Soutomaior como placebo, ou por que a Deputación de Pontevedra non é a Moncloa

Feijóo no castelo de Soutomaior no acto do PP deste domingo © PP

Feijóo recupera oito anos despois o acto de inicio do curso político do PP no castelo pontevedrés grazas ao sistema de elección das deputacións e láiase de "os que tentan gañar perdendo e bloquear desde a derrota"

O PP recuperou nas eleccións municipais de maio a Deputación de Pontevedra, pero tras as xerais de xullo Feijóo non é quen de lograr apoios parlamentarios que o fagan presidente. Máis alá dos discursos, eses dous feitos son a principal conclusión do acto de inicio do curso político que os populares volveron celebrar este domingo no castelo de Soutomaior tras oito anos de afastamento obrigado dun espazo propiedade da deputación provincial. 

Un regreso de Feijóo a Soutomaior que se produce grazas ao sistema representativo de elección das deputacións que en maio primou o PP e mentres o líder popular láiase de que tras o 23X a maioría do Congreso dos Deputados non o deixa presidir o Goberno de España. Son, di, "os que tentan gañar perdendo e bloquear desde a derrota" os que dificultan que "antes ou despois" el sexa presidente.

Feijóo con Rueda e Rajoy no acto no castelo de Soutomaior © PP

A volta de Feijóo ao castelo de Soutomaior para iniciar o curso político prodúcese nun verán cheo de déjà vu, no que o ex-presidente da Xunta seguiu aparecendo en diversos actos por toda Galicia como se hai ano e medio non decidise abandonar San Caetano. Este domingo mesmo o presidente Rueda salientou a cantidade de tempo que Feijóo estivo este verán en Galicia, malia criticar o PP a Pedro Sánchez por coller vacacións. Pero máis tempo pasou, oito anos, desde que o PP celebrara por última vez o inicio do curso político nesa fortaleza medieval ao fondo da ría de Vigo.

Tras perder o PP a Deputación de Pontevedra nas municipais de 2015 o novo goberno provincial de PSdeG e BNG vetou a celebración de actos políticos no castelo de Soutomaior, propiedade da institución provincial. Aquel ano, con Rajoy como presidente do Goberno de España e Feijóo da Xunta, foi o último no que a dereita española puido dicir que comezaba o curso político unida no castelo pontevedrés. xDespois non houbo nin castelo, ao perder o PP a Deputación de Pontevedra, nin unidade, co ascenso de Vox.

Logo da perda da deputación e do castelo, o acto anual do PP trasladouse a unha carballeira en Cerdedo-Cotobade, concello gobernado polos populares. E este domingo volveu a Soutomaior cunha escenografía como a dos bos tempos, pero desta volta sen que nela puidese falar un presidente do Goberno de España.

Feijóo e Rueda no acto no castelo de Soutomaior deste domingo © PP

Feijóo presentou o castelo de Soutomaior como "símbolo" do "maior triunfo territorial" do PP nas municipais de maio, malia que en Galicia o avance popular foi moi limitado e a esquerda segue gobernando as principais cidades e vilas

O PP recuperou Soutomaior grazas a un sistema indirecto de elección das deputacións provinciais a partir de deputados designados por partidos xudiciais. Isto fai que os populares conten con 14 dos 27 deputados da corporación provincial malia que as súas candidaturas municipais en toda a provincia de Pontevedra obtiveron nas eleccións locais do 28 de maio só o 36,67% dos votos totais emitidos, fronte o 33,94% do PSdeG e o 18,13% do BNG.

Na semana previa ao acto deste domingo o PPdeG gabouse da recuperación do castelo para os seus actos políticos grazas a que en maio o partido "recuperou un importante poder territorial, entre o que se encontra a Deputación de Pontevedra". E este mesmo domingo o propio Feijóo puxo o castelo de Soutomaior como "símbolo" para el "moi importante" do que cualificou como o "maior triunfo territorial" do PP en toda España. Unhas municipais tras as que, salientou, o PP goberna a gran maioría das capitais de provincia do Estado.

Porén, esa recuperación de poder territorial foi en Galicia moi limitada, coa deputación de Pontevedra e a cidade de Ferrol como grandes conquistas antes en mans dunha esquerda que segue a reter o groso da Galicia urbana. Así, neste novo mandato municipal Ferrol e Arteixo son os únicos concellos do PP entre os 15 máis poboados, mentres que o 60% da poboación galega ten un alcalde ou alcaldesa de PSdeG ou BNG.

Feijóo puido volver ao castelo de Soutomaior grazas a que o PP controla a Deputación malia ter só o 36,67% dos votos totais na provincia nas municipais, e agora lamenta que o 33% obtido nas xerais non lle permita entrar na Moncloa

Pola contra, fronte ao ocorrido coa Deputación de Pontevedra nas municipais de maio, simbolizado por Feijóo no castelo de Soutomaior, outro sistema representativo pero de elección máis directa por parte da cidadanía, o que permite conformar o Congreso dos Deputados de acordo co establecido na Constitución, non resulta do agrado de Feijóo. Se en Pontevedra o 36,67% dos votos das municipais deu ao PP 14 dos 27 deputados provinciais, a nivel estatal o 33% dos votos das xerais reportoulle 137 dos 350 escanos do Congreso.

Pero o feito de non ser quen de obter o apoio da maioría dos deputados e deputadas elixidos pola cidadanía o 23X non impediu a Feijóo este domingo asegurar que o PP é "o partido preferido dos españois para gobernar". Tras ser proposto o pasado martes polo rei como candidato á investidura, o líder popular asegurou que, a diferenza do que segundo el fará Sánchez, nas súas conversas co resto de forzas políticas non vai aceptar "chantaxes nin cesións". Pola contra, Feijóo agradeceu a Vox, UPN e Coalición Canaria que apoien a súa investidura.

Cunha escenificación de unidade dentro do PP, Feijóo deu a a entender que aínda que non sexa investido agora augura unha lexislatura curta, e nese horizonte a medio prazo el seguiría sendo a alternativa

O acto deste domingo tamén pretendeu ser unha escenificación de unidade arredor de Feijóo dentro do PP, con varios baróns territoriais presentes, varios deles presidentes de comunidades autónomas grazas a pactos con Vox. Nese contexto, Feijóo avanzou este domingo que pretende reunirse cos presidentes de todas as comunidades para recabar apoios de cara á investidura. 

Igualmente, na súa intervención deixou entrever que a súa decisión de someterse a unha sesión de investidura malia non ter aínda os apoios necesarios para ser elixido permitirá amosar o seu programa de goberno, que asegura que seguirá mantendo nun futuro inmediato. Isto é, aínda que non logre ser investido agora, Feijóo dá a entender que augura unha lexislatura curta, sexa porque haxa unha repetición electoral, sexa porque Sánchez non logre prolongarla se repite como presidente. Nese horizonte a medio prazo, fixo ver Feijóo este domingo, el seguirá sendo a alternativa.

Rueda durante a súa intervención no acto Feijóo no castelo de Soutomaior este domingo © PP

No acto deste domingo, no que estivo presente Mariano Rajoy, tamén interveu o presidente do PPdeG e da Xunta, Alfonso Rueda, quen dixo, sobre as negociacións que agora iniciará Feijóo, que "Galicia non vai tolerar que a nosa costa se merquen gobernos". E dando por suposta unha investidura de Feijóo como presidente, Rueda asegurou que "seremos cordiais sempre que poidamos, e construtivos, pero nin somos nin seremos parvos". "Pedíalo ti cando eras presidente da Xunta e farémolo cando o sexas de España, sentenciou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.