Ponteareas di adeus a Xosé Represas, o alcalde que consolidou o cambio político na vila

Xosé Represas, alcalde de Ponteareas polo BNG de 2015 a 2021 CC-BY-NC-SA BNG

A mudanza política en Ponteareas foi lenta e traballosa e o influxo de quen fora alcalde da vila designado pola ditadura en 1968 non comezou a esvaecer ata principios do século XXI. A vila do Tea tivo unha vida política convulsa e o cambio resistíase mentres, aos poucos e tamén con diversos avatares, o BNG ía consolidando o seu traballo de oposición. Ese labor de fondo cristalizou no ano 2015, cando a dereita perdeu a maioría na corporación e a esquerda puido poñer o bastón de mando nas mans de Xosé Represas (Ponteareas, 1956), cuxa morte choran este 24 de maio Ponteareas e o Bloque, pero tamén diversas voces ponteareás e da política galega en xeral.

Naquel 2015, Represas encabezou un goberno de coalición co PSdeG e a marea local, pero os populares aínda foran os máis votados. En 2019, tras catro anos de goberno, o Bloque ponteareán deu consolidado o cambio dando en superar o limiar do 30% dos votos e sumando maioría absoluta entre os seus 9 escanos e os 3 do PSdeG.

Xosé Represas, flanqueado por Cristina Fernández Davila -alcaldesa dende este maio de 2021- e polo edil Roberto Mera © BNG

Represas seguiu exercendo a alcaldía ata finais de 2020, cando se viu obrigado a pedir a baixa por razóns de saúde. O pasado abril, renunciou ao cargo definitivamente polo mesmo motivo e neste mes de maio, Cristina Fernández Davila era elixida como nova rexedora.

Na súa toma de posesión, Fernández Davila eloxiou amplamente o legado político e persoal de Represas en termos que se repetiron este luns por parte de membros do BNG, pero tamén doutras forzas políticas, cando foi confirmada a noticia do seu falecemento. Xosé Represas, de quen destaca a súa "xenerosidade", "deixa un gran legado co que traballar en equipo co obxectivo de poñer a Ponteareas no lugar que lle corresponde" como localidade "moderna, amable, creativa, dinámica; referente cultural e educativa".

Dirixentes da política local e galega destacan a xenerosidade e capacidade de traballo de Xosé Represas, alcalde ponteareán polo BNG dende 2015 e ata o pasado abril, cando se viu obrigado a deixar o cargo por razóns de saúde

O seu carácter amable e calmo e a súa capacidade de traballo foi tamén lembrada este luns por diversas voces políticas a comezar pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Xosé Represas, sinala, "deixa un enorme baleiro en todas e todos nós. Foi unha gran persoa: xenerosa, honrada e traballadora, comprometida con Pontereas e con Galiza no corazón".

Tamén o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, expresou as súas condolencias e lembrou o seu último encontro co ex-alcalde ponteareán. "Na miña última visita ao concello recordamos como nos coñeceramos hai 25 anos e trasladeille todo o meu afecto e moito ánimo. Síntoo moito", sinalou o dirixente socialista. Dende a agrupación socialista da vila, a súa portavoz municipal, Chus Garrote, salienta as súas calidades para o "diálogo e o consenso". O PP local fixo chegar igualmente o seu pesar pola "triste noticia". "Transmitir as nosas máximas condolencias á súa familia", sinalan os populares de Ponteareas.

Xosé Represas, alcalde de Ponteareas entre 2015 e 2021, falecido o 24 de maio de 2021 © Concello de Ponteareas

Tamén a Deputación de Pontevedra manifestou o seu pesar institucional pola morte de Represas e fíxoo, igualmente, a súa presidenta, a socialista Carmela Silva. "Sempre tiven unha moi boa relación política cun bo servidor público", sinala Silva, que trasladou "cariño e ánimo para a familia e amizades". A subdelegada do Goberno de España en Pontevedra, o deputado do BNG no Congreso e diversas entidades sociais e culturais ligadas a Ponteareas lamentaron, igualmente, o pasamento do ex-alcalde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.