Vox pide tránsfugas para facer presidente a Feijóo, que en 2019 xa reclamou un boicot dende o PSOE á investidura de Sánchez

Feijóo e Rueda, cunha simpatizante durante a súa participación nos actos da Casa Real polo 25 de xullo en Santiago CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Son innumerables as ocasións nas que Alberto Núñez Feijóo clamou por aplicar no Estado a fórmula da gran coalición, un Goberno de España sustentado polo PP e o PSOE. Así o fixo especialmente dende que a tendencia foi a fin das maiorías absolutas e así o repetiu, por exemplo, despois das eleccións xerais de abril de 2019, as primeiras nas que os populares perderan a primeira posición en votos en Galicia no medio do duro pau que padeceran con Pablo Casado debutando no cartel electoral.

"Se o señor Feijóo é quen de convencer un puñado de deputados socialistas", o que denominan o "PSOE bo", a extrema dereita ratifica que non sería "un obstáculo"

Naquel mesmo 2019, tras a repetición das eleccións xerais en novembro e o inmediato anuncio posterior dun acordo entre o PSOE e Unidas Podemos para gobernaren en coalición, Feijóo fora un chisco máis alá. O daquela presidente da Xunta asegurou ver claro que cumpría "parar" o que denominaba "goberno co Partido Comunista" e para facelo reclamou a colaboración de cargos ou ex-cargos socialistas, un convite que agora ecoa na suxestión lanzada dende a extrema dereita de Vox para tentar facer presidente a Feijóo malia aos resultados das xerais do 23X: o transfuguismo.

"Se o señor Feijóo é quen de convencer un puñado de deputados socialistas", o que denominan o "PSOE bo", Vox non suporía "un obstáculo". Porque así, indican os ultras, evitaríase "a conformación dun goberno de destrución nacional". O PP, pola súa banda, ve "moi interesante" que a extrema dereita se ofreza ao PP, se ben di que non prevé falar de xeito "individual" con membros do PSOE.

"Se alguén pode parar esta coalición entre o Partido Socialista e Podemos debería facelo cada un no ámbito das súas responsabilidades", sinalou Feijóo en 2019 como presidente da Xunta apelando a ex-cargos do PSOE e argumentando que o "partido de Sánchez" xa non era "socialista" nin "español"

O discurso dos de Abascal ten obvias semellanzas co pronunciado hai case catro anos por Feijóo dende o atril de San Caetano. "A chave entre ese goberno entre o Partido Socialista e o Partido Comunista téñena os partidos independentistas", argumentaba, e sería unha "coalición letal para a España constitucional", adxectivo que anteriormente dedicara a Democracia Ourensana pouco antes de entregarlle a alcaldía de Ourense. E por iso había que "parala".

Por todo isto, continuaba daquela Feijóo, "se alguén pode parar esta coalición entre o Partido Socialista e Podemos", un "erro histórico", "debería facelo cada un no ámbito das súas responsabilidades" e tendo en conta que o PSOE xa non era un partido "socialista" nin "español". Aquel era o "partido de Sánchez" e, laiábase, "non o Partido Socialista de Felipe González, de Alfonso Guerra, de Rubalcaba, de Ibarra, de Javier Fernández".

Agora, como líder do PP con escasas posibilidades de concorrer á investidura, Feijóo non apela -ou, cando menos, aínda non- a un boicot do propio PSOE á reelección de Pedro Sánchez, se ben si emenda o seu discurso sobre "o sanchismo" ou o "partido sanchista". Nesta liña, durante a sua asistencia aos actos da Casa Real en Santiago deste 25 de xullo, retomou a liña da gran coalición considerando que cómpre un acordo entre os dous "partidos de Estado" e afirmou, ademais, que "é unha conclusión precipitada dicir que non teño apoios" para lograr unha investidura aínda que o PNV xa anunciou que non contempla negociación ningunha ao respecto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.