Meirás, entre a "inadmisible" indemnización aos Franco e a renuncia do Estado a litigar no Supremo

Pazo de Meirás © TSXG

A resolución da Audiencia Provincial da Coruña sobre o recurso presentado polos Franco á sentenza que lles retiraba a propiedade do Pazo de Meirás non deixa de erguer polémica. O tribunal ratificou que o inmoble pertence ao Estado, insistindo asi na pretensión principal das administracións e na cerna do conflito, pero tamén botou atrás algúns argumentos claves do histórico ditame inicial. 

Os xuíces ordenaron indemnizar a familia Franco polos gastos necesarios en que incorreron para a conservación do inmoble desde 1975, en contra do criterio da maxistrada Marta Canales na sentenza do pasado mes de setembro, logo de que tombasen a consideracion dos herdeiros do ditador como posuidores de mala fe do Pazo. E o Estado decidiu non recorrer e admitir o pagamento. 

Vista previa do xuízo para a devolución do Pazo de Meirás, na Coruña © Concello da Coruña

Malia as queixas de administracións, partidos políticos ou asociacións pola memoria, a expertos do ámbito xurídico consultados por Praza.gal non lles sorprenderon as "correccións" que a Audiencia Provincial fai do ditame en primeira instancia. Eran agardados desde o momento mesmo da publicación da sentenza no caso dun recurso dos Franco e "conforme ao Código Civil". "Hai que distinguir o debate xurídico do político", advirten as mesmas fontes. 

Expertos non amosan sorpresa polo dereito á indemnización dos Franco: "Hai que distinguir o debate xurídico do político"

A xuíza Marta Canales desbotaba explicar aos Franco por que non debían ser indemnizados e aludía á "mala fe" na adquisión do Pazo, pero a Audiencia Provincial lembra que aínda que a devandita "mala fe" fose certificada no caso do ditador, esta "non necesariamente se transmite aos seus herdeiros". 

Malia as evidencias históricas, a Audiencia advirte de que non están probadas as transmisións forzosas de leiras nin a intervención directa do ditador, e que os herdeiros non tiñan por que coñecer as irregularidades na concesión do Pazo a Franco. Ademais alerta, como en varias ocasións no ditame, que o silencio e desleixo da Administración do Estado respecto da propiedade das Torres durante tantos anos avala esa posición. Non só a inacción, senón o feito de que "como tales donos" do inmoble foran tratados por parte dos poderes públicos. Sen reproche ningún. 

"Desde un punto de vista xurídico, é complexo certificar a mala fe no caso dos herdeiros do ditador, máis cando desde as institucións públicas non se fixo ningún movemento durante décadas para cuestionar a posesión do Pazo por parte da familia Franco", explican as mesmas fontes, que insisten en diferenciar este debate da cuestión moral ou de lexitimidade. 

"É complexo certificar a mala fe dos Franco cando desde as institucións públicas non se fixo nada durante décadas para cuestionar a posesión do Pazo"

"Hai que entender que o debate xurídico resólvese coa lei e o que nos abrangue aquí é o Código Civil", insisten. É ese Código Civil o que establece que a calquera posuidor, mesmo de mala fe, se lle deben pagar os gastos necesarios, aqueles realizados para a conservación. No caso dos de boa fe, teñen dereito tamén aos gastos útiles e, xa que logo, tamén aos de mellora do inmoble.  

Esta cualificación de boa fe da posesión tamén dá dereito aos Franco a quedar cos ingresos que o Pazo lles proporcionou e a non responder pola súa deterioración agás que se probe dolo. Tamén abre a posibilidade a que poidan manterse no inmoble ata seren indemnizados. 

Javier Losada, delegado do Goberno central en Galicia © Delegación do Goberno en Galicia

O Executivo central asegura que non recorre a sentenza porque "establece claramente o que quería o Goberno, que as Torres pertencen ao Estado"

O Concello de Sada xa anunciou que presentará recurso ao discrepar da non consideración de "mala fe" nos herdeiros de Franco e dos argumentos da Audiencia no que ten que ver co dereito á indemnización. Ademais, animou ao resto de administracións a recorrer tamén ante o Supremo, unha posibilidade que o Estado descarta, tal e como confirmou este mércores o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada. 

"O obxecto de non recorrer é porque esta sentenza establece claramente o que quería o Goberno, que as Torres pertencen ao Estado", aclarou Losada, que asegura que iso "é o máis importante de todo".

A Avogacía do Estado considera que o ditame é "positivo" e "favorable" aos intereses da Administración Xeral por ratificar que o Pazo é patrimonio público. Sobre a contía a recibir polos Franco, serán eles os que formulen a cantidade e sobre a que se debaterá. "Haberá diferenzas, un ditame pericial e será a xuíza quen decida, coa posibilidade de recorrer, claro", explican os expertos. 

