Galicia, xullo de 2008. A vida política está marcada en boa medida polos ecos de adianto electoral. Dende a dirección federal do PSOE recomendan ao presidente Emilio Pérez Touriño anticipar os comicios que tocarían na primavera de 2009 e así tentar esquivar as consecuencias dunha crise económica internacional que xa se dá por case segura.
No verán previo ao inicio da gran recesión Galicia tocara teito con 1,09 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social. Agora, década e media despois, achégase aos 1,08 millóns
A finais de agosto, Touriño confirmaría que renunciaba ao adianto. Unhas semanas antes chegaran os datos do paro rexistrado e da afiliación á Seguridade Social do mes de xullo e indicaban que, por segundo verán consecutivo, o emprego tocara teito no noso país. Había 1,095 millóns de persoas de persoas afiliadas, catro mil máis que un ano antes.
O 15 de setembro daquel mesmo 2008, o xigante bancario estadounidense Lehman Brothers declarábase en quebra. Afogado entre as hipotecas lixo, a súa caída considérase o estoupido definitivo da crise. Comezaba a gran recesión e a afiliación á Seguridade Social en Galicia quedaba en 1,082 millóns de persoas, unha caída interanual de case 4.500 e apenas o comezo dun devalo de inusitadas rapidez e profundidade.
Este 2 de agosto de 2023 a Seguridade Social e o Servizo Público de Emprego Estatal divulgaron os seus datos correspondentes ao pasado xullo. A afiliación media ascendeu en Galicia un 1,02% mensual e un 1,88% interanual, mentres os datos estatais son dun 0,11% de avance a respecto de xuño e dun 2,71% con relación a doce meses antes. Isto supuxo un incremento da afiliación media en territorio galego de 10.898 persoas ata chegar a 1,08 millóns, o que supón que Galicia precisou quince anos para chegar a rozar o nivel de emprego previo á caída de Lehman Brothers.
O mercado laboral galego chegou a quedar ao bordo de caer por baixo das 900.000 persoas afiliadas á Seguridade Social a principios de 2014
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a caída da afiliación á Seguridade Social e, polo tanto, do emprego foi constante -alén das habituais oscilacións dentro de cada ano- ata principios de 2014, cando Galicia ficou na contorna das 900.000 persoas afiliadas, un mínimo histórico. Dende aquela principiou unha remonta que gañou vigor dende 2015, cando o Banco Central Europeo deu en intervir para comezar a paliar a crise de débeda soberana dos Estados membros da UE. No verán de 2019, o previo á COVID, o mercado laboral galego achegárase aos 1,04 millóns de persoas afiliadas, pero o primeiro golpe da pandemia devolveuno aos niveis inferiores ao millón.
Nese punto principiou outra remonta, pero máis intensa que a anterior. Entre mudanzas económicas xerais -da reactivación tras a COVID ás consecuencias da guerra en Ucraína-, pero tamén políticas e regulamentarias a través da reforma laboral, ese incremento chegou neste verán aos devanditos 1,08 millóns de persoas afiliadas, a maior cifra en Galicia dende o crack de Lehman Brothers que é acadada malia ao devalo. Sucede máis dun ano despois de que o total estatal batese o seu propio récord de afiliación e superase as cifras de 2008 nun contexto no que a crise demográfica lastra os números de Galicia.
Case tres veces máis contratos indefinidos
O total de poboación a traballar achégase ao rexistrado naquel verán de hai década e media, pero outros aspectos do mercado laboral son diferentes. Así o amosan, por exemplo, os datos de contratación. Se retrocedemos a xullo de 2008 atopamos que en Galicia foran asinados case 86.000 contratos laborais dos que nove de cada dez eran temporais. Neste pasado xullo de 2023 rexistráronse case 76.000 e tres de cada dez foron indefinidos.
No verán de 2008 os contratos indefinidos eran un de cada dez asinados e agora, tres de cada dez
Como é posible observar no gráfico sobre estas liñas, o impacto da reforma laboral provocou unha explosión da contratación indefinida dende finais de 2021, chegando a aumentar en máis dun 300% interanual. Pasados eses primeiros meses de aplicación da nova norma, as cifras foron tendendo a normalizarse nun contexto xeral de contratación máis estable e, polo tanto, da sinatura dun menor número de contratos. O pasado xullo, por exemplo, rubricáronse en Galicia un 25% menos de contratos indefinidos que doce meses antes e un 5,8% interanual menos de contratos temporais unha época do ano moi atinxida polas contratacións estivais.
Estes datos son, en boa medida, coherentes cos da recente Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondente ao segundo trimestre do ano, segundo os cales a taxa de temporalidade caeu sete puntos en Galicia dende a entrada en vigor da reforma laboral. No que atinxe á parcialidade -porcentaxe da poboación asalariada que non traballa a xornada completa-, a propia EPA reflectía que atinxe a arredor do 13% do persoal con contrato indefinido en Galicia, en torno a un punto máis que doce meses antes.
O menor paro rexistrado da serie
A evolución positiva da afiliación á Seguridade Social ten a súa contrapartida en baixas cifras do paro rexistrado, isto é, da poboación rexistrada nas oficinas de emprego como demandante dun posto de traballo. En xullo esa cifra quedou en Galicia en 127.445, o que supón 12.405 menos que un ano antes e, en total, a cifra máis baixa da serie histórica. Así o destacou tamén a Consellería de Fomento de Emprego da Xunta este mércores mentres, como vén sendo habitual, a dirección estatal do PP puxa en cuestión que os propios datos reflictan con precisión a realidade do mercado laboral.