En campaña. Cando aínda non se constituíron a totalidade das corporacións saídas das eleccións municipais do pasado 28 de maio, outra volta en campaña. Como hai catro anos, Pedro Sánchez envorcou o taboleiro político cunha convocatoria electoral inesperada inmediatamente despois duns comicios locais que tamén foron autonómicos nunha decena de territorios e que, sen sufrir unha perda profunda de votos, si implicaron unha notabilísima perda de poder para o PSOE, gañada fundamentalmente pola dupla PP - Vox.
O 23X está en xogo o exame ao Goberno de Pedro Sánchez e a maioría parlamentaria que sustentará o vindeiro, pero tamén ao núcleo dirixente que controlou o groso do poder na Xunta e no PPdeG dende hai década e media
No caso galego, a lóxica do 28M non foi a mesma que a doutros puntos do Estado -a esquerda retivo o groso do seu poder nas principais institucións, coas excepcións do Concello de Ferrol e da Deputación de Pontevedra-. E agora, o significado do que aconteza este 23X tampouco vai ser o mesmo que noutros lugares. En dúas semanas estará en xogo a maioría parlamentaria que dará soporte ao vindeiro Goberno de España e o exame definitivo ao labor do Executivo de coalición do PSOE e Unidas Podemos, pero tamén está a proba nada menos que o poder imperante en Galicia na última década e media, a súa resistencia, o seu alargamento ou mesmo a súa posible fin.
Tras dúas sonoras derrotas do PP con Pablo Casado á fronte e a súa posterior decapitación política o pasado 2022, quen agora tenta desbancar a Sánchez é o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo. Á fronte do aparello da madrileña rúa de Génova está Feijóo e con el, o núcleo dirixente que dende o ano 2009 controlou o groso do poder na Xunta e dende 2006, no PP de Galicia.
No seo das forzas políticas existe a convicción de que o que suceda o 23X condicionará en gran medida as posibilidades de continuidade ou mudanza política en Galicia
Con asesores como a ex-secretaria de Medios do Goberno galego, Mar Sánchez -agora número 10 ao Congreso por Madrid-, os populares están a aplicar, en boa medida, o mesmo manual co que deron tombado ao primeiro intento o Goberno galego de PSdeG e BNG (2005-2009). Agora procurarán facer o mesmo con outra coalición, a do PSOE e Unidas Podemos, que Sánchez avoga ás claras por reeditar agora con Sumar, a plataforma liderada por Yolanda Díaz, entre apelacións a unha remonta nas urnas que algúns inquéritos comezan a reflectir.
No seo das principais forzas políticas existe tamén a convicción de que o que suceda nas urnas do 23 de xullo -mesmo dunha eventual repetición electoral en caso de bloqueo político- dependerá en gran medida o escenario político galego inmediatamente posterior. Ou, o que é o mesmo, as posibilidades de que Alfonso Rueda poida aspirar a gañar por primeira vez a presidencia como cabeza de cartel do PPdeG nunhas eleccións ou, pola contra, as opcións dun cambio político que permita á esquerda retornar á Xunta década e media despois.
Pedro Sánchez augura unha vitoria para "avanzar"
"Feijóo e Abascal son o túnel do tempo", advirte Sánchez mentres o PSdeG pide "frear unha España en branco e negro" e ve "o deber cumprido" cara a Galicia na lexislatura
Nunhas eleccións marcadas polo contexto estival e nun contexto no que os actos formais da pegada de carteis teñen cada vez menos impacto, Pedro Sánchez lanzou as súas primeiras mensaxes de campaña case seis horas antes do seu inicio formal. Nun mitin celebrado en Madrid baixo o lema de campaña Adelante, España avanza, o aspirante á reelección polo PSOE amosouse convencido da vitoria.
"Imos gañar para que España avance catro anos máis, imos ser a primeira forza política, imos gañar polos traballadores, polos pensionistas, pola cultura, polas mulleres, pola mocidade", proclamou nun contexto no que o que, di, quen vai "perder" son os que "o único que propoñen é retroceder". "Feijóo e Abascal son o túnel do tempo" porque pretenden retroceder dende "dez aos nos dereitos" laborais e das pensións ata "20 en dereitos LGBTI, 40 anos nos dereitos das mulleres e 80 na censura á cultura".
