Xuño foi un excelente mes para o emprego en Galicia. As inscricións nas oficinas de emprego diminuíron en 5.410 persoas e quedan en 129.024, o que supón a cifra máis baixa nas últimas dúas décadas. O descenso no mes pasado, do 4,02%, foi maior que na media estatal (-1,84%). Nos últimos doce meses o número de desempregados e desempregas caeu en 11.908 persoas, o que supón un descenso do 8,45% en Galicia, tamén mellorando a media do conxunto do Estado (-6,66%).
Galicia suma 1,067 millóns de traballadores e traballadoras, a cifra máis alta dende novembro de 2008
Tamén foron moi positivas as cifras de afiliación media á Seguridade Social, que en xuño aumentaron en 8.145 persoas en Galicia (unha suba do 0,77%, por riba da media: +0,26%). En total, Galicia suma 1,067 millóns de traballadores e traballadoras, a cifra máis alta dende novembro de 2008. Neste momento teñen traballo en Galicia 18.707 persoas máis que no mesmo mes do ano anterior, un avance interanual do 1,78%, que neste caso se sitúa por baixo da media estatal do 2,56%.
As inscricións nas oficinas de emprego diminuíron en 5.410 persoas e quedan en 129.024, o que supón a cifra máis baixa nas últimas dúas décadas. O descenso no mes pasado, do 4,02%, foi maior que na media estatal (-1,84%)
No conxunto do Estado, aínda que en xuño se acadou un novo récord de afiliacións á Seguridade Social, con 20,86 millóns, unha cifra nunha antes acadada, o ritmo de creación de emprego foi lixeramente inferior ao de meses precendentes e en xuño creáronse 54.000 novos empregos, lonxe da media dos novos postos de traballo xerados neste mes nos 10 anos anteriores, uns 88.770.
En calquera caso, as porcentaxes de poboación desempregada seguen a descender con forza e o número de parados e paradas no conxunto de España, 2,688, é o máis reducido dende setembro do ano 2008.
Mantense unha importante fenda de xénero, pois seis de cada dez persoas desempregadas en Galicia son mulleres
O descenso do número de persoas inscritas nas oficinas de emprego foi maior nas provincias da Coruña (-4,22%) e Pontevedra (-4,52%) e algo menor en Lugo (-3,09%) e Ourense (-2,42%).
Mantense, ademais, unha importante fenda de xénero, pois seis de cada dez persoas desempregadas en Galicia son mulleres, que suman un total de 76.035 paradas do total de 129.024 persoas que buscan emprego no país, cunha maior redución do desemprego masculino (-4,04 %) que do feminino (-3,89 %).
Os servizos son os responsables principais da caída do desemprego pero os restantes sectores tamén presentaron o mes pasado unha evolución favorable
Por sectores, os servizos son os responsables principais da caída do desemprego, cun descenso de 4.203 parados e paradas. Con todo, os restantes sectores tamén presentaron o mes pasado unha evolución favorable nas súas cifras de desempregados e desempregas, tanto a industria (-429) coma a construción (-304) ou o sector primario (-176). Tamén descendeu o número de parados e paradas no colectivo de persoas sen emprego anterior (-298).
A Consellería de Promoción de Emprego da Xunta de Galicia saudou o bo comportamento do mercado de traballo en xuño, sinalando que "nunca antes o paro se situara en Galicia por debaixo das 130.000 persoas".
En xuño asináronse 73.138 contratos en Galicia e, deles, 22.923 foron indefinidos
En xuño asináronse 73.138 contratos en Galicia e, deles, 22.923 foron indefinidos, unha porcentaxe moi superior á que se viña rexistrando antes da última reforma laboral. Con todo, a tendencia á redución da porcentaxe de contratacións temporais semella estar a frearse. Neste senso, CC.OO. denunciou este martes o "uso e abuso" da contratación temporal en Galicia, que ten como consecuencia que a contratación indefinida sexa once puntos inferior ao promedio estatal, sinala o sindicato.
De igual xeito, a CIG denuncia que "a temporalidade na nova contratación é a principal característica do mercado de traballo galego", alertando de que o 84,3% das novas afiliacións á Seguridade Social rexistradas durante o pasado mes de xuño foron de duración determinada. O sindicato nacionalista advirte de que "o acontecido o mes pasado demostra que o peso do sector servizos é cada vez maior, o que está a provocar un aumento da estacionalidade e do precariedade no emprego". Ademais, engade que "a cota de contratos indefinidos chegou ao seu tope, pasando a dispararse a contratación temporal, sexa a tempo completo ou indefinida, xa que as dúas modalidades rexistraron un aumento”.