. Pola contra, detectouse nos nenos e nenas unha carga viral maior cos adultos anque non presentasen síntomas. Aínda non sabemos por que a carga viral non se correlaciona cos síntomas a curtas idades, pero máis investigacións están a exploralo e hai varias hipóteses.
As boas novas é que os cativos apenas enferman ou teñen síntomas leves, e por sorte unha minoría dos infectados precisan ir ó hospital, pero ben é certo que as consecuencias do síndrome inflamatorio multisistémico son peor do que se pensaba. Hai que prestar atención a certas vulnerabilidades que poden desencadear nunha severidade grave na COVID-19 que pode rematar en fatalidade tamén nos máis pequenos. Varios estudos apuntaban que os/as nenos/as maiores de 10 anos podían contaxiar, pero menores de 5 anos non o facían, pero estes resultados hai que analizalos con precaución. Os datos foron recollidos durante o confinamento, cando os cativos non podían saír da casa e só se fixeron as probas ós que presentaron síntomas. Estudos despois mediron unha carga viral ata 100 veces máis alta en menores de 5 anos que nos adultos hospitalizados nun estado crítico da COVID-19. Sumado a isto, sabemos que a maior carga viral hai máis probabilidade de contaxio. Non existe nada que nos faga sospeitar que estes cativos non contaxian, e non só no colexio, senón cando volven á casa ós brazos dos seus pais ou avós.
Máscaras obrigatorias e a todas as idades, redución da capacidade do centro, hixiene, desinfección, distanciamento físico, dar prioridade a realizar todas as actividades posibles no exterior, aulas cunha boa ventilación, ou colocar filtros HEPA. Os centros escolares que non reúnan estas condicións por problemas financeiros, ou de outra índole, deberían pechar
Fai falla urxentemente previr que isto ocorra. Nos EUA a infección nos/as cativos/as xa representa o 12% do total da xente con COVID-19. Xa levamos máis de medio millón de nenos/as infectados/as do coronavirus e máis de cen falecidos. A apertura das escolas debería de seguiras directrices do Harvard Global Health Institute coma se empezou a implementar nos EUA ó observarse un aumento do 40% das infeccións a medida que se abriron as escolas a partir do mes de xullo. Esta guía foi creada co apoio de expertos en saúde pública que propoñen unha variedade de formas de abrir escolas sempre que a rexión conte con menos de 25 casos positivos da COVID-19 por cada 100.000 habitantes, ou menos do 10% dos casos durante as últimas dúas semanas.
Polo tanto, ábrense as escolas en función dunha escala de cores dependendo da incidencia da transmisión comunitaria. Tomase coma referencia o número de casos diarios de infectados co coronavirus en cada 100.000 habitantes. Vai da cor vermella cando a transmisión perdeu o control, con máis 25 casos diarios; laranxa de 10 a 25 casos cos centros ocupados ó 25%; moderadamente controlada ou amarela cunha ocupación do 50% cando se presentan de 1 a 10 casos; e verde con casos esporádicos, menos de 1 diario, neste caso poderíase abrir a capacidade total pero con precaucións. ¿Cales? Máscaras obrigatorias e a todas as idades, redución da capacidade do centro, hixiene, desinfección, distanciamento físico, dar prioridade a realizar todas as actividades posibles no exterior, aulas cunha boa ventilación, ou colocar filtros HEPA. Os centros escolares que non reúnan estas condicións por problemas financeiros, ou de outra índole, deberían pechar. Debería de dárselle ás familias a opción da educación virtual, isto axudaría tamén a reducir a capacidade das aulas.
Moitas medidas implementadas non son efectivas, coma o control da temperatura cando sabemos que a maioría dos infectados non teñen síntomas, ou manter a ridícula distancia de 1.5 metros entre alumnos/as nunha aula pechada, cando somos coñecedores da transmisión do virus polo aire por medio dos aerosoles
Moitas medidas implementadas non son efectivas, coma o control da temperatura cando sabemos que a maioría dos infectados non teñen síntomas, ou manter a ridícula distancia de 1.5 metros entre alumnos/as nunha aula pechada, cando somos coñecedores da transmisión do virus polo aire por medio dos aerosoles. Hai que reducir a capacidade por aula, alternar xornadas de mañá e tarde, pero sobre todo fai falla asegurarse de ter un bo sistema de ventilación nas aulas. Se botamos unha ollada ás fotografías das escolas ó aire libre, tamén chamadas escolas anti-tuberculose nas cidades europeas no 1930, entenderíamos do conscientes que era daquela dos riscos da transmisión polo aire. O doutor en química O Dr. en química José Luis Jiménez, experto en aerosoles, asegura que a mala ventilación dos interiores é a vía máis importante na transmisión do SARS-CoV-2. Grazas o seu esforzo e perseverancia, xunto cun equipo de científicos, os centros para o control e a prevención de enfermidades dos EUA recoñecérono publicamente, aínda que rectificaron ao día seguinte argumentando que o estaban a analizar, estamos á espera.
A pesar de todo isto, a clave para reducir os riscos coa apertura dos colexios é facelo cando a transmisión comunitaria está controlada, segundo expertos da sociedade de enfermidades infecciosas. De non facerse así, xa podemos esperar que os hospitais se volvan a encher de novo. Polo tanto é necesario informarse mellor dos riscos na transmisión á hora deseñar protocolos para a apertura das escolas, pero sobre todo ser rápidos, eficaces e flexibles para establecer outras medidas se fose necesario.
A clave para reducir os riscos coa apertura dos colexios é facelo cando a transmisión comunitaria está controlada
Nesta pandemia, o grave non é errar, é non rectificar canto antes. É primordial detectar os casos, pero non facer as probas nos cativos que presenten síntomas, senón a todos que estiveron en contacto con algunha persoa infectada, e de tratarse dos colexios, sería a maioría. Aínda que a situación ideal sería que se fixeran as probas da COVID-19 frecuentemente, con resultados rápidos e sensibles. Só as probas serolóxicas son inútiles xa que só informa parcialmente da fase da enfermidade, pero non da capacidade infecciosa. É preciso que se comercialicen os test rápidos para o SARS-CoV-2, aqueles que detectan o virus na saliva en cuestión de minutos, doado de facer na casa, e ademais barato. En moitos países xa se están a distribuír nos fogares, anque aínda son escasos. Se cada docente, neno/nena, condutor de autobús, ou cociñeira/o fixera unha proba rápida da saliva antes de saír da casa, sen dúbida algunha que o risco de contaxio sería moi baixo.