Lores encara o sétimo mandato na alcaldía de Pontevedra polo BNG "ilusionado como nunca"

Miguel Anxo Fernández Lores ergue o bastón de mando tras ser reelixido como alcalde de Pontevedra, este 17 de xuño de 2023 CC-BY-NC-SA

Miguel Anxo Fernández Lores ergueu este sábado o bastón de mando de alcalde de Pontevedra por sétima vez, 24 anos despois de facelo por primeira ocasión en 1999 e no comezo dun mandato que o pode levar aos 28 anos á fronte da alcaldía. "Tan emocionado, tan ilusionado como nunca o estiven antes, mesmo bastante máis que a primeira vez", afirma o rexedor, que sitúa este mandato como o inicio "dunha nova etapa na construción do futuro" da cidade.

Defende Lores que os seus gobernos foron quen de abordar antes que moitos outros retos clave como a adaptación á mudanza climática. Agora, di, é tempo de "ollar cara ao futuro cunha mirada limpa" e volver "observar as tendencias que nos poidan conducir a un futuro mellor". En definitiva, volver "esforzarnos por aproveitar as oportunidades" porque "a primeira e fundamental obriga da política e do goberno consiste en mirar para o futuro".

Como durante o anterior mandato, pero con lixeiras mudanzas no reparto de edís, Lores todo apunta a que seguirá gobernando cun goberno de coalición co PSdeG, agora liderado por Iván Puentes. O acordo, non obstante, aínda está por concretar os vindeiros días. Ata que iso suceda, formalmente o iniciado este 17 de xuño é un goberno do Bloque en minoría.

Todo apunta a que Lores seguirá gobernando en coalición co PSdeG, que xuntou os seus cinco votos cos nove do Bloque. O acordo índa non está pechado e o alcalde sinala que toma o apoio obtido como "unha obriga de facelo mellor, unha asignación de deberes para mellorar as cousas en Pontevedra"

En calquera caso, os nove edís obtidos nas eleccións do pasado 28 de maio polos nacionalistas (dous menos que hai catro anos) e os cinco socialistas (un máis) impuxéronse na votación deste sábado na constitución das corporacións municipais aos once edís do PP, que apoiaron o seu propio candidato, Rafael Domínguez, que antes da votación reclamou ao grupo socialista que lle permitise ser investido.

"Son consciente -advirte o rexedor- de que na gobernación dos asuntos públicos todo apoio é condicional" porque "está supeditado á mellora da acción de goberno". Por esa razón, asegura, toma o apoio obtido outra volta como "unha obriga de facelo mellor, como unha asignación de deberes para mellorar as cousas en Pontevedra". "Podedes estar seguros de que vou facer todo o humanamente posíbel, mesmo o imposíbel, para non defraudar esa confianza", dixo no comezo do que será o inicio do seu décimo mandato como concelleiro, lembrou.

A corporación pontevedresa para o mandato 23-27, tras o pleno de constitución e a nova investidura de Lores, este 17 de xuño no Teatro Principal © Concello de Pontevedra

Con este pano de fondo, Lores dirixiuse no seu primeiro discurso do mandato "a todos os grupos" para convidalos a participar desa "nova etapa" dende "o respecto polas lexítimas diferenzas e discrepancias". El, pola súa banda, continuará exercendo como "namorado ata as trancas de Pontevedra", un amor no que, afirma, volve sentirse "correspondido".

"Seguiremos avanzando, seguiremos facendo de Pontevedra un referente no mundo", culminou Lores. O pleno, celebrado como é habitual no Teatro Principal, principiou coa interpretación da Marcha do Reino de Galicia e finalizou coa do himno galego por parte dun grupo de gaiteiros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.