Un letrado e un interventor rexeitaron a decisión da mesa de contratación de eliminar á empresa e adxudicar o contrato a outra máis cara e o Tribunal de Contratación deulles a razón
Hai dous meses un letrado e un interventor da Xunta deron un paso que raras veces se pode ver nos concursos públicos de calquera administración. Emitiron senllos votos particulares contra a decisión do resto da mesa de contratación de eliminar a Telefónica dun concurso para deseñar unha intelixencia artificial para a Consellería de Promoción do Emprego que axude a poñer en contacto a persoas desempregadas con empresas que busquen os seus perfís.
O resto de cargos e empregados públicos da mesa de contratación consideraron que a oferta de Telefónica era anormalmente barata, xa que se a Xunta propuña un máximo de 5,7 millóns de euros, a empresa ofrecía rebaixalo ata os 3 millóns de euros. Eliminada Telefónica, a oferta que ía resultar gañadora das cinco que se presentaran sería a da consultora Altia, empresa do ex-presidente do Deportivo Tino Fernández, que ofertaba 4,2 millóns.
Telefónica recorreu a súa eliminación ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal), que lle deu a razón e indirectamente tamén ao letrado e o interventor discrepantes. O tribunal obrigou á Xunta a que volvese incluír a oferta de Telefónica no concurso e a valorase xunto coas demais, e tras facelo a mesa de contratación concluíu que é a mellor das presentadas, polo que propón que sexa ela quen deseñe a intelixencia artificial. A marcha atrás obrigada polo Tacgal suporá así un aforro de 2,7 millóns de euros a respecto do que prevía a Xunta inicialmente e de 1,2 millóns a respecto da oferta que ía resultar inicialmente gañadora.
Cando a empresa elixida ía ser outra Rueda asegurou que o contrato estaba "a piques" de ser adxudicado malia que realmente non podía sabelo porque estaba pendente de resolverse o recurso de Telefónica
Os reparos do letrado e do interventor da Xunta, que consideraban que Telefónica xustificara adecuadamente o barato da súa oferta e non podía ser eliminada, foron desvelados por Praza.gal a mediados de xullo, despois de que o presidente do Goberno galego asinase un acordo coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) para que participe dun xeito aínda non desvelado na nova intelixencia artificial. Naquel acto, o 12 de xullo, Rueda asegurou que o contrato para deseñar ese sistema informático que facilite o contacto entre ofertas e demandas laborais estaba "a piques" de ser adxudicado, pero realmente non podía sabelo.
Os reparos do interventor e o letrado formuláranse case un mes antes, e Telefónica presentara o seu recurso ante o tribunal de contratación unha semana antes, o 5 de xullo. A primeira hora do 13 de xullo, un día despois do anuncio de Rueda e poucas horas despois de que este diario desvelase a irregularidade denunciada polos dous altos funcionarios da Xunta, a Consellería de Promoción do Emprego mudaba oficialmente na plataforma de contratos públicos a situación do proceso ao estado de “suspendido por recurso”.
Tras valorar novamente as candidaturas, incluída a Telefónica, por obriga do tribunal de contratación, a mesa do concurso resolveu en só 10 minutos que esa era a "mellor oferta"
Ese recurso de Telefónica foi resolto finalmente polo tribunal de contratos o 22 de xullo, nunha resolución que estableceu “a estimación do recurso presentado, coa anulación do acordo impugnado e o reintegro da empresa recorrente ao procedemento de licitación, que deberá continuar ata a súa finalización como proceda en dereito”. Ante esa resolución a mesa de contratación volveu reunirse o 29 de xullo e validou unha nova valoración das cinco ofertas presentadas.
Desta volta, con Telefónica presente no proceso, a súa foi a oferta mellor valorada, fundamentalmente pola súa rebaixa económica. Así que finalmente, e tras só 10 minutos de reunión, a mesa de contratación, acordou propoñerlle á Consellería de Promoción do Emprego que Telefónica é a “mellor oferta” que contratar. Fíxoo co mesmo letrado discrepante presente na mesa pero con outra xefa do servizo de fiscalización en lugar do interventor crítico.
Agora Telefónica deberá presentar a documentación e fianza habituais nos concursos públicos para que sexa finalmente a adxudicataria do proceso que o presidente Rueda xa daba por case rematado cando a empresa elixida ía ser outra máis cara.