O avogado da familia do ditador, Luis Felipe Utrera-Molina, que non confirma aínda se presentará recurso de casación ante o Supremo, xa advertiu de que solicitarán máis de 800.000 euros. Ata 2 millóns chegou a insinuar. 

"Se se considera que hai que resarcir un importe. este será valorado no seu momento polos servizos competentes do Estado e de acordo con iso establecerase o que digan os xuíces", explicou Losada respecto da indemnización, insistindo enque o Goberno central "acata sentenzas e lévaas á práctica". 

Benito Portela, á entrada da vista previa do xuízo pola propiedade do Pazo de Meirás © Sadamaioría

Por que o Estado decide non recorrer? Os expertos reflexionan e advirten de que na casación "non pode ir de todo". "Hai que sinalar infraccións do ordenamento xurídico ou da xurisprudencia que, neste caso, non son fáciles de determinar", advirten fontes xurídicas que avisan dos "riscos" de acabar no Supremo. Tamén no caso de que os Franco decidan acudir para recuperar tamén a propiedade. En claro: que pode ser peor o remedio que a enfermidade. 

“É inadmisíbel que se indemnice aos Franco cando foron eles os que roubaron o Pazo e outros moitos bens ao pobo galego durante a ditadura”, di Néstor Rego

"Se cadra houbo quen valorou o risco que supón que a Administración acabe no Supremo, onde se discutirá a interpretación das normas, pero non a cuestión dos feitos nin toda a aparataxe de probas e cuestións periciais. Desde ese punto de vista, igual non hai moito a onde agarrarse e a Avogacía do Estado sábeo", insisten as fontes, que alertan tamén das derivadas políticas. "Todos sabemos que canto máis se sobe na escala xudicial, máis posibilidades hai de atoparse cunha sentenza ideolóxica... Tecnicamente impecable e ben fundada, pero ideolóxica ao fin e ao cabo", comentan. 

Por iso, os expertos entenden a indignación polo feito de que os Franco poidan ser indemnizados e mesmo pola consideración da boa fe da súa posesión do Pazo. Pero tamén advirten dunhas consecuencias aínda peores. "Non sería a primeira vez que un caso semellante acaba no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos dándolle a razón aos herdeiros de gobernantes absolutistas por situacións moi parecidas", avisan. 

Desde o BNG, o seu deputado no Parlamento Galego, Luís Bará, anunciou a presentación dunha iniciativa para que a Xunta presente recurso ante unha sentenza da Audiencia que, di, "emite un insoportable tufo franquista". O representante dos nacionalistas no Congreso, Néstor Rego, pide tamén ao Estado que recorra o ditame. “É inadmisíbel que se indemnice a familia Franco cando foron eles os que roubaron o Pazo de Meirás e outros moitos bens ao pobo galego durante a ditadura”, asegurou. 

A Deputación da Coruña estuda recorrer o ditame da Audiencia: "Non podemos asumir ter que indemnizar os Franco"

Na Deputación da Coruña, o seu presidente, o socialista Valentín González Formoso, anunciou que os servizos xurídicos da institución si estudan recorrer a resolución da Audiencia porque cre que a cidadanía "non vai entender" que haxa que pagar "a quen se lucrou do uso dun espazo que é claramente público". "Non podemos asumir aínda por riba ter que indemnizalos por unha actitude que non foi responsable coa sociedade", engadiu. 

Interior do Pazo de Meirás © Mikeli

No propio PSdeG, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, advirte de que "aos Franco non habería que pagarlels nin un euro" ao se beneficiar "apropiándose do Pazo durante décadas". "Pero teñen que ver os servizos xurídicos do Estado o que pode facer e o que se pode gañar nos tribunais", engadiu quen cre que "ningiuén pode dubidar da votnade e comrpomiso do Goberno de España en materia de memoria democrática". 

"É inaudito"

Ademais, o Concello de Sada demanda explicacións públicas das razóns polas que o Estado "tolera pasivamente, sen recorrer, unha sentenza que recoñece a condición posesoria de boa fe dos Franco, desde o propio ditador ata os actuais herdeiros, e obriga a compensalos polos gastos necesarios (de mantemento) e útiles (de mellora), desde 1975". 

"Inaudito que o goberno do Estado declare como positiva unha sentenza que declara posuidores de boa fe aos Franco e obriga a compensarlles os gastos desde 1975. Non hai razóns xurídicas para que o Estado non recorra. E non facelo compromete as accións das outras partes e o futuro doutras demandas en relación co patrimonio detentado polos Franco", conclúe o Concello sadense. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.