Hai pouco máis dun ano, Alberto Núñez Feijóo aterraba por primeira vez como presidente do PP no Congreso dos Deputados. Xa como senador por Galicia e na súa condición de líder da oposición, presidía unha reunión cos grupos do Congreso e da Cámara Alta para preparar o debate de estado da nación. Alí advertía que España se dirixía "a unha profunda crise económica" e pedía ao Goberno un "cambio de rumbo" para evitar males maiores. Doce meses despois, en campaña electoral, aludiu aos "datos maquillados" do paro e desconfiou varias veces das cifras. Na precampaña, o PP simulara que existen datos ocultos do desemprego, como xa fixera en Galicia contra o goberno de PSdeG e BNG.
Nos primeiros datos sobre o mercado laboral tras as eleccións xerais do pasado domingo, a Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada polo INE sinala un novo récord de creación de emprego en España, que alcanzou por primeira vez os 21 millóns de persoas traballando no segundo trimestre do ano logo de sumar case 604.000 ocupados entre abril e xuño. Ademais, bateuse tamén a marca na caída do paro, cunha taxa que se reduciu ao 11,6%, o dato máis baixo desde 2008.
A situación en Galicia é semellante. A poboación ocupada no país ascende ata os 1,13 millóns de persoas, 26.500 máis que no primeiro trimestre deste ano e 25.000 máis que un ano antes, o que supón a cifra máis elevada dende finais de 2009. No mesmo trimestre, a poboación en situación de desemprego caeu en Galicia ata as 119.700 persoas, isto é, 15.400 menos que no trimestre previo e 19.700 menos que un ano antes.
A cifra de persoas ocupadas é a máis alta en Galicia desde 2009; a taxa de paro baixa do 10% e é a máis baixa nos últimos quince anos
Así, a taxa de paro sitúase no 9,58%, baixando do 10% por primeira vez desde 2008. É a taxa de desemprego máis baixa en Galicia nos últimos quince anos, desde que no terceiro trimestre daquel 2008 se chegara ao 8,31%, pouco antes da caída de Lehman Brothers e do inicio dunha importante crise económica.
O descenso nesta taxa está influenciada tanto pola caída do número de persoas en desemprego como polo aumento de persoas activas no mercado de traballo, unha cifra que se sitúa en Galicia en ase 1,25 millóns, a máis alta desde o segundo trimestre de 2018 e en niveis semellantes á última primavera anterior á pandemia de coronavirus.
Ademais, aumentou a ocupación masculina e a feminina: o número de ocupados varóns medrou en 12.800 persoas respecto ao primeiro trimestre do ano 2023, mentres que a das mulleres fíxoo en 13.800 persoas.
Con respecto ao segundo trimestre do ano 2022, o número de homes ocupados aumenta en 9.900 persoas (un 1,7%), mentres que o de mulleres ocupadas aumentou nun 2,8%.
A ocupación aumentou en todos os sectores agás na construción; con respecto a hai un ano, descendeu un chisco na industria
Por outra banda, o número de persoas ocupadas aumentou en todos os sectores, agás na construción, onde diminuíu. Na agricultura e pesca, o incremento foi de 6.100 traballadores e traballadoras máis que hai 3 meses. Na industria, aumentou en 5.500 persoas, mentres que no sector servizos o incremento situouse en 16.200 persoas máis. Pola contra, na construción a ocupación diminuíu en 1.100 persoas respecto ao trimestre anterior.
Con respecto ao mesmo trimestre de 2022, a ocupación diminúe na industria (-0,6%) e aumenta na construción (0,7%), no sector primario (11,6%) e nos servizos (2,3%).
A temporalidade cae sete puntos coa reforma laboral
Os efectos da reforma laboral: a taxa de temporalidade sitúase no 15,7%, a máis baixa da serie histórica e cinco puntos menor á de hai un ano
Alén disto, e respecto do tipo de contratación, en Galicia había no segundo trimestre 925.700 persoas asalariadas, 780.200 con contrato indefinido e 145.500 con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 30.500 asalariados indefinidos máis, o que supón un incremento de 4,1 puntos en termos relativos.
O número de persoas suxeitas a un contrato temporal diminúe, pola contra, en 2.000 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha baixada do 1,4% con respecto ao primeiro trimestre de 2023). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumentou un 8,6%, e as persoas con contrato temporal diminuíron un 19,6%.
A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 15,7%. É outra cifra récord nunca alcanzada antes segundo a serie histórica e case cinco puntos menor á de hai un ano e de sete desde que se aprobou a reforma laboral.
Ademais, de analizarmos o tipo de xornada da poboación asalariada con contrato indefinido en Galicia, o peso da xornada parcial aumenta tan só un chisco desde a aprobación da reforma laboral e o evidente impacto positivo na contratación.
O 13% das persoas asalariadas con contrato indefinido traballan a xornada parcial, un punto máis que doce meses antes e dous máis que hai dous anos
No segundo trimestre deste ano, o 13% das persoas asalariadas con contrato indefinido teñen xornada parcial. Supón un punto máis que hai un ano, cando se confirmara a aplicación completa da nova lexislación laboral, e dous puntos por riba das cifras de hai dous anos, coa reforma laboral do goberno de Mariano Rajoy aínda en vigor.
Alén disto, e segundo os datos da EPA, no segundo trimestre de 2023, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 9.500 unidades e sitúase en 47.700 fogares. Respecto ao segundo trimestre de 2022, esta tipoloxía de fogares diminúe un 9,1%. É, ademais, a cifra máis baixa nos dous últimos anos.
Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 12.400 unidades. O número de fogares nesta situación é de 652.900, o que supón a cifra máis alta en, polo menos, os últimos catorce anos. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 16.300 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 2,6% en termos relativos.
Desde a Xunta, a Consellería de Promoción do Emprego destaca que a cifra de parados é a máis baixa nun segundo trimestre desde 2008 ou que, na evolución anual, Galicia é a terceira comunidade co maior baixada en termos absolutos.