Tras rexeitar o uso de todas as linguas oficiais e respaldar a Feijóo, o presidente da Xunta, criticado desde diversos eidos, di agora que "a medida está en vigor, se os galegos deciden utilizala están no seu dereito, tamén os do PP"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu na rolda de prensa posterior á reunión do seu Goberno deste xoves unha decena de preguntas arredor do uso do galego no Congreso dos Deputados e a súa postura contraria similar á de Alberto Núñez Feijóo. Rueda reiterou o argumentario do PP dos últimos días, que pon o foco en que a medida busca agochar outras cesións ao independentismo catalán para facilitar a investidura de Pedro Sánchez.
Pero cando foi preguntado polo que farán agora os deputados galegos do PP, a resposta de Rueda apartouse dese argumentario para salientar que "a medida está en vigor, polo tanto agora mesmo queda a disposición de calquera que queira utilizala". "Se os galegos deciden utilizala están no seu dereito, tamén os do PP, e eu non vería ningunha cuestión niso", sentenciou.
Rueda foi cuestionado sobre o manifesto no que medio cento de persoeiros, entre eles o presidente da Real Academia Galega, criticou a postura do PPdeG e da Xunta contraria ao uso do galego no Congreso malia a obriga legal da segunda de potenciar o seu uso. Tamén se lle preguntou polas declaracións de Feijóo nas que dixo que o agora aprobado é unha "mala noticia" e que recorrerá ao Tribunal Constitucional. E sobre a súa consideración de que "agora non é o momento", quíxose saber cando sería para el o momento de implantar a medida.
Fose cal fose a pregunta, as respostas de Rueda, que se estenderon durante varios minutos, evitaron contestalas e xiraron arredor dos argumentos que vén empregando o PP para opoñerse á medida. Que só pretende tapar outras cuestións, que "cando o tema chega a Europa o que resulta é que xa non son todas as linguas iguais senón a que dá os votos para a investidura", ou que é "unha moi mala noticia que esteamos falando disto e non do prezo da investidura".
"A medida está en vigor, polo tanto agora mesmo queda a disposición de calquera utilizala", di Rueda, para quen "só faltaría que o monopolizase o BNG"
Pero cando se lle preguntou polo que farán agora os deputados galegos do PP, pregunta ligada á petición do manifesto de persoeiros de que os representantes galegos falen galego, Rueda si deu unha resposta directa. "A medida está en vigor, polo tanto agora mesmo queda a disposición de calquera que queira utilizala, se os galegos deciden utilizala están no seu dereito, tamén os do PP, e eu non vería ningunha cuestión niso", dixo. Algo despois mesmo engadiu que "só faltaría que o monopolizase o BNG".
Rueda está convencido de que o único voto a favor do galego do PP, da ex-conselleira Rosa Quintana, "foi un erro"
Rueda tamén foi preguntado polo feito de que na votación deste xoves no Congreso a ex-conselleira do Mar Rosa Quintana, agora deputada do PP, fose a única popular que votou a favor da medida. Segundo presidente da Xunta e do PPdeG, "seguro que foi absolutamente involuntario e foi un erro".