De "erro histórico" a "deshonra": PPdeG e Xunta apañan críticas por votar contra o galego no Congreso

Auriculares para a interpretación, ciscados por Vox no escano de Pedro Sánchez no Congreso Dominio Público

"Erro histórico", "deshonra", "lamentable", "indigno"... Son algunhas das respostas que desde institucións e partidos políticos se ergueron tras o voto en contra do PP —tamén dos seus deputados galegos— á reforma que permitirá o uso da lingua galega no Congreso, así como á falta de apoio da Xunta a unha medida que permitirá que o idioma propio se poida utilizar plenamente na Cámara Baixa 46 anos despois da constitución das primeiras Cortes elixidas en eleccións libres tras a ditadura. 

Votaron en contra os trece deputados e deputadas populares electas por circunscricións galegas, ademais de Alberto Núñez Feijóo, ex-presidente da Xunta. Fixérono como antes o fixera ao completo o grupo do PPdeG no Parlamento de Galicia a unha proposta do BNG apoiada polo PSdeG que solicitaba que o Goberno autonómico pulase polo uso de todas as linguas oficiais do Estado no Congreso. 

Víctor Freixanes, presidente da RAG, recibindo o alumnado do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo © RAG

"Foi un erro, falta de cintura política", di Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG), que cre que "o PP non pode poñerse á marxe desta cuestión". En declaracións a Praza.gal, o xornalista e escritor non entende tampouco a postura da Xunta de non apoiar e defender o uso do galego na Cámara Baixa. "E así llelo dixen", recoñece quen considera que "fala moi mal" da Administración pero tamén do partido que a goberna, do que, lembra, "a maioría os seus votantes son galegofalantes". 

"Foi un erro, falta de cintura política; o PP non pode poñerse á marxe da cuestión da lingua galega", critica Víctor Freixanes, presidente da RAG

No mesmo sentido se expresa Iria Taibo, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), que considera "un erro histórico", tanto que a Xunta non amosase o seu apoio ao uso do galego no Congreso como que o PP, ademais, votase non. "Non ten sentido ir en contra dun dereito lingüístico, máis cando o Estatuto de Autonomía deixa claro que a defensa e a potenciación da lingua propia son unha das obrigas do Goberno galego", engade. 

Desde o PPdeG, e logo de atacar o uso de pinganillos ou mesmo da lingua propia no Congreso, a súa secretaria xeral, Paula Prado, aclarou este mércores que no seu partido "aman, respectan e comparten o uso cordial do galego", pero insistiu en que usar sistemas de tradución "para entenderse entre persoas que falan o mesmo idioma é unha medida de distracción para que non se fale doutras cousas"

"É un erro histórico; non ten sentido que a Xunta vaia en contra dun dereito lingüístico", di Iria Taibo, da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación

Ademais, reiterou a idea de que a posibilidade de usar máis linguas na Cámara Baixa é só "unha cesión" ao independentismo dentro das negociacións para a investidura de Pedro Sánchez. "Se seguen apoiando a Catalunya e a Sánchez, non deberían repartir carnés de galegos, senón de cataláns", dixo Prado respecto da postura de BNG e PSdeG. 

Ademais, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu que "non" lle gustou a reacción de Vox ao discurso do socialista Gómez Besteiro en galego no Congreso e garantiu o compromiso do PP e do Goberno galego coa defensa do idioma. Con todo, apelou a ser "lóxico" e asegurou que "o que se está ventilando agora" é a resposta a unha petición dos independentistas cataláns. "O galego sempre estará presente nas intencións do Partido Popular", insistiu o xefe do Executivo autonómico, que cargou tamén contra os socialistas. "Moitos dos deputados galegos que están a defender esta medida como se lles fose a vida, votaron en contra exactamente da mesma proposta; faise para intentar contentar o señor Puigdemont", insistiu. 

