No seu primeiro debate de investidura na Xunta o popular prometeu que non chegaba "a restaurar ningún pasado, nin a derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores", mentres agora basea o seu programa na "derrogación do sanchismo"
"Erran os que consideran a lingua propia como algo subalterno ou marxinal". Quen así se refería ao galego o 14 de abril de 2009 era Alberto Núñez Feijóo. Facíao no seu discurso inicial do seu primeiro debate de investidura como presidente da Xunta. Unha intervención na que aseguraba que non quería "derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores" e que pechou citando o lema das revoltas irmandiñas, Deus fratresque Gallaecia.
14 anos e medio despois, logo de 13 anos como presidente da Xunta e tras ameazar agora con levar ao Tribunal Constitucional o uso do galego no Congreso dos Deputados, Feijóo enfróntase ao seu quinto debate de investidura. Porén, tras os catro frutíferos celebrados no Pazo do Hórreo, o que comeza este martes en Madrid semella abocado ao fracaso ao non ter o apoio da maioría da Cámara.
Fronte á "derrogación do sanchismo" arredor da que xira o actual discurso do PP, a intervención coa que Feijóo defendeu en 2009 a súa primeira investidura no Parlamento de Galicia presentaba notables diferenzas cando menos na forma a respecto dos actuais pronunciamentos do líder popular.
O discurso daquel día, 34 páxinas que poden lerse na recompilación de discursos de presidentes da Xunta editada polo Parlamento de Galicia, comezaba co seu protagonista cualificando aquel momento como “o máis importante” da súa vida e asegurando que non chegaría á presidencia da Xunta “a restaurar ningún pasado, nin a derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores”. A continuación Feijóo fixo un diagnóstico da Galicia que se atopaba e achegou despois as súas propostas “estruturadas en tres bloques: a economía, o benestar e o autogoberno”, segundo el mesmo dicía.
A economía foi o foco daquel discurso de investidura de Feijóo, nunha Galicia inmersa de pleno na crise internacional que estourara hai agora 15 anos. No bloque de benestar a sanidade apenas ocupaba media páxina e as medidas en materia social dábanlle pé a reclamar ao Estado máis fondos. E no apartado do autogoberno quen viña de bloquear a reforma do Estatuto de Autonomía durante todo o mandato previo comprometíase desa volta a impulsalo.
"Presentaremos unha completa iniciativa de reforma do Estatuto", prometía en 2009 un Feijóo que depois non só renegou desa prioridade senón que se converteu no primeiro presidente en non lograr nin unha soa nova competencia
“Presentaremos desde o Goberno unha completa iniciativa de reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia”, dicía Feijóo daquela, promesa que despois fixaría para “a primeira metade” daquela primeira lexislatura e máis tarde para “inmediatamente despois” da aprobación dos Orzamentos de 2011. Despois o presidente diría que “en xaneiro de 2011” chamaría aos daquela líderes de PSdeG e BNG para comezar a negociar, pero esa chamada nunca se produciu e o Estatuto, ao igual que a suma de novas competencias -Feijóo foi o primeiro presidente galego en deixar o cargo sen sumar ningunha- foi caendo aos poucos da axenda da Xunta, do PP e da política galega en xeral.
Tanto no apartado do benestar, ao falar da educación, como no do autogoberno, Feijóo referiuse naquel discurso en varias ocasións á lingua. "O noso idioma caracterízanos, enriquécenos e constitúe un dereito de todos os galegos, sen exclusións, independentemente de calquera opción partidista e das estratexias políticas", dicía.
Noutro punto engadía: "Equivócanse os que pretenden facer do galego un instrumento de imposición, e erran tamén os que consideran a lingua propia como algo subalterno ou marxinal". A súa traxectoria posterior na presidencia deixaría en evidencia aquelas verbas, que agora contrastan abertamente coa súa negativa a que o galego acade novos lugares de uso.
“Os galegos queren un Presidente que non lles minta, por moi piadosa que puidese resultar esa mentira”, dicía Feijóo na investidura de 2009
Aquel discurso de Feijóo en 2009 tamén realizaba promesas xerais, como que o seu goberno traballaría “porque a sociedade así nolo esixe, para que termos como 'sectarismo', 'caciquismo', 'enchufismo' ou 'partidismo' só teñan significado entre nós para referirnos ao pasado”. E dicía que aos galegos "non lles gusta un goberno que pelexe sistematicamente con outras administracións, senón que coopere e colabore". Feijóo mesmo dicía daquela que “os galegos queren un Presidente que non lles minta, por moi piadosa que puidese resultar esa mentira”.