A reunión entre Feijóo e Sánchez remata sen acordo, como era previsible, e cun plan do candidato do PP para buscar unha investidura para gobernar 24 meses. "Pasamos de querer derrogar o sanchismo a rogar ao sanchismo", sinalan desde o PSOE
Investidura para unha lexislatura de 24 meses con acordos para seis pactos de Estado. Esta é a proposta do candidato do PP Alberto Núñez Feijóo a Pedro Sánchez, candidato socialista á reelección, para acadar o apoio do PSOE á súa investidura como presidente do Goberno de España. Sánchez, pola súa banda, ofrece un pacto para o desbloqueo do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) antes de que remate o ano.
"Pasamos de querer derrogar o sanchismo a rogar ao sanchismo", asegurou a portavoz do PSOE, Pilar Alegría, despois da Comisión Ejecutiva Federal da formación socialista deste mércores, na que analizaron a reunión entre ambos candidatos. "Que nos está a ofrecer: un pacto do PSOE con Vox para derogar o sanchismo durante dous anos?", interpelou Alegría.
"Parece ser que ao PSOE non lle interesa unha investidura entre partidos constitucionalistas", afirmou Feijóo na súa comparecencia ao remate da reunión con Sánchez, na que se gabou do "encargo" do rei Felipe VI porque "a lexislatura non pode pararse". "Vivimos nunha política de comigo ou contra min que algún día ten que rematar", certificou, para engadir que a proposta traslada a Sánchez tamén lla fará chegar ao resto de partidos cos que pretende reunirse en orde de representación.
"Constatei o rexeitamento de Sánchez á proposta de igualdade de todos os españois", criticou Feijóo
Unha lexislatura de dous anos "pactando o método de traballo" que "permita desbloquear as grandes cuestións de Estado pendentes". A proposta que debullou o candidato popular inclúe por acordos de rexeneración democrática, polo Estado do benestar, o saneamento económico, polas familias, un acordo nacional pola auga e un pacto territorial "que converta o Senado no que debeu ser e non é".
O ex-presidente da Xunta e líder do PP volveu gabarse de ser "previsible" e afirmou querer impedir "un gran acordo nacional que prexudica a España" entre os grupos que apoiaron a elección da presidenta do Congreso, a socialista Francina Armengol, na constitución do Congreso que deu comezo á lexislatura. "Constatei o rexeitamento de Sánchez á proposta de igualdade de todos os españois", criticou Feijóo este mércores, no que repetiu que a súa proposta defende "a igualdade de todos os españois" e non "amnistías a cambio de nada".
"Antes de ofrecer ningún acordo tes que cumprir o máis sagrado, que é a Constitución", sinalou a portavoz socialista
Alegría informou de que a proposta de Sánchez a Feijóo foi "que sexa quen sexa o presidente se renove o CGPJ antes do 31 de decembro, proposta que foi rexeitada por Feijóo". Ademais, a portavoz socialista respondeu que "antes de ofrecer ningún acordo tes que cumprir o máis sagrado, que é a Constitución".
Neste sentido, sostivo que a renovación do CGPJ, "que leva 1712 días paralizado", é unha prioridade. "É a terceira vez que este país se ve sometido a esta situación, que pasa cando o PP está na oposición, aínda que nunca por tanto tempo", agregou.
A socialista defendeu que Pedro Sánchez acudiu a xuntanza por "normalidade e respecto institucional" e pediu a Feijóo respecto para o seu partido. "O que son intolerables son eses chamados ao transfuguismo no PSOE", advertiu.