Este 23 de xullo 2.688.623 persoas están convocadas a votar nas catro circunscricións galegas nas eleccións xerais, 2.216.483 residentes en Galicia e 472.140 que viven no estranxeiro. É a 16ª vez que se celebran eleccións xerais dende o regreso da democracia en 1977 e nesta ocasión renovaranse os 23 escanos galegos no Congreso e 16 postos no Senado. Unha ducia de formacións políticas presentan lista nalgunha das catro provincias galegas.
Hai catro anos, o 10 de novembro de 2019, o PP foi a forza máis votada en Galicia por unha marxe moi escasa sobre o PSdeG, apenas dez mil votos
Hai catro anos, o 10 de novembro de 2019, o PP foi a forza máis votada en Galicia por unha marxe moi escasa sobre o PSdeG, apenas dez mil votos. Tratábase dunha repetición electoral, despois de que na convocatoria de abril non fose posible formar goberno. Neses comicios de abril o PSdeG fora a forza máis votada en Galicia, algo que nunca sucedera previamente. Porén, a práctica desaparición de Ciudadanos permitiulle ao PP recuperar os votos suficientes para impoñerse.
En Común-Unidas Podemos mantivo a súa representación malia perder case dous puntos entre abril e novembro. E o BNG regresou ao Congreso por primeira vez dende a lexislatura 2011-2015, acadando un escano pola provincia da Coruña. VOX seguiu sen acadar representación en Galicia, a pesar de mellorar os seus resultados e tampouco Más País obtivo un resultado salientable.
Galicia foi unha das seis comunidades autónomas onde o bloque progresista superou o da dereita e, de feito, a esquerda acadou a súa maior vantaxe histórica sobre a dereita en eleccións xerais en Galicia, con 13 dos 23 escanos en xogo, e mantendo a distancia en votos que obtivera en abril.
O PP foi a forza máis votada nas eleccións xerais en Galicia en todas as convocatorias entre 1982 e 2019, coa excepción da devandita cita do mes de abril dese ano
O PP foi a forza máis votada nas eleccións xerais en Galicia en todas as convocatorias entre 1982 e 2019, coa excepción da devandita cita do mes de abril dese ano. En 1977 e 1979 a gañadora foi UCD. Os populares chegaron a superar o 50% dos votos en dúas ocasións (2000 e 2011). Porén, nese ano 2011, nun escenario de maior fragmentación do voto, os conservadores iniciaron un descenso que os levou a moverse entre o 28% e o 42% dos votos.
O PSdeG, pola súa banda, vén movéndose dende 1982 ao redor do 30%, con máximos entre 2004 e 2008, cando superaron o 40% e mínimos en 2015 e 2016, coincidindo coa irrupción de En Marea, cando caeron ata o 22%.En abril de 2019, co 32,4% dos votos, superaron o PP por cinco puntos.
O BNG experimentou un ascenso constante dende 1986 e o 2000 que o levou a acadar o 19% dos votos e tres escanos nesa cita, na que a formación nacionalista ficou a cinco puntos do PSdeG. Entre 2004 e 2011 moveuse ao redor do 11% e nas tres convocatorias seguintes non foi quen de obter representación, que recuperaron en novembro de 2019, con algo máis do 8%.
O bloque progresista superou as forzas conservadoras en 5 das 7 últimas convocatorias (2004, 2008, 2015, abril de 2019 e novembro de 2019)
Ademais de UCD, gran dominadora nas eleccións de 1977 e 1979, cando levou 20 e 17 escanos, respectivamente. Outras formacións conseguiron acadar representación de forma ocasional, coma Coalición Galega (1986) e o CDS (1986 e 1989).
En 2015 a irrupción de En Marea con seis escanos mudou o esquema previo, aínda que a formación viu reducida a súa representación a 5 deputados e deputadas en 2016 e a dous en 2019. Tamén Ciudadanos foi quen de obter representación en 2015 e en abril de 2019, curiosamente nas dúas lexislaturas de menor duración, escanos que perderon nas sucesivas repeticións electorais que chegaron meses máis tarde.
Esta marxe en favor da esquerda ampliouse nas dúas convocatorias de 2019, cando as forzas progresistas (PSdeG, En Común-UP, BNG, En Marea, Más País...) superaron por case dez puntos ás conservadoras (PP, Ciudadanos, VOX...)
A pesar das sucesivas vitorias electorais do PP (coa única excepción de abril de 2019), a realidade é que o bloque progresista superou as forzas conservadoras en 5 das 7 últimas convocatorias (2004, 2008, 2015, abril de 2019 e novembro de 2019), mentres que a dereita só foi maioritaria en 2011 e 2016.
Ns eleccións ao Parlamento galego a dereita adoita conseguir unha cómoda maioría. Así sucedeu en todas as convocatorias dende os anos 90, agás na de 2005 que propiciou o goberno de coalición PSdeG-BNG. En cambio, o voto nas eleccións xerais tende máis á esquerda.
Esta marxe en favor da esquerda ampliouse nas dúas convocatorias de 2019, cando as forzas progresistas (PSdeG, En Común-UP, BNG, En Marea, Más País...) superaron por case dez puntos ás conservadoras (PP, Ciudadanos, VOX...)
Un dos factores que axudan a explicar o mellor resultado da esquerda nas eleccións xerais frotne ás eleccións galegas é a maior abstención que se rexistra nestas últimas, centrada nas zonas urbanas
Un dos factores que axudan a explicar esta diferente tendencia ideolóxica nas eleccións xerais e nas eleccións galegas é a maior abstención que se rexistra nestas últimas. Por exemplo, na última convocatoria ao Parlamento galego a participación (contando o censo CERA) acadou o 49%, seis puntos menos que nas xerais de novembro de 2019 e 13 puntos menos que nas xerais de abril dese ano.
As diferenzas de participación entre uns e outros comicios prodúcense principalmente nas zonas urbanas e afectan a espazos que votan maioritariamente á esquerda, especialmente a PSdeG e Unidas Podemos
A participación nas últimas eleccións xerais de novembro de 2019 foi a máis baixa dende 1979, con só o 55,9% tendo en conta o censo de residentes ausentes. Mesmo se só se toma como referencia o censo de persoas residentes en Galicia a participación (66,6%) foi a máis reducida dende 1989
A participación nas últimas eleccións xerais de novembro de 2019 foi a máis baixa dende 1979, con só o 55,9% tendo en conta o censo de residentes ausentes. Mesmo se só se toma como referencia o censo de persoas residentes en Galicia a participación (66,6%) foi a máis reducida dende 1989. Moi lonxe quedan as cifras de participación que se daban nos anos 90 e na primeira década do século XXI, ao redor do 70%.
De calquera xeito, cómpre sinalar a forte distorsión que provoca a ampliación do censo CERA, que adoita presentar porcentaxes de participación moi reducidas, especialmente dende a introdución do voto rogado, que nestes comicios se elimina. Sen ter en conta este censo CERA, a participación máis alevada produciuse nas eleccións de 2004 que seguiron aos atentados de Atocha e tamén se rexistraron cifras moi elevadas nos comicios de 2008, 2015 e abril de 2019.