Nos últimos seis meses as cifras foron aproximándose ás de anos anteriores e abril, cando habitualmente se disparan coa Semana Santa e a melloría do tempo, permitirá comprobar se volve a normalidade tamén ao Camiño
Tras dous anos de pandemia, a normalidade parece volver tamén ao Camiño de Santiago. Os tres primeiros meses deste ano 2022 volveron rexistrar unhas cifras de peregrinos similares ás dos tres primeiros meses dos anos anteriores á COVID-19. Unha similitude que se podería estender mesmo aos seis últimos meses, xa que desde outubro do pasado ano as cifras tenden a converxer coas de 2019.
Porén, será este mes de abril, cando habitualmente se disparan as cifras de peregrinos coa Semana Santa e a melloría do tempo, o que permitirá comprobar se volve por completo a normalidade á peregrinación.
2019, o último ano completo antes da pandemia, deixou preto de 350.000 peregrinos e continuou na liña de progresivos aumentos anuais mesmo por riba dos anteriores anos xacobeos. Pero a aparición da COVID en 2020 rebaixou as cifras dese ano a unha sétima parte, uns 54.000. Ese ano o mes de agosto deixou arredor de 20.000 peregrinos, unha terceira parte dos rexistrados no mesmo mes de 2019.
Adoita ser agora cando comeza a 'meseta' de peregrinacións que se rexistraba habitualmente nos meses centrais, fronte aos picos no verán dos dous últimos anos
O pasado 2021, ano Xacobeo, coa chegada das vacinas e a redución das restricións, a situación mellorou notablemente, achegándose contra o final do ano ás cifras previas á pandemia. Así, en agosto -o segundo mellor mes da historia en Galicia canto a visitantes en xeral, non só peregrinos- a Xunta fixouse como obxectivo rematar o ano con 140.000 peregrinos, pero finalmente foron 180.000. A cifra foi a metade da rexistrada en 2019, pero similar á do Xacobeo de 2004.
Xa desde outubro as cifras mensuais de peregrinos comezaron a converxer coas de 2019, pero é no comezo deste 2022 tamén ano Xacobeo cando máis similitudes presentan. Así, aos arredor de 1.600 e 2.000 peregrinos que se rexistraron tanto en xaneiro e febreiro de 2019 como nos deste 2022, hai que engadir a notable semellanza da cifra de marzo. Se en 2019 foron 7.474 peregrinos, neste 2022 foron 7.387, cifras que nada teñen que ver coas dos dous últimos anos, condicionadas polas restricións.
Fronte aos 54.000 peregrinos de 2020, en 2021 houbo 180.000, cifra similar á do Xacobeo de 2004, pero aínda a metade que en 2019
Pero será este mes de abril o que permita comprobar que a normalidade asenta definitivamente tamén no Camiño, xa que adoita ser nesta época cando comeza a relativa meseta de peregrinacións que se rexistraba habitualmente nos meses centrais do ano, fronte aos picos máis acentuados no verán dos dous últimos anos.
Por outra banda, para este ano a Xunta considera "oportuno seguir incentivando a demanda de visitantes e peregrinos a Galicia" e ten previsto que a súa campaña polo Xacobeo inclúa "concienciación para ofrecer un bo trato aos turistas".