"O meu partido chámase Vigo", reitera o rexedor tras a súa nova toma de posesión, que conclúe co seu xa habitual "viva Vigo"
Abel Caballero chegou á alcaldía de Vigo en 2007 xa como un político veterano, con 60 anos, tras ser ministro e candidato á Xunta. Este sábado volveu ser investido rexedor da maior cidade de Galicia para un cuarto mandato, ata 2027, cando terá 80 anos. Pero el, que se considera o terceiro mellor alcalde da historia de España, rexeita poñerse límites. E de momento as urnas así llo permiten.
Este sábado o rexedor socialista reiterou no seu primeiro discurso tras a investidura a importancia do apoio electoral recibido. "A cidade camiña unida", dixo. "O meu partido e o meu proxecto chámanse Vigo, cando gaña a miña lista, gaña a cidade", engadiu, para asegurar que no persoal "o máis importante" é a súa muller, Cristina, pero na súa vida política "é Vigo". E rematou co seu xa habitual "viva Vigo".
Tras a toma de posesión da mañá deste sábado, Caballero continuou coa súa axenda como rexedor oficiando varias vodas no Pazo de Castrelos.
Nas eleccións do 28 de maio a candidatura de Caballero mantívose por riba do 60% do total de votos emitidos na cidade, cun dominio esmagador na inmensa maioría do territorio municipal, pero baixou lixeiramente a respecto de hai catro anos e perdeu un concelleiro, pasando de 20 a 21.
A de Caballero foi unha perda menor ante unha oposición que se reconfigurou co aumento dun concelleiro por parte do PP, que pasou de 4 a 5 liderado pola ata agora delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, que pasará a ser vicepresidenta da Deputación de Pontevedra. Pola súa banda, o BNG medrou de un a tres edís ao tempo que Marea de Vigo desapareceu da corporación municipal.
Este sábado tanto Fernández-Tapias como o candidato nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, pediron ao rexedor máis diálogo coa oposición.