O Consello da Xunta desta semana aprobou o denominado Programa de seguimento intensivo da demanda de emprego. Trátase dun plan que, en verbas do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, pretende "facer un seguimento mías personalizado a persoas con dificultades para atopar un traballo e integralas no mercado laboral".
"Tras a realización do seguimento personalizado será posible iniciar expedientes que poderían poñer en risco as prestacións vencelladas ao emprego que reciba esa persoa", advertiu a Xunta ao presentar o 'Programa de seguimento intensivo da demanda de emprego'
Para facelo, abondou a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, a Xunta apoiarase en 136 profesionais da orientación laboral incorporados o pasado ano ao Servizo Público de Emprego. Tamén nunha aplicación informática cuxo deseño foi adxudicado o pasado 2022 a Telefónica por case 4 millóns de euros e que incorpora intelixencia artificial para, por exemplo, trazar perfís das persoas demandantes, a súa formación ou ofertas dispoñibles. Na presentación da iniciativa a propia conselleira sinalou un colectivo concreto dentro da poboación en situación de desemprego: as persoas que rexeitaron algunha oferta laboral.
Concretamente, detalla a Xunta, "este programa personalizado" está dirixido a persoas que "se atopen nalgunha destas casuísticas co obxectivo de achegalas a "15.000 postos de traballo sen cubrir". A saber:
- "Que rexeitasen unha oferta de emprego ou abandonasen sen xustificación ou servizo de orientación e/ou formación".
- "Que leven máis de cinco anos inscritas de xeito ininiterrompido no Servizo Público de Emprego sen acceder a un emprego" e "non teñan un itinerario ou plan personalizado de emprego activo" no último ano.
- "Que non confirmasen a súa dispoñibilidade para tres ofertas nun período de 12 meses" e "non se presenten a citas de orientación laboral" nos "centros colaboradores do Servizo Público de Emprego" e "non sexa posible o seu contacto telefónico e, ademais, non teñan un itinerario ou plan personalizado de emprego activo".
Rueda cita entre os obxectivos do plan "perseguir disfuncións ou intentos de fraude"
"A idea -expón a titular de Emprego e Igualdade é levar a cabo un seguimento durante un mínimo de 6 meses" para tentar" que as persoas nesta situación "logren integrarse no mercado laboral". "Pero ademais", resaltou Rueda, o programa pretende perseguir "disfuncións ou intentos de fraude" no caso "de detectar persoas inscritas como demandantes de emprego, pero que non cobren ofertas de traballo de forma voluntaria". Así, concluíu Lorenzana, "tras a realización do seguimento personalizado será posible iniciar expedientes que poderían poñer en risco as prestacións vencelladas ao emprego que reciba esa persoa".
Atopar traballo a través da oficina de emprego, unha excepción
A Xunta lanza esta acción nun contexto no que, tal e como amosan os gráficos sobre estas liñas, as baixas de demandantes de emprego por colocación -isto é, por atopar traballo- son maioría. Pero, dentro delas, as colocacións logradas tras unha oferta chegada dende o Servizo Público de Emprego son cada vez máis minoritarias, de apenas o 1%. Así o acreditan os datos das oficinas de emprego recompilados polo Instituto Galego de Estatística.
As baixas de demandantes por atopar traballo son maioría, pero o 99% desas colocacións son ofertas que non chegaron dende o Servizo Público de Emprego
Na última década e media as oficinas de emprego de Galicia veñen rexistrando, en cifras redondas, unhas 450.000 baixas anuais de demandantes de emprego. Dende mediados da pasada década -e exceptuando o ano 2020, cos datos moi distorsionados por mor da COVID, tanto polo confinamento como polas suspensións de diversos prazos-, arredor do 60% desas baixas son por colocación, proporción que o pasado 2022 superou o 70%.
Pero unha parte moi escasa das colocacións chegan tras unha oferta previa da oficina de emprego. A proporción xa era moi baixa antes da pandemia e aínda o é máis na actualidade. Así, por exemplo, no último ano previo á COVID, o 2019, nas oficinas de emprego de Galicia déronse de baixa algo máis de 438.000 demandas de emprego e 10.528 delas foran por mor dunha colocación que chegou tras unha oferta xestionada por esta vía. En 2022 as baixas foron unhas 422.000 e as colocacións previa oferta da oficina de emprego, menos de 3.000. Componse así un cadro xeral, polo tanto, no que o 99% das baixas por colocación non chegan por unha oferta da oficina de emprego.
A maioría das demandas de máis duración, de maiores de 50 anos
Todo isto sucede nun contexto no que, malia aos datos de paro rexistrados historicamente baixos coñecidos est semana, unha parte moi relevante das demandas de emprego pendentes nas oficinas de emprego galegas levan vixentes máis dun ano. En 2021, aínda entre ecos da pandemia, eran máis da metade e o pasado 2022, sempre segundo os datos recompilados no IGE, eran arredor do 47%.
Seis de cada dez demandas de emprego que levan máis dun ano activas son de maiores de 50 anos e a cuarta parte, de maiores de 60
Pero, se ollamos máis no detalle dos datos máis recentes, os do pasado abril, é posible comprobar tamén como dentro das demandas de emprego activas dende hai máis dun ano, seis de cada dez se corresponden con persoas maiores de 50 anos e case a metade son de poboación que xa fixo os 55 e unha cuarta parte, de maiores de 60 anos. Existe, polo tanto, un claro nesgo xeracional no que o paro de longa duración afecta, sobre todo, á poboación máis próxima á idade de xubilación.
O programa informático contratado pola Xunta para o devandito plan e "dar saída ás vacantes de traballo que existen na actualidade en diversos sectores económicos" si ten en conta a idade das persoas demandantes de emprego entre as diversas variables que vai analizar. No entanto, na presentación das liñas políticas do proxecto realizada por Rueda e Lorenzana non houbo mención específica a esta variable.