Nas localidades de máis de 30.000 habitantes tomaron posesión este sábado sete alcaldes e alcaldesas do PSdeG, tres do BNG, dous do PP e o resto doutras formacións
O voto maioritario a formacións de esquerdas nas eleccións municipais do 28 de maio viuse reflectido este sábado, na constitución das corporacións municipais, na elección de alcaldes e alcaldesas progresistas nas principais cidades e vilas de Galicia. Así, dos 15 concellos de máis de 30.000 habitantes que hai en Galicia, o PP só logrou a alcaldía en dous, Ferrol e Arteixo. Unha lixeira melloría a respecto da situación vivida polos populares nos anteriores catro anos, cando Arteixo foi o concello máis poboado no que gobernaron.
No resto de municipios de maior tamaño, sete alcaldías son para o PSdeG (Vigo, A Coruña, Lugo, Vilagarcía, Ames, Culleredo e Redondela), tres para o BNG (Santiago, Pontevedra e Carballo) e o resto repártense entre outras formacións como Democracia Ourensana en Ourense, Terra Galega en Narón e Alternativa dos Veciños en Oleiros.
Para atopar o seguinte concello con alcaldía do PP tras os de Ferrol e Arteixo hai que descender ata o número 19 por poboación, o de Marín, con 24.000 habitantes. Eses 19 primeiros concellos por poboación suman por sí sos máis poboación que os restantes 294 concellos galegos.
Polo medio, un concello significativo como Ribeira non puido celebrar este sábado o pleno de constitución da corporación e elección da alcaldía por estar aínda pendente de resolverse recursos contra o reconto de votos, situación que tamén afectou a outros varios concellos de menor poboación repartidos por toda Galicia. Porén, no caso de Ribeira a alcaldía por primeira vez en máis de tres décadas tampouco irá para o PP, tras un acordo do resto de formacións que lla dará ao BNG.
No global de Galicia o 28M o PPdeG logrou menos votos (o 38,45%) que a suma de PSdeG e BNG (29,17% e 17,25%), un dominio da esquerda maior canta máis poboación ten o concello
En xeral, no global de Galicia o 28M o PPdeG logrou menos votos (o 38,45%) que a suma de PSdeG e BNG (29,17% e 17,25%), o que se reflicte no antedito control da esquerda das alcaldías dos concellos máis poboados, unha situación que se fai especialmente visible nas sete grandes cidades.
En Vigo a xornada deste sábado deixou unha nova investidura, a cuarta, de Abel Caballero, novamente con maioría absoluta. "O meu partido e o meu proxecto chámanse Vigo, cando gaña a miña lista, gaña a cidade", dixo o rexedor tras tomar posesión. [Caballero non se fixa límites no mandato que o levará aos 20 anos como alcalde de Vigo].
Na Coruña a tamén socialista Inés Rey continuará na alcaldía en solitario e minoría grazas ao apoio na investidura do BNG. Faino apelando a que a cidade exerza o "liderado como capital económica, social e cultural" de Galicia. [Inés Rey mantense na alcaldía da Coruña cun novo goberno en solitario].
En Ourense seguirá como rexedor Gonzalo Pérez Jácome despois de pactar co PP que a súa formación, Democracia Ourensana, e os populares se apoien novamente no Concello e a Deputación. [Jácome e o PP volven repartirse o Concello e a Deputación de Ourense]
En Santiago a cidade viviu a investidura da primeira alcaldesa da súa historia, a nacionalista Goretti Sanmartín, co apoio de Compostela Aberta, coa que formará goberno, e o PSdeG, que se manterá fóra. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou como "símbolo da Galiza que vén" e do cambio que pretende para todo o país. [Goretti Sanmartín xa é a primeira alcaldesa de Santiago].
A alcaldía de Lugo volveu ser para a socialista Lara Méndez, o que suporá a reedición por sétimo mandato consecutivo dun goberno en coalición co BNG. [Lara Méndez, reelixida alcaldesa socialista de Lugo en coalición co BNG para unha "nova alianza de traballo e afecto"].
En Pontevedra o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores encara o seu sétimo mandato, novamente grazas a un acordo co PSdeG. [Lores encara o sétimo mandato na alcaldía de Pontevedra polo BNG "ilusionado como nunca"].
Por último Ferrol viviu a volta á alcaldía do popular José Manuel Rey Varela, que xa fora rexedor entre 2011 e 2015, igualmente con maioría absoluta como agora. Él será o alcalde do concello máis poboado que gobernará o PP. [Rey Varela volve á alcaldía de Ferrol oito anos despois].
Os recursos pendentes que este sábado impediron elixir alcaldías en varios concellos, entre eles Ribeira, demoran tamén as deputacións, coa incógnita sobre a presidencia da ourensá, que segundo o pactado por Jácome será para o PP pero cun novo líder tras a marcha de Baltar
Tras a constitución das corporacións municipais deste sábado, agora o seguinte paso a nivel local será que as alcaldesas e os alcaldes designen os seus equipos de goberno. E a nivel provincial a constitución das corporacións das catro deputacións, para o que non hai aínda unha data definida xa que a acreditación dos cargos de deputados provinciais está condicionada ás tomas de posesión previas como concelleiros, ocorridas este sábado. Ese proceso pode demorarse pola tramitación aínda pendente en varios partidos xudiciais de varias provincias de diversos recursos ao reconto de votos, recursos que este sábado xa impediron celebrar os plenos de constitución das corporacións municipais en diversos concellos.
O futuro das deputacións da Coruña e Lugo, nas que se reeditarán os acordos de PSdeG e BNG, estaba despexado hai días, e esta semana o PP desvelou que o presidente da de Pontevedra será o ata agora delegado da Xunta, Luis López, tras unha operación que fixo que 16 persoas tivesen que renunciar a ser edís no concello de Rodeiro.
Pero aínda está pendente de despexar a incógnita de quen presidirá a Deputación de Ourense logo de que o popular José Manuel Baltar renunciase esta semana a tentar recuncar no cargo. Se o xa alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantén o pactado co PP, que facilitou a súa investidura, a súa formación, Democracia Ourensana, facilitará tamén a dos populares a nivel provincial. Pero desta volta xa sen un Baltar á súa fronte por primeira vez en máis de tres décadas.