"Se Sánchez quere o voto do BNG ten que gañalo cumprindo con Galiza”, dixo a portavoz nacional, que incidiu en que un goberno alternativo á dereita "terá que ter en conta a axenda galega"
O BNG votará en contra da investidura de Alberto Núñez Feijóo como presidente do Goberno, pero o voto favorable a Pedro Sánchez dependerá de que este "cumpra" con Galiza. Así o lembrou este domingo a formación nacionalista, que celebrou unha xuntanza entre a Executiva nacional e cargos institucionais, un encontro no que Ana Pontón advertiu ao PSOE que o Bloque non ofrecerá un "cheque en branco".
"Se Sánchez quere o voto do BNG ten que gañalo cumprindo con Galiza”, dixo a portavoz nacional, que incidiu en que un goberno alternativo á dereita "terá que ter en conta a axenda galega se quere o noso apoio". Pontón reiterou que o BNG en ningún caso vai apoiar un “goberno de retroceso” de Alberto Núñez Feijóo, sinalando que “en Galiza coñecemos ben o desastre das súas políticas, que deixaron o País peor, con menos sanidade, menos industria, menos xente moza e menos servizos públicos”.
O BNG avanza que pedirá o desbloqueo da comisión parlamentaria de financiamento, que se reclamen todas as transferencias pendentes para avanzar no autogoberno e acabar coa “seca” de 14 anos do Goberno do PP
A reunión buscaba analizar a situación política nun contexto marcado pola formación do Goberno do Estado e no que “hai moito en xogo”, con debates estratéxicos "de gran calado", como o financiamento autonómico ou o modelo territorial, dos que Galiza “está desaparecida, sen posición propia de País, porque Rueda está de brazos caídos, convertido nun simple teloneiro de Feijóo que sempre, sempre, pon os intereses do PP por diante de Galiza”, afirmou.
Neste senso, o BNG avanza que pedirá o desbloqueo da comisión parlamentaria de financiamento, que se reclamen todas as transferencias pendentes para avanzar no autogoberno e acabar coa “seca” de 14 anos do Goberno do PP, e que se negocie “un novo status político de nación para Galiza, para non quedar atrás mentres Euskadi e Cataluña avanzan”. “Cando falamos autogoberno falamos de ter as ferramentas para dar máis benestar aos galegos e as galegas e por iso o BNG quere camiñar con paso firme nesta dirección”, salientou Pontón
O contexto político neste inicio de curso está tamén marcado pola proximidade das eleccións ao Parlamento galego, aínda non convocadas, que deben celebrarse antes do verán de 2024. Neste senso, Pontón destacou o “avance imparable do cambio, cun BNG preparado para disputarlle a hexemonía ao PP liderando o próximo goberno da Xunta e defendendo ao País sen ataduras madrileñas”.
Pontón criticou o "servilismo de Rueda a Madrid", denunciando que "mesmo vota en contra do uso do galego no Congreso”
Na súa intervención, a portavoz nacional criticou o "servilismo de Rueda a Madrid", denunciando que "mesmo vota en contra do uso do galego no Congreso”. “É algo tan vergoñento que non ten parangón”, dixo Pontón, que cre que iso evidencia unha vez máis "que actúa como peón da estratexia de crispación que dita Feijóo”, como "demostra" tamén que vaia ir de “figurante” á manifestación convocada polo PP de Madrid. Pontón anticipou a repetición da foto de Colón de quen “se empeña en negar que Galiza existe, coa súa lingua, a súa cultura e como nación histórica”.
Fondo de rescate hipotecario
O Bloque anuncia que levará ao Parlamento un fondo de rescate hipotecario para axudar ás miles de persoas "que viven afogadas" e agora teñen que facer fronte a un novo incremento dos tipos de interese
Finalmente, o BNG anunciou que levará ao Parlamento galego un fondo de rescate hipotecario "para axudar as miles de persoas que viven afogadas" e agora teñen que facer fronte a un novo incremento “cruel, inxusto e disparatado” dos tipos de interese. “As familias e a clase traballadora pagan unha vez máis a crise mentres a banca se forra”, criticou a líder do BNG, que reprochou ao Banco Central Europeo que, coa bendición dos Estados, “cargue contra a xente do común que apenas chega a fin de mes e ten que soportar unha suba nas hipotecas de até 3.000 ou 4.000 euros ao ano”.
“Rueda ten que deixar de arrastrar os pés nesta crise e ten que deixar de ignorar os problemas que lle quitan o sono á maioría social deste País. Menos traballar para Feijóo e máis traballar para Galiza”, concluíu Pontón
Co mesmo obxectivo de axudar ás familias, anunciou que o Bloque tamén proporá unha modificación orzamentaria urxente con medidas como a reactivación da tarxeta básica, e solicitará a creación dun fondo de rescate hipotecario sufragado nun 75 % pola banca e que, na práctica, supón fixar un tope nos intereses, explicou. Un fondo que beneficiará ás persoas con ingresos por debaixo do salario medio do Estado (26.832 euros) obrigadas a destinar máis do 30 % dos seus ingresos a pagar a hipoteca.
“Rueda ten que deixar de arrastrar os pés nesta crise e ten que deixar de ignorar os problemas que lle quitan o sono á maioría social deste País. Menos traballar para Feijóo e máis traballar para Galiza”, concluíu Pontón.