Gómez Besteiro, durante a súa intervención en galego no Congreso CC-BY-SA PSdeG

Sexa como for, as críticas non só amainaron senón que se fixeron máis crúas. Precisamente, Gómez Besteiro, deputado socialista que defendeu a proposta de reforma do regulamento e inaugurou o plurilingüismo no Congreso en galego, cualificou este mércores de "lamentable" a actitude de Rueda por rexeitar o uso do idioma propio, acusouno de "sucursalismo" e estendeu as súas críticas a Núñez Feijóo. 

Besteiro (PSdeG) cualifica de "lamentable" a actitude de Rueda e acúsao de "sucursalismo"

Foi nunha entrevista en Radio Coruña na que desvinculou a súa designación para estrear o uso plenamente legal do galego no Congreso coa súa promoción como posible candidato do PSdeG ás vindeiras eleccións autonómicas. "Non lle ten nada que ver", respondeu á cuestión. Antes, nas súas redes sociais, non dubidou en criticar a Rueda por ser "un presidente que rexeita a riqueza lingüística da súa terra" e lembrou a participación do agora presidente na Xunta nunha manifestación de Galicia Bilingüe en 2009. 

Pola súa banda, desde o BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, acusou a Feijóo e a Rueda de estar "no lado equivocado da historia" co galego e de ir "en contra do sentir maioritario da cidadanía votando en contra do galego". 

"Ver a Rueda e a Feijóo votar contra o galego é unha deshonra que os perseguirá sempre", asegura Ana Pontón (BNG)

Así, a líder nacionalista destacou o “momento histórico” que se viviu no Congreso ao usarse con plena oficialidade o galego, “un feito que encheu de orgullo a inmensa maioría dos galegos e galegas, falen a lingua que falen no seu cada día”. 

“Ver o señor Feijóo, durante 13 anos presidente da Xunta, e ver o señor Rueda, actual presidente deste país, votar en contra do noso idioma, —primeiro no Parlamento galego e despois do Parlamento do Estado—, é unha deshonra que os perseguirá sempre. Unha vez máis o PP con Feijóo e Rueda á cabeza, no lado equivocado da historia, unha vez máis demostrando que non están á altura nin deste país nin da súa xente”, insistiu a portavoz nacionalista, que destacou que ambos “optaron por renegar da lingua que nos une a todos e a todas, a lingua das nosas avoas, das nosas nais e a queremos deixar para os nosos fillos e fillas”. 

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

“Fixeron o de sempre: traballar en contra do galego”, insistiu lembrando tamén que Rueda "encabezou unha manifestación en contra da lingua" en 2009 e citando tamén o decreto do plurilingüismo, aprobado por Feijóo, "que prohibe ensinar matemáticas, física ou tecnoloxía en galego e relega o propio idioma no ensino". "

“Por que lle molesta tanto ao PP que se poida falar galego? Por que sempre está en contra de todos os avances para  a nosa lingua?”, interpelaba Pontón, cunha mensaxe para o presidente da Xunta.  “Quero dicirlle que nin todas as súas mentiras, nin as súas críticas ao BNG van tapar a vergoña de ver a un presidente da Xunta  votando no Parlamento en contra do noso idioma, non hai mentiras nin críticas ao BNG detrás das que poder agochar semellante desprezo e traizón ao noso idioma”, dixo.

Desde Sumar, a súa líder, a galega e vicepresidenta do Goberno de España en funcións, Yolanda Díaz, asegurou que a xornada do martes, logo do uso do galego, o éuscaro e o catalán no Congreso, foi "emocionante". "Desde onte [por ese martes] o noso país é mellor, parécese máis á súa xente. É un país que crece coa riqueza non só lingüística, tamén coa diversidade do noso país. Vimos a España real", dixo nunha entrevista en Catalunya Ràdio, na que asegurou que utilizará o castelán nas súas intervencións "en base ao cargo" que ostenta como vicepresidenta, pero que responderá en galego se a interpelan nesa lingua. "Como creo que teño que facer", aclarou. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.