Só entre o xoves e o domingo emitíronse unhas 9.000 compostelas das arredor de 29.000 deste ano, cifra que a Xunta contrasta coas 20.000 rexistradas a esta altura tanto en 2019 como no Xacobeo de 2010
As chegadas de peregrinos a Santiago no comezo deste ano xa estaban a ser como as de antes da pandemia da COVID, pero a Semana Santa vén de aumentalas por riba dos rexistros previos. Só nos catro días centrais deste período vacacional, do xoves ao domingo, emitíronse unhas 9.000 compostelas, a un ritmo dunhas 2.000 diarias e cun pico o venres dunhas 2.500. Isto supón que só neses catro días rexistráronse un terzo dos arredor de 29.000 peregrinos que chegaron a Santiago no que vai de 2022.
Se xaneiro, febreiro e marzo recuperaran xa as cifras de chegadas de 2019, o último ano antes da pandemia, cunhas 2.000 en cada un dos dous primeiros meses e unhas 7.500 no terceiro, para sumar unhas 11.000 no primeiro trimestre, en abril as cifras estanse a disparar. Só na primeira quincena, ata o venres 15, a Xunta informou de que chegaran uns 14.300 peregrinos. Ao que hai que engadir os 2.185 rexistrados o sábado e os 1.978 do domingo. Isto é, uns 18.000 peregrinos no que vai de mes e uns 29.000 no que vai de ano.
Segundo a Xunta, esta é “a cifra máis elevada na historia do Camiño e do Xacobeo, case un 30% por riba dos máis de 20.000 peregrinos rexistrados no mesmo período tanto no ano récord de 2019 como no anterior Ano Santo de 2010”.
A Xunta quere contabilizar tamén ás persoas que fan o Camiño sen selar a compostela ou sen chegar a Santiago, que ata agora quedan fóra dos rexistros oficiais
Por outra banda, a Xunta vén de poñer en marcha unha experiencia piloto para contabilizar a partir de datos da telefonía móbil o "número real de peregrinos" xa que "hai máis peregrinos que fan a ruta e non selan a Compostela ou mesmo non chegan a Santiago e, por tanto, non figuran nas estatísticas, por exemplo porque por distintas circunstancias realizan o Camiño por etapas ou só algúns treitos".
Adoita ser nesta época cando comeza a relativa meseta de peregrinacións que se rexistraba habitualmente nos meses centrais do ano, fronte aos picos máis acentuados no verán dos dous últimos anos. Por outra banda, para este ano a Xunta considera "oportuno seguir incentivando a demanda de visitantes e peregrinos a Galicia" e ten previsto que a súa campaña polo Xacobeo inclúa "concienciación para ofrecer un bo trato aos turistas".