A campaña contra o "gasto político", o Contrato con Galicia, os ataques por que membros do Goberno empreguen medios de transporte ou edificios gobernamentais. E, en xeral, o manual de oposición e asedio estreado en Galicia como líder do único partido da oposición ao Goberno de PSdeG e BNG.
Son moitos os elementos que Alberto Núñez Feijóo e o seu equipo de asesores veñen reciclando no último ano para cargar contra o Goberno de España do PSOE e UP coas mesmas ferramenta que utilizaran contra a Xunta de socialistas e nacionalistas dende que, en xaneiro de 2006, herdaron a dirección do PPdeG de Manuel Fraga. Ademais dese manual de asedio, os conservadores están tamén a reciclar liñas estéticas e diversas accións de campaña
Dende a posta en escena das candidaturas simulando un mapa -daquela de Galicia, agora de España- ata o lema electoral -do Chegou o momento de 2009 ao Es el momento de 2023-. E tamén botar man da vida persoal do candidato poñendo o foco en que naceu na vila dos Peares.
O PP volve poñer o foco na vida persoal do ex-presidente e no seu lugar de nacemento para comezar unha campaña na que tamén reproducirá o mitin na praza de touros de Pontevedra
Así, e tras lanzar un vídeo de precampaña centrado en que naceu nese lugar -pertencente, segundo o punto, aos concellos lucenses de Carballedo e Pantón e aos Ourensáns da Peroxa e Nogueira de Ramuín-, este luns o PP confirmaba que Feijóo principiará a campaña electoral nos Peares. Isto é, reproducirá o feito na campaña galega de 2020 e o que xa proxectara facer en 2016, se ben daquela o accidente de tren do Porriño obrigara a alterar a axenda.
A través dun comunicado, os conservadores confirmaban que Feijóo acudirá o xoves -a campaña principia na medianoite- "á súa aldea natal", lugar onde viven apenas duascentas persoas e que vén sendo agarimado polos gobernos do PP dende hai anos, a comezar pola Xunta a través do propio ex-presidente dende os seus tempos de conselleiro. Segundo os populares, comeza alí a campaña para "dar voz á España rural". O domingo seguinte volverá a Galicia para dar un mitin na praza de touros de Pontevedra, á que sinalan como "talismán" das súas campañas galegas.
Comezo de Sumar na Coruña con Ada Colau
Que Díaz organice a pegada de carteis na Coruña é "mostra do compromiso da candidata de Sumar coa súa terra e coa Galicia progresista", afirman
Dáse a circunstancia de que a do PP non será a única campaña dunha forza política de ámbito estatal que comece en Galicia cara a este 23X. Tamén o fará a outra formación cunha cabeza de cartel galega, Sumar, que organiza a súa pegada de carteis na Coruña. No acto, no Parrote contra as 20:30, Yolanda Díaz estará acompañada por membros das candidaturas galegas da formación e mais por Ada Colau, ex-alcaldesa de Barcelona.
Dende Sumar Galicia afirman que este primeiro acto é "mostra do compromiso da candidata de Sumar coa súa terra e coa Galicia progresista" que, afirma Marta Lois, cabeza de cartel pola Coruña, quere "dicir si ás políticas de progreso, ás subas de salarios, á mellora da calidade do emprego" e "en definitiva, aos avances sociais fronte á Galicia do pasado que representa Feijóo".