É calquera cousa menos novidoso que Alberto Núñez Feijóo aposte por pactos entre PP e PSOE en España e mesmo en Galicia. Tanto para acordar medidas concretas -caso da aplicación dos recortes sanitarios en plena crise- como para propiciar a investidura na presidencia do Goberno central sen contar con outras forzas políticas, mesmo pola vía dun Executivo de 'gran coalición' entre ambos partidos. A pouco que se repase a hemeroteca non é difícil atopar múltiples declaracións do presidente da Xunta nese sentido, tanto dende o atril de San Caetano como en discursos públicos ou en resposta aos medios de comunicación.
É calquera cousa menos novidoso que Feijóo aposte por pactos PP-PSOE, pero reiteralo na última semana serviulle para volver emerxer nun medio do que gusta especialmente, o do debate político estatal
Malia non responder, daquela, a unha mudanza de discurso ou estratexia por parte do líder do PPdeG, o feito de que nos últimos días apostase abertamente -en declaracións a medios como La Voz de Galicia e Onda Cero- por unha coalición entre populares e socialistas que desatranque a investidura de Pedro Sánchez tras o aparente fracaso das negociacións con Unidas Podemos axitou o debate estatal. Múltiples cabeceiras e analistas aferráronse a esas declaracións, estratexicamente colocadas nos días posteriores ao mitin de Feijóo e Pablo Casado en Cotobade. Este mesmo domingo pronúnciase no mesmo sentido nunha entrevista co ABC.
O presidente galego volve sacar cabeza nun medio no que se sente particularmente cómodo, o do debate político alimentado dende a prensa de Madrid, a mesma que -especialmente dende os eidos máis conservadores- ollou cara a el con desaire cando, en xuño de 2018, anunciou que non competiría pola sucesión de Mariano Rajoy no acto solemne máis agre da historia recente do PPdeG. Aquela retirada dunha carreira inzada de pedras no camiño incluía unha explicación que soou a escusa neses ámbitos: o seu "compromiso" con Galicia finalizaba en 2020.
Sexa como for, o certo é que 2020 está ás portas e, cando menos de momento, o PP ostenta o liderado electoralmente máis feble da súa historia dende os tempos de Alianza Popular. Tras o esfarelamento do 28A, unhas eventuais novas eleccións xerais poderían darlle osíxeno a un atribulado Pablo Casado que, non obstante, axita a idea da confluencia electoral con Ciudadanos -e, se cadra, tamén con Vox- baixo as siglas de España Suma para estar en condicións de disputar o goberno ao PSOE.
A primeira batalla para o 10N -de celebrarse- e para os comicios galegos pode ser o debate de política xeral que o PPdeG vén de adiantar
E neste punto Feijóo tamén saca a cabeza, para eloxiar esa confluencia de dereitas, pero para "fóra de Galicia" porque "Galicia Suma", a marca rexistrada pola dirección estatal do PP durante este verán, xa é "o PPdeG". En calquera caso, a constitución dunha coalición das dereitas para confrontar con Pedro Sánchez nas virtuais eleccións xerais do 10 de novembro non se corresponde coa aposta pola gran coalición para poñer a andar a lexislatura sen previo paso polos novos comicios. Dende a madrileña rúa de Génova din que, en realidade, Feijóo está a dicir o mesmo ca eles, publicaba esta semana o diario El Mundo.
Este rexurdir estatal do presidente da Xunta chega no clima preventivamente preelectoral estatal e preelectoral tamén en Galicia, neste caso cara ás eleccións polo momento previstas para dentro dun ano. A primeira batalla galega para o 10N -de celebrarse- e para os comicios galegos pode ser o debate de política xeral, que o PP adiantou dúas semanas sobre que é habitual, facéndoo cadrar así ou cun pacto in extremis do PSOE con Podemos ou ben coa ratificación da repetición electoral.
Caballero e Pontón animan dende a ironía o líder do PPdeG a que os seus deputados no Congreso voten a prol de Sánchez; ambos estarán nos carteis electorais de PSdeG e BNG, Feijóo aínda está por ver
Nese debate estará o socialista Gonzalo Caballero, que tras a súa estrea parlamentaria desta semana en sesión de control como líder da primeira forza da oposición, terá que preparar agora con menos tempo do previsto o seu primeiro gran debate no Pazo do Hórreo. É tamén a derradeira sesión de política xeral da lexislatura, onde o PP se apoiará na situación estatal para zorregar dialecticamente nel.
O secretario xeral e candidato do PSdeG anima a Feijóo a pasar das palabras aos feitos e animar os 9 deputados do PP galego no Congreso a votar "si" a Sánchez, un reto que, ironicamente, lanzou tamén a nacionalista Ana Pontón. Agás sorpresa maiúscula, tanto Caballero coma Pontón aparecerán nos carteis electorais de PSdeG e BNG con independencia do que pase coa investidura de Sánchez. Está por ver se sucede o mesmo con Feijóo no PPdeG.