- Pedro Sánchez inza o seu discurso de xestos ao PNV
- Feijóo pide "compostura" ao PP: “Con independencia do poder o importante é a coherencia política”
- En Marea pide a Sánchez que acabe co "desleixo" con Galicia e reivindica o "estatus de nacionalidade" do país
A presidencia de Rajoy no Goberno de España chegará, agás sorpresa maiúscula, á fin dos seus días este venres. Contra as cinco da tarde deste xoves o PNV desvelou a que se presentaba como principal incógnita do debate da moción de censura formulada polo PSOE: apoiarán a moción de censura. Daquela, só unha dimisión de Mariano Rajoy que o PP nega impediría que Pedro Sánchez non torne en novo presidente do Executivo central tras a votación da moción.
O portavoz parlamentario da formación vasca, Aitor Esteban, confirmou a decisión adoptada pola dirección do seu partido. O voto definitivo foi anucniado á Cámara Baixa sen que Rajoy estivese sentado no seu escano para escoitalo en persoa. O xefe de filas do PP xa o sabía, os nacionalistas vascos avisárano, e Rajoy non apareceu polo hemiciclo en toda a tarde. Segundo trascendeu contra o serán, pasou a tarde nun restaurante madrileño con parte do seu equipo.
Pedro Sánchez: "Non hai maior inestabilidade que a derivada da incapacidade de chegar a acordos"
"Respondemos ao que demanda maioritariamente a sociedade vasca votando que si", confirmou Esteban. "A sentenza do pasado xoves supuxo un antes e un despois na sociedade" e "o debate transcende do xurídico". O voceiro jeltzale enmarcou a decisión do seu partido, ao cabo, nun "exercicio de responsabilidade" cos Orzamentos Xerais do Estado pactados recentemente co PP como pano de fondo.
O anuncio verbalizado por Esteban chegou despois dun primeiro discurso de Sánchez inzado, precisamente, de chiscadelas ao PNV. Non en van, o líder socialista anunciou á Cámara que se é presidente manterá esas contas por "responsabilidade" mesmo se o PP ralentiza o seu apoio no Senado, onde ten maioría absoluta. Segundo Sánchez, "non hai maior inestabilidade que a derivada da incapacidade de chegar a acordos", asegurou. "Este non é o noso orzamento, pero non o imos a retirar por responsabilidade de Estado", engadiu. As modificacións orzamentarias -que non precisan de votacións parlamentaria- darían ampla marxe de manobra a ese eventual novo Goberno sen arriscar as achegas achegas de 540 millóns de euros de investimentos en Euskadi.
No apoio do PNV vai tamén implícita a negociación do "momento de apertar o botón da disolución das Cámaras", de convocar eleccións xerais. Por iso lle pediu que estea disposto a "acordar" tanto as leis que se aproben no Congreso como a data duns novos comicios. Respecto de Catalunya, dixo que "o camiño é dialogar" pero tamén recoñecer que existe "un problema nacional" en diferentes lugares do territorio do Estado.
Iglesias dá por logrado "un dos nosos principais obxectivos"
O apoio do PNV serviu para mudar o ton do debate en xeral e de Sánchez en particular mentres os ruxerruxes sobre unha eventual dimisión de Rajoy non cesaban. Neste clima chegou a intervención do líder de Ciudadanos, Albert Rivera, que apelou precisamente ao "último cartucho" dese cesamento de Rajoy para evitar que a esquerda poida gobernar. Tras Rivera, duramente respondido por Sánchez, chegou a quenda do líder de Podemos. Para Pablo Iglesias o debate e aprobación desta moción é "moi importante" porque "imos lograr un dos nosos principais obxectivos políticos, sacar de vez aos corruptos" do Goberno de España.
"Non só teñen que marchar do Goberno por corrupción, senón que se constata o seu completo fracaso ao facer fronte aos problemas de España", explicou o secretario xeral da formación. "Éncheme de orgullo ter razón, hoxe por fin mandamos á casa ao PP", concluíu.
De Cospedal desbota a dimisión de Rajoy
De Cospedal, sobre a posible dimisión de Rajoy: "Se pensásemos que serviría para que o PP siga gobernando, faríao"
Mentres o debate continuaba no interior do hemiciclo do Congreso foi a secretaria xeral do PP e aínda ministra de Defensa, Dolores de Cospedal, quen saíu ao paso das voces que apuntaban á dimisión de Rajoy para bloquear a moción de censura. "Mariano Rajoy non vai dimitir", sinalou. "Se pensásemos que serviría para que o PP siga gobernando, faríao. Pero a aritmética parlamentaria actual non o permite", evidenciou.
De Cospedal deu por feito así que Pedro Sánchez logrará sacar adiante a moción de censura grazas aos votos de máis da metade da Cámara, entre os que destacou "os radicais e os independentistas". "Vivimos unha moción cun único propósito: botar do Goberno ao PP e que o señor Sánchez sexa presidente", apuntou. A aínda ministra defendeu a herdanza do seu partido e falou en pasado dos logros que, cre, obtiveron: "O PP gobernou nos momentos máis duros. Para todos os españois. Nun país que o PSOE nos deixou esnaquizado. O PP evitou a quebra e que España non fose intervida", concluíu.