Rey Varela volve á alcaldía de Ferrol oito anos despois

Alfonso Rueda felicita a José Manuel Rey Varela, único alcalde do PP nas sete cidades galegas CC-BY-SA PPdeG

O popular asegura que o seu principal obxectivo para este mandato é "garantir un goberno estable" na sétima cidade de Galicia, o concello máis poboado que goberna o PP

O popular José Manuel Rey Varela, que xa foi alcalde de Ferrol entre 2011 e 2015, volveu este sábado á alcaldía da cidade. Quen polo medio foi conselleiro de Política Social entre 2015 e 2018 recuperou o pasado 28M para o PP con maioría absoluta a sétima cidade galega por poboación, o concello de maior tamaño que gobernarán os populares neste novo mandato municipal.

Rey Varela, con 13 edís, substitúe na alcaldía de Ferrol ao socialista Ángel Mato, que o 28M pasou de 8 a 7 concelleiros, mentres o BNG aumentou un (de 2 a 3) e Ferrol en Común, que ostentara a alcaldía entre 2015 e 2018, baixou de 3 a 2 edís.

Na súa toma de posesión, á que asistiu o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, Rey Varela asegurou que o seu principal obxectivo para este mandato, por riba doutras actuacións e consideracións, é "garantir un goberno estable". "Só dependeremos de nós mesmos", incidiu.

Rueda, presidente da Xunta e do PPdeG, presidiu a toma de posesión de Rey Varela en Ferrol CC-BY-SA Xunta de Galicia

Rey Varela quere aprobar rápido uns orzamentos, axilizar a concesión de licenzas e ofrecer "facilidades para aparcar"

Máis alá do eloxio da súa propia maioría absoluta, entre as actuacións concretas que adiantou o popular no seu discurso de investidura están o compromiso de aprobar uns orzamentos municipais nos seus primeiros días de goberno, axilizar a concesión de licenzas e ofrecer máis "facilidades para aparcar".

A volta de Rey Varela á alcaldía supón introducir un matiz á historia recente da cidade que dicía que desde hai tres décadas ningún rexedor aguantara máis dun mandato. Para el agora será o segundo, mais non consecutivo, algo que non sucede desde hai catro décadas.

José Manuel Rey Varela co bastón de mando de alcalde de Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.