Ponteareas: De alcalde franquista á consolidación do BNG en 20 anos

O alcalde de Ponteareas polo BNG, Xosé Represas (centro), que consolida o cargo, e Roberto Mera, histórico líder da oposición a José Castro que volve á Corporación © BNG

O PP afúndese ata o 22% na vila que controlou José Castro, alcalde de 1968 a 2000 que vén de presentar biografía prologada por Rajoy e a cuxa caída contribuíu a daquela nova promesa do nacionalismo Roberto Mera, que volve á Corporación unha década despois

Tras as eleccións municipais de 1999, hai agora 20 anos, en Ponteareas volveu saír elixido alcalde José Castro, que levaba no cargo desde 1968. Procurador nas Cortes franquistas, Castro, que vén de presentar a súa biografía cun prólogo escrito por Rajoy, sempre se sentiu orgulloso do seu pasado, que un busto de Franco lembrou na Praza Maior da vila ata 2003. En 2000 Castro xa cedera a alcaldía á súa filla tras ser condenado por falsidade en documento público, o que iniciou un progresivo pero lento deterioro do control do Concello por parte da dereita que levou hai catro anos á alcaldía ao BNG en coalición co PSdeG e unha marea local. Pero é agora, vinte anos máis tarde, cando o BNG consolida a particular transición de Ponteareas sendo a forza máis votada, co 34%, e situando os seus 9 concelleiros a só dous da maioría absoluta e catro por riba do PP, ao que reduciu ao 22%.

A historia da caída da dereita en Ponteareas non pode contarse sen a figura de Roberto Mera (Ponteareas, 1971), avogado e membro dun movemento ecoloxista que en 1995, con 24 anos, encabezou a lista do BNG e liderou a loita contra Castro. Enfant terrible da política local en Ponteareas e considerado durante anos unha nova promesa do nacionalismo galego, no que chegou a encargarse da secretaría de política municipal, levaba unha década afastado da primeira liña política, que non do asociacionismo local, ata que nestas eleccións volveu a un posto de saída, o número 3, desde o que verá repetir na alcaldía ao seu compañeiro Xosé Represas.

Acosado polas causas xudiciais, varias impulsadas polo BNG, os populares distanciáronse de Castro, que volveu gañar en 1999 co seu propio partido

Coa súa chegada á Corporación de Ponteareas en 1995 Roberto Mera comezou a levar á xustiza decisións de Castro, que nos anos seguintes resultaría condenado por falsidade documental nunha expropiación a un veciño, contratación irregular de varios membros do PP e vulneración de dereitos. Cando comezaron a chegar as causas xudiciais os populares iniciaron un progresivo distanciamento do rexedor que coa democracia acolleran nas súas siglas e este acabou montando o seu propio partido, Unión Condado-Paradanta (UCPA), co que se presentou ás municipais de 1999. Non puido repetir a maioría absoluta, pero seguiu sendo o máis votado e a falta de acordo de PP, PSOE e BNG facilitou que seguise na alcaldía. 

En 2000 Castro deixou a alcaldía en mans da súa filla pola súa primeira condena xudicial ao non obter a totalidade do indulto que pedira ao Goberno de Aznar, que si facilitou que non entrase na cadea

Non foi por moito tempo xa que en 2000 José Castro tiña que deixar o cargo pola súa primeira condena xudicial ao non obter a totalidade do indulto que pedira ao Goberno de Aznar, que si facilitou que non entrase na cadea ao rebaixarlle de tres a un ano a pena de prisión que recibira. Fíxoo un Goberno do que formaba parte Mariano Rajoy, ao que Castro considera amigo e que vén de prologar a súa biografía, presentada coincidindo co 50 aniversario da súa chegada á alcaldía de Ponteareas. Pepe Castro. Pasión por Puenteareas chámase o libro, recollendo o topónimo traducido a medias ao castelán que sempre se empeñou en empregar o rexedor.

Indulto parcial a Castro do Goberno de Aznar do que formaba parte Rajoy e libro biográfico prologado polo propio Rajoy CC-BY-SA Praza Pública

En 2000 Castro tivo que deixar esa alcaldía, pero os Castro seguiron gobernando Ponteareas. O cargo recolleuno a súa filla, Nava Castro, que renunciara ao seu escano de deputada autonómica do PP cando o seu pai se enfrontou co seu anterior partido. Nas municipais de 2003 ela encabezou o partido independente creado polo seu pai e foi a candidata máis votada, pero a falta de acordo co PP facilitou que por primeira vez a esquerda gobernase Ponteareas. A alcaldía, malia que o BNG de Roberto Mera obtivo 5 edís, foi para o PSdeG con só dous porque así o quixo o PP. Unha das primeiras decisións daquel goberno foi retirar o busto de Franco. 

Un ano máis tarde, en 2004, o PP e os Castro se reconciliaban e impulsaban unha moción de censura que daba a alcaldía ao popular Salvador González Solla. A operación facilitou que nas municipais de 2007 o BNG de Roberto Mera fose o máis votado, co 28%, e gañase un concelleiro máis. Pero un novo acordo entre PP e Nava Castro mantivo a González Solla na alcaldía.

Tras ser o máis votado en 2007 pero non lograr a alcaldía polo acordo entre PP e o partido de Castro, Roberto Mera deixou a primeira liña política

Nos anos seguintes a UCPA integrouse no PP, a súa líder obtivo un escano no Congreso, e coa chegada de Feijóo á Xunta en 2009 foi nomeada primeiro directora xeral de Comercio e en 2013 de Turismo, onde leva anos privatizando as políticas turísticas. Roberto Mera non volveu liderar o BNG local e pasou a ocupar postos simbólicos ao tempo que se afastaba da primeira liña política.

Pero o traballo de fondo estaba feito e o BNG consolidado como primeira forza da oposición. Así que en 2015, cando a dereita deixou de sumar maioría na corporación, o novo candidato nacionalista, Xosé Represas, malia obter só o 21% dos votos, sete puntos menos que os mellores resultados de Mera, fíxose coa alcaldía grazas ao apoio de PSdeG e unha marea local. Ao popular González Solla, como antes fixera con Nava Castro, a Xunta recolocouno, no seu caso cun posto creado á medida nunha oficina de emprego

González Solla cando era alcalde de Ponteareas e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda © Xunta

Agora o BNG deixa o PP no 22% dos votos e sube de 5 a 9 concelleiros. O terceiro deses edís será Roberto Mera, con 48 anos, o dobre dos que tiña, 24, cando comezou a liderar a loita contra José Castro

En 2003 o BNG tivo máis votos que os socialistas pero a alcaldía foi para estes, que a perderon un ano máis tarde. En 2007 o BNG foi a forza máis votada, pero o alcalde foi do PP. En 2015 o BNG obtivo á fin a alcaldía, pero o gañador daquelas eleccións aínda fora o PP. Agora, vinte anos despois de acabar con Franco en Ponteareas, o BNG confirma a súa consolidación no goberno local e gaña as eleccións co 34% dos votos, deixando o PP no 22% e pasando de 5 a 9 concelleiros. O terceiro deses edís será Roberto Mera, con 48 anos, o dobre dos que tiña, 24, cando comezou a liderar a loita contra José Castro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.