En Galicia, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, comezou a campaña en Vigo horas despois de apelar ás claras ao "voto útil" para "frear a España en branco e negro" que traería consigo, di, unha eventual maioría das dereitas. Principian agora, di, dúas semanas nas que o PSdeG procurará amosar "ilusión", mais tamén satisfacción polo "deber cumprido" con Galicia, tanto polos beneficios para o noso país a través de políticas xerais como as de pensións ata por cuestións específicas como os descontos na AP-9. Todo isto para uns comicios que advirte como "transcendentais" e nos que, advirte, o electorado galego ten a "responsabilidade" de "alertar do que esperaría a España como chegue Feijóo", porque "xa deixou unha Galicia moito peor da que encontrou".
Feijóo (non) principia a campaña nos Peares
O ex-presidente pide "pasar páxina do sanchismo"
En días previos a este comezo oficial da carreira electoral, o PP asegurou que Feijóo ía "iniciar a campaña" nos Peares, a súa vila natal a medio camiño entre as provincias de Lugo e Ourense á que adoita referirse para facer ver que ten orixes rurais e onde xa acudira no primeiro día da súa derradeira campaña como aspirante á Xunta. En rigor, Feijóo tivo nos Peares o acto final da precampaña, unha visita ás 10 da mañá deste venres. Alí reivindicou que "coñece o rural" e afirmou que é o "momento da alternancia e do cambio político". Polo serán, celebrou a pegada de carteis en Castelldefels (Catalunya) onde proclamou o que considera como "necesidade de pasar páxina do sanchismo".
Alfonso Rueda, pola súa banda, principiou a súa primeira campaña dunhas eleccións xerais como presidente da Xunta e do PPdeG en Ferrol, única cidade galega con alcaldía dos populares dende o 28M. Alí asegurou que, se Feijóo goberna en España, fará "política á galega", avogou pola fin "do sanchismo" e pediu o apoio ao electorado galego porque "os galegos non queren nin nacionalismos nin sucursalismos".
O BNG, a por un grupo "orgullosamente galego" que sexa "muro" ante a dereita
Pontón: "O BNG é a alternativa para que Galiza conte e para a defensa dos dereitos e liberdades fronte á involución"
O BNG tamén concede especial relevancia a estas eleccións xerais, toda vez que a formación soberanista considera que un bo resultado pode ser clave non só para o cambio político en Galicia, senón tamén para as súas expectativas de poder chegar a aspirar á presidencia da Xunta. Nas horas previas a comezar a campaña en Santiago xunto ao cabeza de cartel pola Coruña, Néstor Rego, e á alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, Ana Pontón reuniu as cabezas das catro listas ao Congreso para augurar que lograrán "dar a Galiza un grupo forte en Madrid".
O 23X, di Pontón, pode ser o momento de "facer valer o noso ante o Goberno do Estado" e o Bloque "é a alternativa para todas as persoas que queren que Galiza conte", pero "tamén para a defensa dos dereitos e liberdades fronte á involución". Porque o BNG, defende, actuará tamén no Congreso como "muro de contención contra un PP ultra de ganchete coa extrema dereita". O 23 de xullo, proclama, "non é o momento de votar por medo nin polo mal menor, senón con ilusión, esperanza e orgullo do noso".
Sumar principia con Díaz e Colau na Coruña
Sumar, pola súa banda, celebrou tamén na tarde un acto de inicio de campaña no que a caravana da súa cabeza de cartel, Yolanda Díaz, principiou percorrido na Coruña na compaña das cabezas de cartel galegas e tamén de Ada Colau, ex-alcaldesa de Barcelona nun acto no que tamén interveu a actriz Marisa Paredes para amosar o seu apoio explícito á formación que encabeza a actual vicepresidenta segunda e ministra de Traballo
Yolanda Díaz percibe "ventos de remonta" e advirte da "obriga" dende Galicia "de desmontar que Feijóo é un bo gobernante"
Advirte Díaz de que "o relato" dunha eventual vitoria da dereita "non é certo". "Non o creades, imos saír votar en masa para gañar as eleccións" entre "ventos de remonta" e vencer nas urnas, di, ao "programa oculto do PP" que inclúe, advirte, frear medidas como a revalorización das pensións ou as melloras dos salarios. Nos vindeiros quince días, di, especialmente dende a súa formación en Galicia "temos a obriga de desmontar que Feijóo é un bo gobernante". A candidata pola Coruña, Marta Lois, apela a toda a "Galicia progresista" para que exerza o "voto da política útil": "Sumar Galicia é voto para facer mellor a vida da xente, a vida das traballadoras e traballadores", para "seguir conquistando dereitos" e tamén "frear a aqueles que queren recortalos".