As inscricións nas oficinas de emprego en Galicia diminuíron en 4.909 durante o pasado mes de maio, un descenso do 3,52% -fronte ao -1,77% na media estatal- e quedan en 134.434, o que supoñen 11.686 menos que un ano antes (-8% en Galicia, -6,29% no Estado). A cifra supón para o país o mellor dato da serie histórica (desde 1996), xa que nunca antes o número de persoas paradas rexistradas baixara das 139.000.
Ao tempo, no mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 8.770 persoas, chegando así aos 1,06 millóns, o que supón a cifra máis alta de emprego desde novembro de 2008, poucos meses despois da quebra de Lehman Brothers que deu inicio á grave crise económica que levou o número de cotizantes no país aos 900.000 a principios de 2014.
A cifra media de afiliación supón 18.337 persoas máis que no mesmo mes do ano anterior, é o mellor dato nun mes de maio dos últimos 14 anos e supón un avance interanual en Galicia do 1,76%, por baixo da media estatal do 2,88% no Estado, onde o emprego bateu un novo récord con 20,8 millóns de traballadores en maio e un descenso do paro en 50.000 persoas.
"Dirixímonos a unha profunda crise económica", dixo Alberto Núñez Feijóo, líder do PP estatal, hai agora case un ano. Os agoiros dunha primavera e un verán catastrófico para a economía e o emprego quedaron en malos e trabucados presaxios, polo que indican os datos dun mercado laboral con eivas pero onde o paro baixa de maneira xeneralizada en todos os sectores, territorios e idades e tanto en homes como mulleres. "Esta evolución tan positiva mostra que o crecemento do emprego é compatible co traballo digno", destacou a ministra de Traballo, Yolanda Díaz.
A baixada do paro en Galicia vén impulsada sobre todo polo sector servizos, pero o descenso foi en todas as provincias, todas as cidades e todos os sectores
En Galicia, a baixada no paro vén impulsada sobre todo polo sector servizos, que acumula un descenso en máis de 3.700 persoas, fronte ás 110 menos apuntadas nas oficinas de emprego do sector agrícola, as 506 da industria e as 382 da construción.
O paro caeu nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos sectores, tanto con respecto ao mesmo anterior como a hai un ano, e é case un 13% menor entre os menroes de 30 anos e un 7% entre as mulleres. "O desemprego xuvenil e feminino é o máis baixo da serie histórica", destaca a Xunta.
Ademais, en Galicia asináronse no pasado mes de maio algo máis de 63.000 contratos, que son 11.758 máis que en abril e 6.142 menos que no mesmo período de hai un ano. Axudada pola reforma laboral de hai algo máis dun ano, un terzo das contratacións realizadas no país foron indefinidas (20.979), unha porcentaxe importante que, no entanto, é máis de dez puntos inferior á do conxunto do Estado, onde alcanza o 44,25%.
Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 72,71%, e do 57,50% no primario. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 32,03%, e na industria, do 23,48%.