O Parlamento galego vivía este mércores a súa primeira sesión de control tras as eleccións xerais, cuxos resultados lanzaron definitivamente a precampaña dos comicios galegos do 2016. Como era de agardar, o complexo panorama político xurdido do 20-D estivo moi presente na sesión, sobre todo pola banda de Alberto Núñez Feijóo, que combinou unha saída en tromba contra En Marea, a triunfadora dos comicios pola banda esquerda no país, coa esixencia dun pacto entre PP e PSOE que asegure a investidura de Mariano Rajoy.
Despois de que o voceiro socialista, José Luis Méndez Romeu, iniciase a súa intervención cuns parabéns máis ou menos rituais ao PP por manterse como primeira forza e preguntase, a continuación, pola problemática dos comedores escolares nos que apareceron alimentos con insectos, Feijóo retrucou remontándose ás xerais de 1993 e 1996 para eloxiar que “naquela España, aqueles partidos políticos sabían que nas eleccións goberna o que gaña”, en referencia á, ao seu xuízo, necesidade de que o Goberno estea encabezado pola lista máis votada. “Por iso”, asegura, agora non sería “razoable” que “un dos obxectivos” de Pedro Sánchez sexa “que non haxa goberno” non apoiando a Rajoy.
Romeu advirte de que o PP está a “recoller” os froitos do seu “autoritarismo”
“Están en condicións de lograr ese tipo de acordo?”, preguntouse o socialista, para quen a “impotencia que transloce” Feijóo é a mellor mostra de que o PP está a “recoller” os froitos do “autoritarismo” que “sementaron” durante a última lexislatura estatal. Cabe preguntarse, di Romeu, se o PP “xa está renunciando anticipadamente a formar goberno” ou, polacontra, pretende que o PSOE “lle entregue gratis a gobernación”. “A soberbia estalles a pasar factura”, advirte.
Alerta de “destrución do país”
Nun contexto no que non considera “normal” que “o PSOE xa non sexa alternativa de goberno en Galicia e en España” Feijóo reservou maior virulencia para a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, futura deputada no Congreso por En Marea. Na súa derradeira sesión de control Díaz pedíalle contas ao presidente polo que define como “un país en destrución” en sectores como o lácteo ou o naval”. “Que vai facer con Galicia?”, cuestionou.
“Convoque eleccións e verá como os galegos e galegas lle din que colla as maletas e marche”
“O que imos facer con Galicia é darlle estabilidade, darlle un goberno e non mentirlles aos galegos”, di Feijóo, que conclúe que á formación de esquerdas non lle interesan “as políticas sociais” porque “a primeira proposta do seu partido foi convocar referendos de autodeterminación nas comunidades autónomas”, proclama, en referencia á postura de Podemos -Díaz pertence a Esquerda Unida- sobre Catalunya. Ao PP “interésalle a xente” e a En Marea, teoriza, “destruír o país, destruír a unidade das xentes”.
Sen resposta á súa pregunta, Díaz advertiu ao presidente de que, efectivamente, a vontade de En Marea é que “os galegos e galegas decidan”, a comezar pola composición do Parlamento. “Convoque eleccións e verá como lle din que colla as maletas e marche”, esixe, nun contexto no que “nós deixamos que o pobo fale” e Feijóo, “no tempo que lle quede, debería defender este país”.
Crítica por marchar ao Congreso
Feijóo censura que Yolanda Díaz vaia ser deputada no Congreso aínda que Pilar Rojo tamén o vai ser
Na que tamén será unha das últimas sesións da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, elixida tamén deputada no Congreso na lista do PP por Pontevedra, Feijóo estende os seus reproches a Yolanda Díaz ao feito mesmo de que “se vai”, algo que igualmente fará Paula Prado, futura senadora popular. “Alá vostede o seu compromiso con Galicia”, ironizou, obviando a súa compañeira de filas e desexando que Díaz “cando chegue a Madrid non diga que vai porque é unha emigrante e aquí non ten ningunha posibilidade”.
Segundo Feijóo o obxectivo último de En Marea é “gañarlle ao PSOE” mentres “o noso é manter a estabilidade do país”. “Eu quédome con Galicia, alá vostede a onde vai”, censura antes de atribuírlle a Díaz “prepotencia” e unha “arrogancia que non creo que lle sexa unha chave para falar co resto dos seus compañeiros de grupos” desa “gran coalición que como obxectivo fundamental ten impedir que haxa un goberno para todos” ou, o que é o mesmo, “a destrución da política e da convivencia”.